A Consellaría de Traballo e Benestar, denúnciase dende a CIG-Ensino, pretende liquidar o programa Preescolar na Casa ao retirar a subvención que lle viña asignando desde o seu nacemento hai 34 anos. Até o de agora, o programa contaba con subvencións das consellarías de Política Lingüística, Educación e Traballo e Benestar, que se foron reducindo e obrigando á Fundación Preescolar na Casa a presentar un ERE, con vixencia até o 29 de febreiro de 2012, que afecta a 38 traballadores/as.
Deste xeito, 20 profesionais atópanse en suspensión de emprego e 18 teñen reducida a súa xornada laboral. Estes recortes económicos e de persoal obrigaron a limitar o servizo a 1.000 familias, cando até agora atendía a máis de 4.000 familias en todo o País, fundamentalmente no ámbito rural.Preescolar na Casa é un programa pioneiro, referente en distintos países e fundamental para a educación da infancia e das familias. Anxo Louzao, Secretario Nacional de CIG Ensino, manifestou que a central sindical non está disposta a permitir que a Consellaría desmantele este servizo fundamental, que suporía o despedimento de 42 traballadoras e traballadores.
“Esta pretensión da Xunta de Galiza é a mostra máis evidente dos recortes aos que está sometendo a todos os servizos públicos, destruíndo emprego e desmantelando servizos esenciais”, denunciou.
Detrás desta pretensión, subliña, tamén está “o odio visceral desta Xunta de todo o que nos conforma como pobo, xa que este programa que funciona desde hai 24 anos, está vehiculizado no noso idioma e inserido na nosa realidade social e cultural”. Nais, pais, traballadores e organizacións sindicais promoverán tamén unha Iniciativa Lexislativa Popular co obxectivo de que a Xunta de Galiza absorba o programa e aos seus traballadores.