16/5/2012
Onte convocaron unha concentración diante das instalacións da empresa, en Touro
Corenta e un
traballadores da empresa ‘Francisco Gómez e Cia’, quedarán na rúa logo de
executarse o ERE aprobado unilateralmente pola empresa e que foi xustificado en
previsión de perdas futuras. Este martes, os traballadores, apoiados por
representantes da CIG-Construción, concentrábanse diante das instalacións do
grupo en Touro.
27/4/2012
A CIG celebrou unha concentración diante da Autoridade Portuaria para reivindicar postos de traballo no Porto Exterior sen riscos para a saúde e con plena seguridade
Coincidindo coa véspera da celebración do Día Internacional da Seguridade e a Saúde Laboral, extraballadores/as das obras do Porto Exterior e delegados/as da CIG participaron nunha concentración diante da Autoridade Portuaria para reivindicar a creación de empregos sen riscos de morte e con garantías do pleno cumprimento da normativa en materia de seguridade e saúde laboral. Así mesmo, coa protesta a CIG reclamar a recolocación dos exempregados da UTE-Langosteira nas futuras obras que se contraten no porto.
9/3/2012
Os traballadores/as manifestáronse dende as instalacións da fábrica no Polígono das Lagoas até a Casa do Concello
Os traballadores e traballadoras de Privilege manifestáronse na mañá deste venres dende as portas da fábrica no Polígono das Lagoas até a Casa Concello de Narón, onde mantiveron unha xuntanza co alcalde e os/as voceiros/as dos grupos municipais para demandar o apoio da Corporación e instalos a urxir á Xunta na procura dun comprador para a factoría que posibilite á continuidade da actividade e os 73 empregos.
23/12/2011
A CIG da Mariña anima a toda a cidadanía a participar este venres, 23 de decembro, na manifestación convocada polo Comité de empresa en Mondoñedo
O Comité de empresa de Aglomerados Ecar ten convocada para a tarde deste venres unha manifestación contra a decisión empresarial de Finsa de pechar a factoría que ten en Mondoñedo. Esta decisión, subliñan dende a CIG da Mariña, suporía a destrución de 62 postos de traballos directos, mais tamén afectaría ao conxunto da economía da comarca, que nestes momentos afronta “un panorama laboral desolador”.
16/12/2011
A CIG reclama á Autoridade Portuaria que depure responsabilidades polo incumprimento do requirimento da Inspección de Traballo, obstaculizar a investigación aberta e pór en perigo a seguridade do persoal
O Secretario da Unión Comarcal da CIG da Coruña, Paulo Carril, quere denunciar publicamente as decisións irresponsábeis e neglixentes adoptadas pola UTE Langosteira, as empresas subcontratadas e a Autoridade Portuaria que, a pesar do requirimento expreso da Inspección de Traballo, decidiron retomar as tarefas de desmontado da grúa nas que o pasado mes de outubro faleceu un operario. Ante esta grave actuación, alén das posíbeis consecuencias penais para os actuantes, a CIG esixe da Autoridade Portuaria que depure responsabilidades entre os culpábeis de pór en risco a vida dos traballadores/as e dificultar a continuidade da investigación aberta para esclarecer as causas do sinistro.
2/12/2011
A UTE-Langosteira vai executar até o 22 de decembro o despedimento da totalidade dos seus traballadores/as ante a entrega das obras á Autoridade Portuaria
O Comité da UTE Langosteira e a Unión Comarcal da CIG da Coruña demandaron este venres en rolda de prensa compromisos por parte da Autoridade Portuaria de cara a garantir a continuidade dos postos de traballo do actual cadro de persoal na nova fase de construción do Porto Exterior. A demanda chega ante o anuncio, por parte da UTE, da entrega das obras o vindeiro 28 de decembro e a comunicación do despedimento da totalidade do cadro de persoal, composto por 150 traballadores/as. Destes, 70 operarios/as foron despedidos esta mesma mañá e o resto do persoal será cesado paulatinamente até o próximo 22 de decembro.
22/11/2011
O compromiso foi adquirido na primeira das xuntanzas, celebrada hoxe na Inspección de Traballo con sindicatos e empresas
A Unión Temporal de Empresas (UTE) que
constrúe o novo hospital de Vigo comprometeuse hoxe a velar polo
cumprimento das condicións laborais das distintas subcontratas que
prestan servizo na obra, para o contará coa participación das organizacións
sindicais. A decisión foi adoptada na primeira xuntanza da comisión
de seguimento e control dos traballos que se constituíu despois de
que a CIG-Construcción denunciase incumprimentos sistemáticos do
convenio colectivo provincial.