|
5.1. Inspección de Traballo e Seguridade
Social
A Inspección de Traballo ten asignadas a vixilancia,
información, asesoramento e o control en todo o relativo ao cumprimento das normas de seguridade e saúde
no traballo, así como dos servicios de prevención. [LPRL
art.9]
Os traballadores/as e mailos seus representantes (Delegados
e Delegadas de Prevención) poderán recorrer á Inspección de Traballo se consideran
que as medidas adoptadas polo empresario non son abondo para garantir a seguridade e a saúde no traballo. [LPRL
art.40]
Nas visitas ás empresas a Inspección comunicará
a súa presencia ao empresario, ao Comité de Seguridade e Saúde e ao Delegado/a de Prevención
para que lle acompañen e lle formulen as observacións que estimen oportunas. Despois a Inspección
informará aos Delegados/as de Prevención sobre as medidas adoptadas. [LPRL art.40]
As funcións da Inspección no relativo á
saúde laboral son: [LPRL art.9]
• Vixiar o cumprimento da normativa sobre prevención
de riscos laborais, levantando acta das infraccións que detecten e propoñendo á autoridade
laboral as sancións correspondentes.
• Asesorar e informar ás empresas e aos traballadores/as
sobre a maneira máis efectiva de cumprir as disposicións.
• Informar á autoridade laboral sobre os accidentes de
traballo mortais, moi graves ou graves e sobre as enfermidades profesionais cando dita autoridade o solicite.
• Poñer en coñecemento da autoridade laboral as
deficiencias e os abusos en materia de prevención aínda que non estean especificamente cubertos pola
normativa laboral.
• Comprobar e favorecer o cumprimento das obrigas asumidas polos
servicios de prevención.
• Ordenar a paralización inmediata dos traballos cando
se advirta a existencia de risco grave e inminente para a seguridade ou saúde dos traballadores e traballadoras.
Para denunciar un incumprimento ante a Inspección
de Traballo se fará por escrito, detallando se é posible a normativa que proceda. Debe dirixirse
á Inspección Provincial correspondente. Cando a Inspección acuda ao centro de traballo para
comprobar a denuncia, os Delegados ou Delegadas de Prevención deben procurar estar presentes e acompañalos
na visita. [LPRL
art.40, art.36.2.a]
5.2. Centros Provinciais de Seguridade e
Saúde
Os Centros Provinciais de Seguridade e Saúde de cada
provincia dependen do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo e da Comunidade Autónoma. [LPRL art.8.1]
Son órganos científico-técnicos da Administración
que teñen como misión a análise e estudio das condicións de seguridade e saúde
no traballo, así como a promoción e apoio á mellora das mesmas.
As funcións dos Centros Provinciais son fundamentalmente
as seguintes:
• Investigación de accidentes e enfermidades profesionais.
• Recoñecementos médicos laborais a demanda.
• Formación a través de cursos, charlas e outras
accións a diversos niveis.
• Asesoramento técnico a empresas e traballadores/as
sobre riscos e medidas de prevención a requirimento ou a iniciativa.
Será a esta última función á que
os Delegados e Delegadas de Prevención podemos sacar maior partido, xa que ante calquera dúbida sobre
se as medidas preventivas que a empresa propón, ou ante a sospeita de que un determinado lugar de traballo
ou algunha tarefa poden resultar un risco para a saúde dos traballadores e as traballadoras, se requirirá
asesoramento ao Gabinete Provincial correspondente.
Esta petición de asesoramento se fará por escrito,
expoñendo o máis detalladamente posible o problema, e o asinarán os Delegados/as de Prevención.
Neste caso, un técnico da especialidade de que se trate
o problema visitará o centro de traballo e elaborará un informe, de maneira que se fora necesario
interpoñer denuncia ante a Inspección, este informe será vinculante para a mesma.
