Desde o Goberno Español e desde altas instancias europeas, como é o caso do BCE e da propia Comisión Europea, sigue a facerse fincapé da necesidade urxente dunha reforma laboral profunda como medida prioritaria para crear emprego e saír da crise.
Os eixos desa reforma laboral xiran ao redor de : modificación da estrutura da negociación colectiva, pola vía de darlle prevalencia o convenio de empresa sobre o convenio de calquera outro ámbito; abaratar o despedimento ou facilitar a flexibilidade interna ás empresas, o que se traduce en darlle facilidades á empresa para que poida descolgarse do cumprimento do convenio colectivo en calquera das materias, modificar a xornada laboral ao seu antollo, etc.
As supostas rixideces do mercado laboral nada tiveron, nin teñen que ver, coa crise económica e polo tanto tampouco a solución á mesma está na reforma de dito mercado, como de forma reitera pretenden facernos crer os poderes económicos cos seus gobernos títeres á fronte. Nunca as reformas do mercado laboral foron a saída ás crises económicas no Estado Español, proba desto é que as reformas feitas polo anterior goberno non só non evitaron a destrución de emprego senón que este veuse incrementado. Dous datos, o Estado Español é dos que máis desemprego acumula en toda a UE, sendo tamén onde se dan os maiores índices de temporalidade e rotación nos postos de traballo; así mesmo, os maiores índices de desemprego se dan no sector dos menores de 30 que é tamén onde é maior a temporalidade e os salarios máis baixos.
A reforma laboral que vai levar adiante o Goberno do PP e que esixen a UE, o BCE e a CEOE, o única que busca é aproveitar a crise económica para por en marcha toda unha serie de reformas estruturais que provoquen un recorte xeneralizado de dereitos e das actuais condicións laborais, retrocedendo as mesmas a un escenario de fai cincuenta anos; debilitar as armas de presión con que conta a clase traballadora como son a negociación colectiva e a folga, en definitiva, cargar os custos da crise á clase traballadora e deixala nunha situación de debilidade e cunha capacidade de resposta moi mermada de cara os próximos anos.
A crise económica é unha crise de modelo económico, social e produtivo. Un modelo enormemente inxusto e antidemocrático, baseado no fomento dunha economía especulativa que favorece a acumulación da riqueza en poucas mans, a centralización do poder e a dirección das políticas económicas, sociais e laborais, por institucións financeiras e políticas, sen o máis mínimo control democrático, ao servizo do capital financeiro.
A saída á crise ten que partir dunhas políticas estruturais que fixen o camiño do que ten que ser un novo modelo económico, sostíbel social e medioambientalmente, que garanta un reparta equitativo da riqueza e o acceso, por parte de toda a poboación, a dereitos básicos como son o emprego, a vivenda, o ensino, a saúde, a enerxía, a alimentación e un medio ambiente limpo.
(Artigo publicado no xornal ‘El Progreso’ o día 20 de 2012)