A resolución da autoridade laboral foi feita pública hoxe en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, polo técnico de saúde laboral Anxo Pérez Carballo e pola responsábel do departamento de Saúde Laboral da central nacionalista na provincia, Zeltia Burgos.
Na comparecencia explicaron que o caso de acoso remóntase ao ano 2010 e resulta aínda máis grave por producirse nunha empresa pública. Neste senso, indicaron que a traballadora está a sufrir “todo o que recollen os manuais como elementos definitorios do acoso laboral, como o maltrato en público, menosprezo, insultos ou retirada de funcións”. A persecución chegou até tal punto -sosteñen- que incluso cambiaron as pechaduras das portas sen avisarlle e lle manipularon o seu ordenador para borrarlle cousas das bases de datos.
Baixa médica e tratamento
A causa destes feitos a traballadora tivo que coller unha baixa médica. “Agora xa non está de baixa en contra da opinión do médico, pero continúa a tratamento”, indica, ao tempo que salientan a súa valentía: “prefire seguir indo ao seu traballo para loitar polos seus dereitos”.
Dende a CIG explican que intentaron mediar cos responsábeis municipais en numerosas ocasións. “Falamos coa concelleira de Cultura e tenente de alcalde no mes de outubro, pero aínda estamos agardando que nos dea unha resposta ou contacte coa afectada”, critican. Despois de realizar xestións a través doutra persoa dixéronlles que non había nada que facer, polo que decidiron ampliar a denuncia feita ante a Inspección de Traballo. “Agora vimos de saber que a autoridade laboral recoñece o caso de acoso, cando non adoita ser habitual, e vén de abrir un expediente de infracción cuxas multas oscilan entre os 6.000 e os 25.000 euros nos casos máis leves e que poden chegar aos 180.00 nos máis graves”.
Ao mesmo tempo, a resolución tamén obriga a repoñer á afectada ás súas funcións e establece un prazo de seis meses para que a Administración pública elabore unha avaliación de riscos psicosociais que inclúa un protocolo de actuación para casos de acoso laboral.