Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 26/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Máis de 5.000 persoas claman en Vigo contra a inacción dos Gobernos español e galego fronte á crise do sector naval

Ao remate da manifestación convocada pola CIG denunciouse a falta de vontade política para salvar unha industria básica para a comarca
Máis de 5.000 persoas participaron esta tarde en Vigo na manifestación convocada pola CIG en defensa do naval. Dende a central nacionalista denunciaron a falta de vontade política para solucionar a grave crise que atravesa o sector e reclamaron a implicación dos Gobernos español e galego cunha industria fundamental para a comarca e estratéxica para o conxunto da economía do país.

Milleiros de veciños e veciñas de Vigo e das comarcas próximas responderon ao chamamento feito pola CIG e participaron nunha nova mobilización en defensa do naval, conscientes da importancia do sector para a economía da cidade e da súa área de influencia.

Durante a marcha, que partiu de Vía Norte pasadas as oito da tarde e rematou fronte á delegación da Xunta hora e media despois, berráronse consignas como “Naval solución”, “Con estes empresarios imos de cu”, “Feijóo cacique, Galiza vai a pique” ou “Xunta atende, o naval non se vende”. Abría a comitiva unha faixa co lema “Pola defensa do emprego na comarca. Salvemos o sector naval”, tras a que ían os responsábeis do sector do Metal do sindicato nacionalista, así como o secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero.

Ao remate da mobilización tomou a palabra o secretario nacional do Naval da CIG. César Rodríguez ofreceu algúns datos para exemplificar a importancia do sector no conxunto da economía da comarca: supón o 30% da riqueza e deu emprego a máis de 10.000 persoas de xeito directo.Tamén alertou de que a súa desaparición arrastrará consigo a outros sectores, como é o caso do comercio local, que atravesa xa unha situación complicada.

Rodríguez explicou que o sector non se atopa en crise xa que hai países europeos que están a pechar contratos e teñen proxectos firmados para varios anos. “O que estamos a padecer aquí é unha reconversión encuberta para favorecer os países con máis peso que o Estado español na Unión Europea”. Nesta liña, criticou con dureza a falta de implicación do Goberno central e da Xunta de Galiza, “sen esquecernos dos Gobernos municipais, que tampouco están a dar a cara polos seus veciños/as”. Finalmente, augurou un empeoramento da situación a medida que se vaian confirmando os ERE´s extintivos presentados e animou a todos e todas as presentes a seguir coas mobilizacións como único xeito de salvar o sector.

Continuar coas mobilizacións

A continuación falou o secretario comarcal da CIG de Vigo. Serafín Otero fixo fincapé en que a CIG seguirá a mobilizarse na defensa do sector “porque non nos resignamos a ver como esmorece definitivamente unha industria estratéxica para Vigo e Galiza”. Tamén incidiu na situación “crítica” que viven moitos traballadores/as do sector que agora están no paro “e que teñen esgotadas xa todas as prestacións por desemprego”.

Neste senso, denunciou que a inactividade do Goberno español e da Xunta de Galiza está a condenar a milleiros de persoas á miseria, “mentres continúan a encher o bandullo dos especuladores, da banca e do grande capital”. O secretario comarcal da CIG de Vigo cargou tamén durante o seu discurso contra o PP, partido que goberna en España e no país. “Non fixeron nada para defender o sector, só ofrecen escusas de mal pagador mentres outros países da Unión Europea seguen a gozar de bonificacións fiscais”. Reclamou a implicación das Administracións na defensa do noso dereito a producir na Unión Europa e amosouse partidario da intervención pública no sector “xa que a iniciativa privada continúa a amosarse incapaz de reactivar a produción nos estaleiros”.

Finalmente, aproveitou a súa intervención para atacar o recente acordo entre patronal e sindicatos para conter os salarios e criticou a política de pacto social porque “non é momento de pactar perda de dereitos senón de mobilizarse para garantir o futuro das vindeiras xeracións”.

O acto reivindicativo pechouse coa interpretación do Himno Galego.

cig.prensa@galizacig.com