Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
10/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Irlanda: novo referendo o 2 de outubro sobre o Tratado de Lisboa

Hai pouco máis dun ano os irlandeses, os únicos cidadáns europeos chamados a votar o Tratado de Lisboa, rexeitaron ese texto. Agora Dublín anuncia unha nova consulta sobre o mesmo documento para o próximo 2 de outubro e para celebrala o Goberno conseguiu un protocolo no que simplemente se afirma que o contido do Tratado non interfere coa legalidade irlandesa, pero non se oferece ningunha garantía de que iso non vaia ocorrer.

A historia dá en se repetir. O mesmo que sucedeu co Tratado de Niza -rexeitado en primeira instancia polo electorado irlandés e aprobado ao segundo intento- ocorrerá agora co de Lisboa. O primeiro ministro irlandés, Brian Cowen, anunciou ante os parlamentarios irlandeses que a nova consulta sobre o mesmo texto se ha realizar o próximo 2 de outubro.

Cowen asegurou que as garantías legais outorgadas aos irlandeses no cumio do Consello de Europa do pasado mes de xuño son suficientes para silenciar s preocupacións que levaron os votantes a rexeitaren o Tratado de Lismo no referendo que tivo lugar o 12 de xuño do 2008. «Sobre esas bases, recomendo ao Goberno que volvamos convocar o electorado para buscar a súa aprobación de cara á ratificación do Tratado», sinalou o premier irlandés.

Porén, grupos de presión e partidos políticos contrarios ao Tratado non aceptan os argumentos gobernamentais para este segundo referendo. Roger Cole, que representa ao grupo Alianza pola Paz e a Neutralidade, acusa o Executivo de sacrificar os intereses e decisións dos irlandeses ante a burocracia europea, xa que o protocolo negociado en Bruxelas o mes pasado «non cambia absolutamente nada». Segundo Cole, a decisión de convocar unha nova consulta atenta contra a Constitución irlandesa que, no seu artigo 6, estabelece que «todos os poderes do Estado, lexislativo, executivo e xudicial, derivan do pobo, que posúe o dereito de designar os gobernantes do estado e, en última instancia, decidir sobre todas as cuestións de política nacional», porque o Goberno decidiu «obrigar a xente a votar de novo en exactamente o mesmo Tratado sobre o que xa ofereceran unha decisión final».

«Profundamente triste»

A vicepresidenta de Sinn Féin, Mary Lou McDonald, xa denunciou o 19 de xuño, o día en que concluíu a negociación do Goberno co Consello Europeo o feito de que non se produciu ningunha alteración no texto do Tratado de Lisboa en resposta ás preocupacións dos irlandeses. «Parece que aos irlandeses se lles vai pedir que voten polo mesmo Tratado que rexeitaron o ano pasado», afirmou a líder republicana, que criticou a postura do Esecutivo irlandés, ao que acusou de «non buscar ou asegurar cambios no texto do Tratado».

«É profundamente triste que o Goberno non consiga responder ás preocupacións reais do pobo irlandés en relación aos dereitos dos traballadores e os servizos públicos. Mesmo aqueles que apoian o Tratado de Lisboa describiron a declaración como un intento errado de ‘tratar adecuadamente as necesidades dos traballadores en Irlanda e Europa’», engadiu McDonald.

O líder do partido maioritario na oposición, Enda Kenny, do conservador Fine Gael, que xunto cos partidos da coalición de Goberno apoia o Tratado de Lisboa, augurou unha campaña difícil, xa que, segundo el, non se pode desestimar «a forza do sentimento de confusión que existe na opinión pública», á vez que se negou a confiar nas enquisas de opinión que, como xa fixeron o ano pasado, nestes momentos vaticinan que os irlandeses apoiarán a ratificación do Tratado.

E para garantir un voto positivo, o Goberno, xunto coa Confederación de Empresarios Irlandeses (IBEC), desempoou algunhas estratexias da campaña do 2008, como a presentación por parte do ministro de Asuntos Exteriores dunha guía sobre o Tratado -mentres o Executivo segue sen publicar o documento en si- ou a idea de que o Tratado pode resolver a profunda crise da economía irlandesa, sobre a que os empresarios irlandeses rexeitan ter calquera responsabilidade malia os numerosos escándalos de corrupción e financeiros que se descubriron na industria irlandesa e, particularmente, no sector da construción.

«O último ano aprendeunos que o noso futuro está intrinsecamente ligado ás ambicións e intereses dos nosos asociados en Europa e ao papel de Europa no mundo», argumentou Brendan Butler, director de IBEC en cuestións europeas, para quen «o Tratado de Lisboa facilita a toma de decisións, outorga a Europa unha voz máis forte a nivel mundial e dálles aos cidadáns europeos maior poder de decisión. É un bo trato para Irlanda e un bo trato para Europa», engadiu.

A repetición do referendo xa lles custou aos irlandeses 50.000 euros pola publicación da nova guía, ao que haberá que engadir os máis de catro millóns de euros que custará levar a cabo a consulta.

 

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 9 de xullo de 2009]

cig.prensa@galizacig.com