O paro incrementouse en todos os sectores, especialmente na Construción, onde a suba foi do 7%, fronte o 3,1% na media estatal; Industria, onde medrou un 4% fronte o 1,8% no conxunto do estado e Servizos, onde subiu o 0,3% cando diminuíu no estado nun 0,4%.
Xunto a isto, Rivera considera que é especialmente preocupante a caída da contratación indefinida. No mes de decembro só se asinaron 47.658 novos contratos, dos que unicamente o 6% foron indefinidos. Isto supón unha caída da contratación indefinida dun 21% respecto do mes de novembro e do 37% respecto do mes de decembro de 2010.
A situación, para o secretario confederal de Emprego é “crítica”, porque non se consegue frear a constante perda de emprego e os novos contratos que se asinan son temporais. “Perdemos emprego estrutural porque a Industria segue a ser un dos sectores máis castigados e o pouco que se crea é temporal, co que aumenta tamén a precariedade”.
López Rivera é contundente na súa crítica ás políticas que está a desenvolver a Xunta de Galiza. “Só hai medidas de recorte e ningunha que vaia dirixida a favorecer a creación de emprego. Tampouco se articulan políticas de apoio aos nosos sectores produtivos. O mercado de traballo está paralizado. Así, a situación non fará máis que empeorar e seguiremos perdendo emprego”.