Cando os técnicos do Centro Provincial visiten a empresa,
entrevistarán aos responsables da mesma e aos Delegados/as de Prevención. Logo de solicitar os datos
da empresa e traballadores/as afectados/as, procederán a facer as medicións, estudios, etc. que sexan
necesarios para elaborar o informe técnico solicitado. É conveniente que o Delegado ou Delegada de
Prevención estea presente, para comprobar que as condicións de traballo sexan as mesmas que habitualmente
se dan na empresa. [LPRL art.36.2.a]
Os Centros Provinciais de Seguridade e Saúde
son de gran axuda para os Delegados e Delegadas de Prevención polo que non hai que dubidar en solicitarlles
asesoramento cando sexa necesario.
5.3. Instituto Nacional de Seguridad e Higiene
en el Trabajo
É o órgano científico técnico da
Administración Xeral do Estado que ten como misión a análise e estudio das condicións
de seguridade e saúde no traballo, así como a promoción e apoio á mellora das mesmas.
[LPRL art.8]
Para isto establecerá a cooperación necesaria
cos órganos das Comunidades Autónomas con competencia nesta materia. Ten as seguintes funcións:
• Investigación e asesoramento.
• Formación en materia de prevención de riscos.
• Información e documentación.
• Apoio técnico e colaboración coa Inspección
de Traballo.
• Colaboración con organismos internacionais.
• Coordinación das distintas Administracións Públicas
5.4. Consello Galego de Seguridade e Hixiene
no Traballo
É o órgano colexiado asesor da Administración
pública na formulación das políticas de prevención e o órgano de participación
institucional en materia de seguridade e saúde no traballo. [Decreto
446/1996 de 26 de decembro]
Ten unha composición paritaria tripartita con representación
da administración, as organizacións empresariais e os sindicatos.
As funcións do Consello Galego de Seguridade e Hixiene
no Traballo son:
• Coñecer as actuacións que desenvolva a administración
pública en materia de prevención de riscos laborais e poderá informar e formular propostas,
especificamente no que se refire a:
- Criterios e programas de actuación.
- Proxectos de disposicións de carácter xeral.
- Plans, programas e proxectos en materia de prevención
de riscos laborais que lle sexan remitidos pola Dirección Xeral de Relacións Laborais.
- Coordinación entre as administracións públicas
competentes en materia laboral, sanitaria e de industria.
5.5. Comités Provinciais
No ámbito provincial, os Comités provinciais teñen
a mesma estructura e representación que o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo, e as súas
funcións son as que se relacionan a continuación:
• Coñecer os acordos do Consello.
• Elevar ao Consello, para o seu estudio, propostas sobre prevención
de riscos laborais no ámbito provincial.
• Crear as comisións de traballo que consideren necesarias,
determinando as funcións, número de membros e composición delas.
• Aqueloutras que lles foran encomendadas polo Consello.
5.6. Fundación para la Prevención
de Riesgos Laborales
A Fundación Estatal para a Prevención de Riscos
Laborais, é un organismo dependente da Comision Nacional de Seguridade e Saude, a Fundación ten como
obxectivo promover a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, en especial nas pequenas
empresas, a través das accións de información, asistencia técnica, formación
e promoción do cumplimento da normativa en prevención. [Disposición
adicional quinta da LPRL]
5.7. Fundación Galega para a Prevención
de Riscos Laborais
A Fundación Galega para a Prevención de Riscos
Laborais, é un organismo sin animo de lucro. Creada polos membros do Consello Galego de Seguridade e Hixiene.
Ten por obxecto "promover a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, especialmente
na pequena empresa", tendo a condición de benificiarios últimos das accións da Fundación
os traballadores e traballadoras, así como especialmente as pequenas empresas. [Orde da Consellería de Presidencia e Administación Pública
de 1/12/2000]
5.8. Fiscalía Xeral do Estado
O Código Penal no seu articulado recolle a posibilidade
de actuar en caso de incumprimento e de nelixencia en
materia preventiva, así mesmo se insta aos Fiscais a
que actúen de oficio, para lograr unha labor preventiva dos accidentes laborais, para evitar que se
repitan conductas que custan tantas vidas e provacan grandes lesións, moitas veces eludibles si se adoptasen
as debidas precaucións. Por isto correspóndelle á Administracion de Xusticia tomar a iniciativa
nestas ocasións de neglixencia e incumprimento en materia preventiva. [Instrucción nº 1/2001 da Fiscalía Xeral do Estado]
|