marco
3/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Irlanda do Norte: O Sinn Féin opta a ser a primeira forza política nas eleccións

Os resultados destas eleccións europeas no norte de Irlanda van ser analizados por comentaristas políticos que xa albiscan nas preferencias dos votantes a resposta a moitas das incógnitas que xera o complicado panorama político norirlandés.

Apoian os votantes a actuación do goberno pluripartito e, especificamente, a alianza entre DUP e Sinn Féin? É a coalición con partidos políticos externos ao panorama político norirlandés a solución á perda de votos? Será o final do panorama político norirlandés o que Sinn Féin resulte ser o partido máis votado nestas eleccións?

Empecemos pola última pregunta, porque nestes momentos da carreira electoral parece ser a que máis preocupa a certo sector do unionismo e especificamente á candidata do DUP, Diana Dodds, que durante a presentación do seu programa europeo non puido senón referirse ao que é o gran tabú para o seu partido: o seren superados por primeira vez por un partido nacionalista nunhas eleccións. «Unha desfeita para o unionismo» se a candidata do Sinn Féin, Bairbre de Brún, é a máis votada, e unha dobre desfeita, poderíase engadir, se a división do unionismo facilita que dous dos tres representantes do norte de Irlanda no Parlamento europeo sexan nacionalistas.

A causa da advertencia de Dodds é clara: o que o eurodeputado tránsfuga do DUP, Jim Allister, tamén concorra ás eleccións, podería dividir aos votantes tradicionais do DUP, e facilitar a elección da candidata republicana co maior número de votos, rachando cunha tradición de vitoria que o seu partido iniciou en 1979. E Dodds quere reconciliarse co outro partido tradicional unionista, o UUP, pedindo aos seus votantes que transfiran as súas segundas preferencias ao seu candidato, Jim Nicholson. Porén, o perdón non lle chegou ao tránsfuga Allister, ao que o DUP define como «un solitario que vai por libre».

No que se refire ás coalicións electorais, estas europeas poñen a proba os plans de unificación entre conservadores británicos e os unionistas do UUP, que concorren ás eleccións baixo a denominación Conservadores e Unionistas do Ulster: Nova Forza.

O UUP vende esta alianza ás súas bases como un reforzo dos vínculos políticos con Gran Bretaña, que tan importantes son para a tradición unionista, mentres que para os conservadores é unha oportunidade de abrir unha fronte nunha área na que os laboristas británicos non teñen presenza. Porén, as anécdotas fan cuestionarse o interese dos conservadores nesta fusión. O pasado 21 de maio, o día no que o líder conservador David Cameron visitaba o norte de Irlanda, o candidato do TUV, Jim Allister, facía público o apoio de dous eurodeputados conservadores -Dan Hannan e Roger Helmer- á súa candidatura. É de imaxinar que Cameron, ou o candidato conservador-unionista a estas eleccións, Jim Nicholson, non deben estar demasiado contentos con estes apoios.

Por outra banda, a coalición cos conservadores podería custarlle a Nicholson a transferencia de votos nacionalistas do SDLP, que nas eleccións de 2004 lle valeron o escano en Bruxelas. A alianza cos conservadores británicos, e a decisión de Cameron de abandonar o grupo dos populares europeos para se unir a partidos euroescépticos de extrema dereita non é a mellor estratexia para atraer os votos dos nacionalistas laboristas. E iso podería non só custarlle o escano a Nicholson, senón permitir a un segundo candidato nacionalista, Alban Maginnis, arrebatárllelo aos unionistas.

A resposta á primeira pregunta segue sendo unha incógnita imposíbel de revelar nunhas eleccións nas que se contan tantos factores como os mencionados.

Para algúns, a resposta será tan simple como a suma dos votos do DUP cos de Sinn Féin e unha comparación cos obtidos polo resto dos partidos... Mais nun panorama tan complexo como o norirlandés hai que considerar o resto dos factores, e especialmente, o das divisións políticas unionistas.

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 3 de xuño de 2009]