Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/3/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Mary Lou McDonald (Sinn Féin): “O pobo irlandés non quere unha volta ao pasado”

O máis importante é que os republicanos entendan a viaxe que fica por diante, e que o proceso de paz é o vehículo que usamos para esa viaxe. A xente non vai tolerar accións ou grupos que buscan minar o proxecto republicano de forma traizoeira. Nestas circunstancias, a vontade do pobo vai prevalecer e o traballo dos líderes republicanos é renovar o seu compromiso co proceso e demostrar que o proceso político funciona e pode darlle ao pobo o que ambiciona.

- Que valoración o fai Sinn Féin destes ataques?

Condenamos os tiroteos dos últimos días. Van ser contraproducentes. O resultado non vai ser positivo e os que os levaron a cabo non teñen plan, estratexia nin idea de como conseguir obxectivos políticos e democráticos. Esta xente é unha minoría, sen apoio na comunidade. Están intentando facer descarrilar o proceso de paz que ten o apoio do pobo, no norte e sur de Irlanda. Non é un proceso perfecto, pero pode avanzar de forma pacífica e democrática. Non imos deixarlles paralizar o proceso. Seguimos opóndonos con determinación á presenza dunha xurisdición británica en Irlanda, e reiteramos o noso compromiso coa reunificación da nosa nación. Co proceso de paz temos unha oportunidade de conseguilo dunha forma estruturada e o pobo irlandés non quere unha volta ao pasado e esta xente ten que entendelo.

- Como recibiu os comentarios de certos xornalistas e políticos que acusan a Sinn Féin de non rexeitar con suficiente contundencia a violencia dos últimos días?

Abofé que me sorprende, porque non poderiamos dicilo con maior claridade, non houbo ningunha ambigüidade na nosa posición e críticas. As condenas deses feitos foron realizadas desde a nosa posición política como republicanos, como persoas que traballan para acabar coa presenza británica en Irlanda e que están totalmente comprometidas con ese obxectivo. Este tipo de comentarios fainos cuestionarnos a axenda deses políticos. Quizais sexa que non poden resistirse á idea de intentar gañar puntos políticos con mesquindades deste tipo, pero coido que deben mirar máis aló das súas políticas de partido e entender que este proceso de paz é unha cuestión de gran interese nacional e que todos debemos apoiar con determinación o proceso, comprometernos de novo con el. Necesitamos un liderado sosegado e asisado, sen recriminacións e declaracións partidistas mesquiñas.

- Os ataques ás forzas de seguridade foron interpretados como un ataque ao proceso de paz. Como impactaron na situación política?

Hai moito tempo que sabiamos da existencia de persoas que queren facer descarrilar o proceso do paz dentro do lealismo, unionismo e o Estado británico, e entre aqueles que se autodenominan republicanos. Sabiamos que existía esa presión e agora resulta ben evidente que algúns destes últimos actuaron para obstaculizar os nosos esforzos de conseguir a reunificación de Irlanda por medios pacíficos. Estes incidentes tiveron un claro impacto no proceso, que non se pode cuestionar. O que tamén vimos é unha fronte unida por parte do primeiro ministro e o viceprimeiro ministro norirlandés, o que nos enche de esperanza. Nas comunidades hai moito enfado por todas as accións. Calquera con sentidiño aprecia o gran valor deste proceso de paz e as súas vantaxes. Pero o máis importante é que os republicanos entendan a viaxe que fica por diante, e que o proceso de paz é o vehículo que usamos para esa viaxe. Sei que a xente non vai tolerar accións ou grupos que buscan minar o proxecto republicano de forma traizoeira. Nestas circunstancias, a vontade do pobo vai prevalecer e coido que o traballo dos líderes republicanos, máis aínda dos líderes políticos e dos dous gobernos - e nomeadamente do Goberno británico - é renovar o seu compromiso co proceso e demostrar que o proceso político funciona e pode darlle ao pobo o que ambiciona.

- Falando de ambicións, unha das chaves do proceso é a transferencia do poder xudicial e do control policial de Londres ao Goberno de Belfast. Como poden afectar as accións dos grupos disidentes a esta transferencia, sobre todo, tendo en conta as declaracións do líder do UUP, Reg Empey, quen sostivo que as institucións non teñen a madureza para ocupárense da seguridade do norte de Irlanda?

Coido que iso é unha parvada. Progresamos no que se refire a conseguir unha forza policial civil e responsábel, que é transparente e goza da confianza de todos, independentemente da ideoloxía política. Pero, aínda non acabamos esa transformación e non o faremos até que o control policial non pase a ser resposabilidade de Belfast. Esta transferencia de poderes conta co apoio popular. Os políticos unionistas ou o Goberno británico non deberían escudarse nos incidentes dos últimos días. Debemos manternos centrados, manter a calma e os nosos obxectivos, e dar á xente a xustiza e a policía que desexa, o que significa transferencia de poderes.

O que nestes momentos queremos asegurar é que as atrocidades destes días non supoñan un paso atrás cara á mala praxe do pasado, a malas actitudes policiais, porque agora, máis que nunca, a poboación necesita ver avances concretos na provisión dun servizo policial. É o que necesita o norte de Irlanda, e o que se merece. Iso é exactamente o que os políticos deben darlle.

- Que mensaxe desexa trasladar Sinn Féin nestes momentos?

Estamos nun momento decisivo, de volta ás bases, e creo que debemos ter claro que é o que queremos, non só os políticos senón toda a poboación. Debemos ter claro que pedimos un proceso que funcione, que estamos dispostos a apoialo e que, sexan cales sexan as críticas que a xente poida facer do proceso -porque ningún é perfecto-, é o que creamos colectivamente. Aínda que é difícil, tamén é forte, e considero que vai sobrevivir a estas dificultades. Pero, para iso vai requirir dunha man firme e segura. Necesitamos, xa que logo, uns líderes racionais e asiados, e non reaccións explosivas como as de Jim Allister -europarlamentario que optou pola escisión do DUP cando o partido decidiu formar goberno con Sinn Féin-, que estaba baballoando e pedindo que as Forzas Especiais (SAS) do Goberno británico volvan ao norte de Irlanda.

____________________________________________________

* Mary Lou McDonald é europarlamentaria polo Sinn Féin.

____________________________________________________

[Entrevista tirada do xornal vasco ‘Gara’, do 11 de marzo de 2009]

 

cig.prensa@galizacig.com