Cun recorte da produción do 50% e unha proposta de ERE de suspensión temporal enriba da mesa para a metade dos 420 operarios/as da factoría da Coruña, o persoal de Alcoa Inespal manifestábase este serán polas rúas da cidade, acompañado por centos de cidadáns/ás e compañeiros/as doutras factorías, para rexeitar as medidas da multinacional do aluminio e contra o desmantelamento industrial da comarca.
Os delegados da CIG na empresa insistiron en que o problema de fondo non é o expediente de regulación, senón a inexistencia dun plan de viabilidade que garanta o futuro das instalacións. Neste senso, teñen reivindicado á dirección que desvele que plans ten para a factoría da Coruña e cal é a viabilidade industrial que terá dentro do propio Grupo. “Se a empresa non responde a estas cuestións entenderemos que Alcoa non ten interese en continuar coa actividade desta planta”, subliñan. “Agora a dirección parece disposta a asumir que o ERE sexa rotativo para o 100% do persoal, pero descoñecemos por completo que vai suceder cando remate a vixencia da regulación”, sinalan.
Dúbidas sobre o futuro da multinacional para as plantas galegas
A este respecto, a sección sindical da CIG volveu advertir que detrás deste recorte da produción e o emprego se agocha a pretensión de Alcoa de deslocalizar a produción a países que teñen unha tarifa enerxética máis barata e un mercado laboral desregulado. Neste senso, apuntan que os problemas da factoría da Coruña comezaron co desmantelamento da liña de produción de fío, deslocalizada hai uns anos á planta de Islandia, e recalcaron que para 2013 está previsto que o consorcio Maaden-Alcoa poña en marcha unha mega fábrica en Arabia Saudita.
No mesmo sentido se manifestaron os compañeiros da Sección Sindical da CIG en Alcoa-San Cibrao, que esta tarde se achegaron até a Coruña para participar da manifestación. A representación da factoría da Mariña tamén se amosou pesimista en canto as expectativas de futuro para as plantas que Alcoa ten na península. De feito, subliñan, a propia dirección se negou a ofrecer garantías sobre a continuidade da actividade nas instalacións de San Cibrao, chegando a ironizar sobre que “para asegurar o futuro xa están Carrefour ou El Corte Inglés”.
“Entre a presentación dos EREs e a predisposición da multinacional a deslocalizar a produción e o traballo (practicamente en San Cibrao todas as tarefas se fan a través das auxiliares) temos moitas sospeitas de que as verdadeiras intencións pasan polo peche das factorías galegas”. Este obxectivo, matizan, explicaría o recente Plano de Evacuación presentado para a planta da Mariña (a pesar de levar 30 anos en funcionamento), a través do que se pretendería evitar calquera reclamación por responsabilidades ambientais unha vez abandonadas as instalacións.
Así mesmo, as Seccións Sindicais da CIG nas dúas factorías matizaron que nos informes económicos anuais, a empresa sempre destacou a rendibilidade das plantas da Coruña, San Cibrao e Avilés. Porén, “de súpeto, A Coruña e Avilés non son competitivas e deciden aplicarlles un recorte da produción e no emprego co obxectivo de reducir custes, pero esta medida vai provocar o efecto contrario xa que o se produza nesas plantas sairá máis caro”, denuncian.
Manifesto dos traballadores/as
Ao remate da marcha, o Presidente do Comité de Alcoa Inespal, deu lectura ao manifesto dos traballadores/as que pasamos a reproducir:
MANIFESTO
Boas tardes/noites:
No nome do Comité de empresa e dos traballadores/as de Alcoa-Inespal de A Grela, recibide un cariñoso saúdo todas e todos os que no día de hoxe nos acompañades (especialmente os compañeiros de Avilés e San Cibrao) por solidarizarse e acompañarnos nesta manifestación reivindicativa polo emprego e contra a deslocalización.
