Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
8/3/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Irlanda: As eleccións auguran algo máis que un cambio de Goberno

O Sinn Féin, con catorce escanos despois de triplicar o número de votos e de representantes no Parlamento, eríxese nunha forza importante da oposición, encabezada por Fianna Fail cunha diferenza de seis deputados. Algunhas voces reclaman unha alianza entre Sinn Féin e independentes de esquerda para lle arrebatar ao partido derrotado mesmo o liderado da oposición.

 Normalmente a cobertura dos medios de comunicación no que a eleccións se refire adoita centrarse no partido político que obtivo a vitoria, pero no caso dos comicios xerais celebrados hai uns días en Irlanda, comentarios, análises e novas deron en centrrse na derrota de Fianna Fail. Quizais se deba á enormidade da desfeita ou a que, como sinalaba unha comentarista do diario «Irish Times», o Fianna Fail era un dos alicerces da tradición irlandesa, xunto á Igrexa católica e a Asociación de Deportes Gaélicos.

 A perda da referencialidade da institución relixiosa iniciouse anos atrás co escándalo de abusos sexuais e malos tratos de nenos, novos e mulleres a mans daqueles que se supuña debían protexelos. O venres pasado chegoulle a hora a Fianna Fail, ao que o electorado irlandés lle fixo pagar o desastre económico que vive o país logo de catorce anos de goberno, doce deles de superávit orzamentario.

 Algúns auguran que o colapso do voto tradicional do partido -que se remonta a principios do século XX, cando a guerra civil en contra e a favor do tratado que deu orixe ao Estado irlandés e a partición de Irlanda- abre a porta a unha nova forma de facer política no país, dominada pola historia e a tradición. Estas eleccións acabou con dinastías políticas e coa idea de que os escanos e as carteiras ministeriais son hereditarias.

Camiño á estabilidade

Pero agora é o momento no que os electores deben deixar de aledarse da derrota inflixida para analizar as consecuencias dos votos outorgados. Os conservadores de Fine Gael comezaron a negociar unha eventual alianza cos laboristas, porque é o único camiño para a estabilidade -a que proporcionan cen deputados-, aínda que esta pase por compromisos difíciles para ambas as formacións.

 O laborista Eamon Gilmore declaraba o domingo que quería que as negociacións sobre unha posíbel coalición de Goberno concluísen o antes posíbel, e advertía de que o seu partido non estaba disposto a esperar a iniciativa de Fine Gael. Precisamente, foron algúns dos deputados independentes os que xa lle deron as costas a unha posíbel negociación con Fine Gael e anunciaron a súa intención de formar un grupo técnico no Parlamento para poder gozar de maior tempo nas súas intervencións.

 Porén, a formación de Goberno en Irlanda revístese de urxencia cando se coñecen os prazos. O Parlamento irlandés reúnese o vindeiro mércores para designar o taoiseach (primeiro ministro). O xoves, os líderes dos dezasete países da zona euro -entre os que está prevista a presenza de Enda Kenny xa como primeiro ministro irlandés- manterán un encontro en Bruxelas para discutir cuestións chave da operación de rescate da economía irlandesa. En quince días, formalizaranse as decisións sobre esta cuestión. Irlanda ten présa por elixir o seu novo Executivo.

 Aínda que os dous partidos non son aliados políticos naturais uníronse con anterioridade para formar Goberno.

Reunións a dúas bandas

 Así pois, o líder conservador Enda Kenny e Gilmore mantiveron a súa segunda reunión en dous días durante a mañá de onte co obxectivo de pescudar se son capaces de atopar unha «base común» sobre as cuestións máis urxentes que terá que abordar o futuro Executivo dublinés. Ambos coinciden na necesidade de modificar vario dos termos do rescate financeiro de Irlanda por parte da Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional (FMI) negociado polo Goberno saínte de Brian Cowen cos seus socios comunitarios e valorado en 85.000 millóns de euros, como os tipos de xuros impostos para devolver o empréstito, e cumprir así a súa promesa electoral. Pero difiren en cuestións de política económica no ámbito irlandés, como a redución da débeda pública de Irlanda, as reformas do sector público e a relación entre impostos e recortes fiscais.

 Mentres Kenny e Gilmore mantiñan o seu segundo encontro, as delegacións dos seus partidos atopábanse na sede do Goberno irlandés. O encontro entre as dúas formacións comezou ao mediodía, antes do esperado. Fine Gael está representado polos deputados Phil Hogan, Michael Noonan e Alan Shatter, mentres que a delegación laborista intégrana Joan Bruton, Pat Rabbitte e Brendan Howlin, xunto ao seu conselleiro económico Colm O'Riordan.

 Precisamente Shatter, deputado do Fine Gael e membro do equipo negociador do partido, xa advertiu de que aínda que non querían pechar a porta a un acordo parlamentario cos independentes, sería «moi difícil» alcanzalo. Espérase que calquera posíbel pacto se perfile para finais de semana, cando o Partido Laborista manterá unha reunión extraordinaria, xa que os seus estatutos recollen que os líderes necesitan a aprobación dos representantes da organización do partido antes de formalizar un acordo de Goberno.

 E o Sinn Féin celebraba os seus resultados coa satisfacción de quen por fin recibe pagamento polos anos de traballo local e comunitario, cunha propina de escanos inesperados. O Sinn Féin, con catorce escanos despois de triplicar o número de votos e de representantes no Parlamento, eríxese nunha forza importante da oposición, encabezada por Fianna Fail cunha diferenza de seis deputados. Algunhas voces reclaman unha alianza entre Sinn Féin e independentes de esquerda para lle arrebatar ao partido derrotado mesmo o liderado da oposición.

 a fin da tendencia de voto tradicionais beneficiou a Sinn Féin, cuxos candidatos contaban tan só con aqueles votos que recibían dos incondicionais do partido e nunca se beneficiaban das transferencias.

 E, neste punto, é importante explicar o funcionamento do proceso electoral en Irlanda. Os votantes reciben unha papeleta que inclúe a todos os candidatos de todos os partidos que aspiran a un escano na súa circunscrición electoral. O votante pode establecer unha orde de preferencias marcando as papeletas con números que van do 1 (primeira preferencia) até completar o total de candidatos.

 Cando se contan as papeletas, primeiro divídense en relación ás primeiras preferencias dos votantes -isto é, de acordo cos candidatos marcados co número 1-. Se algún supera a cota nese área (o número de votos emitidos dividido polo número de escanos) o excedente dos seus votos divídese entre os candidatos que nestas papeletas aparecen co número dous. O mesmo ocorre con aqueles que resultan eliminados por non contar con suficientes votos.

 No pasado, o Sinn Féin non aparecía entre as segundas ou terceiras preferencias dos votantes, pero esa tendencia tamén cambiou aínda que non dunha forma espectacular.

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 2 de marzo de 2011]

cig.prensa@galizacig.com