A planta coruñesa de Alcoa leva máis de 50 anos implantada na comarca coruñesa e en toda esta vida industrial coas diferentes denominacións, sendo empresa pública ou privada (Aluminios de Galiza, Inespal, Alcoa), deu a posibilidade de que miles de traballadores/as coruñeses, da comarca e de Galiza, tivesen un traballo para poder sacar adiante dignamente as súas familias ou a súa traxectoria laboral.
Pero hoxe estamos aquí, porque a dirección de Alcoa, o 9 de xaneiro, convocou ao Comité de empresa con carácter de urxencia para informar sobre o recorte de produción do 12% a nivel mundial, debido aos malos resultados económicos no 4º trimestre de 2011.
Segundo a dirección o 7% da redución levaríase a cabo nos EEUU (291.000 toneladas). O restante 5% faríase en Europa mediante o peche da fábrica de Portovesme (Italia) de maneira permanente (155.000 toneladas), e unha redución temporal da produción no estado español de 90.000 toneladas para Alcoa Inespal (fábricas de A Coruña e Avilés), o que suporía unha parada de produción do 50% en cada unha das fábricas. O recorte de produción nas dúas plantas españolas levaría asociado un ERE temporal de un ano para 150 traballadores/as en Avilés e 210 na Coruña.
Alcoa quere xustificar esta medida no estado español baseándose nos altos custes de produción a causa do incremento das materias primas (coque, brea) e do baixo prezo do metal na bolsa de metais de Londres (LME), cunha redución do 27% en 2011. Ademais está o incremento na tarifa eléctrica e a falta dun contrato de enerxía competitivo de longo prazo.
Esta última cuestión, a da enerxía, é o verdadeiro problema que nos trae hoxe aquí, pois non se pode esquecer que case a metade dos custes da produción do aluminio pertencen á electricidade. Se a isto engadimos que o actual contrato coas eléctricas remata en decembro deste ano, máis claro auga.
Por todo iso, Alcoa propón un expediente de regulación de emprego para unha planta emblemática, desmantelando a futuro industrialmente a comarca coruñesa. Isto pon en risco os postos de traballo tanto de Alcoa, como das compañías auxiliares Reymogasa, Masa Galicia, Montajes Dimar, Fremap, Climagal, Segasa, Galman, Montajes Biermar, Traexla, Jofrasa, Cotelsa, etc., que prestan os seus traballos auxiliares, así como a incidencia negativa que pode supor cara o sector das ferroaleacións. En total máis de 1.500 empregos afectados directa ou indirectamente.
O Comité de empresa leva anos insistindo para que Alcoa presente un plan industrial que cubra as esixencias da planta, garantindo a súa viabilidade, e non aplicando parches conxunturais que non supoñen ningunha solución de futuro.
Polo cal, esiximos da dirección de Alcoa, que non é imprescindíbel a aplicación dun expediente de regulación de emprego, que tal e como está proposto pon en risco o futuro da factoría, xa que o que si é necesario é a presentación dun Plan Estratéxico de Futuro que permita que esta actividade siga xerando emprego e riqueza nesta comarca coruñesa que tanto apostou de forma directa e indirecta polo mantemento e a supervivencia destes postos de traballo, tanto para os traballadores/as actuais como para as xeracións vindeiras.
Así mesmo, esiximos aos poderes políticos (Concellos, Deputación, Xunta de Galiza e goberno central) que se involucren nun compromiso político, claro, nidio e necesario para que esta actividade industrial siga tendo futuro e siga sendo un referente na comarca coruñesa. Pois estamos convencidos os sindicatos, traballadores/as e cidadáns/ás, que se non o fan así poderían ser partícipes na defunción industrial dunha actividade que leva máis de cinco décadas e vai a seguir tendo unha demanda de futuro do seu produto independentemente da situación pola que actualmente está pasando.
Grazas de parte dos traballadores/as de Alcoa e dos seus familiares por ter compartido con nós esta xornada reivindicativa e desexarvos aos compañeiros/as de Avilés e San Cibrao un feliz viaxe de regreso.