O secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz, analiza o impacto da crise económica en Euskal Herria, as consecuencias que está a ter en materia de recortes sociais e laborais e as alternativas que ELA vén defendendo para mudar o actual modelo. Xunto a isto, manifesta o seu “optimismo” ante un proceso político que abre a vía para a normalización de Euskal Herria. Un optimismo no que encadra os emprazamentos do Grupo Internacional de Contacto, promovido por Brian Currin, que se reuniu este luns no Palacio de Aiete de Donostia. A entrevista foi realizada o pasado xoves, día 13 de outubro, en Compostela, a onde se trasladou para participar nunha xuntanza organizada pola CIG.
Como está afectando a crise a Euslkal Herria e cales son os sectores máis afectados?
Afecta de maneira diferente, pero a todos os sectores. E vai afectar a máis e haberá máis paro se non se mudan as políticas. Estamos nesta situación porque se lle fixo caso ao capital e ás empresas e hai que facer o contrario. No noso país o paro anda polo 11-11’5%. Non é o 21% de España nin o 17% de Galiza, pero os ianquis teñen un 9% e están moi preocupados porque din que é insoportábel. Non vou eu defender a Obama, pero en EEUU queren deseñar unha acción política pública para que o emprego sexa unha prioridade. Aquí non o é, é unha retórica baleira, todas as políticas que se están aplicando teñen custe no emprego. A quen máis afecta o desemprego é ao sector Construción, pero tamén aos de Servizos e Industria.
Véñense adoptando toda unha serie de medidas de recorte do gasto público, co pretexto de reducir o déficit. É ese o camiño para solucionar a crise económica?
A clase política está tomando decisións que teñen un común denominador: non queren ter resortes para enfrontarse a este tremendo saqueo do público. Atácanse os dereitos sociais para liberar cartos públicos e transferilos á banca. Cómpre matizar que a crise non ten a súa orixe no mundo financeiro. As súas causas son anteriores. Fixéronse, durante moitos anos, políticas neoliberais co obxectivo de favorecer a acumulación de capital. Para iso, promoveuse unha desregulación da economía a todos os niveis e unha grande privatización do sistema público, abonando o terreo de xogo para que fose propicio á codicia e á especulación. Aí entrou o poder financeiro, porque se lle deixou entrar. Os que nos levaron a esta situación son os que mandan agora na economía. Non houbo ningún imperio na historia que roubara tanto en tan pouco tempo. Nunca se producira tal transferencia de diñeiro público aos bancos, ás entidades financeiras, que foron as responsábeis, en parte, do ultimo desaguisado, co obxectivo de dar satisfacción aos especuladores para que non perderan posicións.
Ante isto, queda claro que a orixe do déficit non ten nada que ver co excesivo gasto social, senón nesa natureza de transferencia e nun diferencial de presión fiscal. Hego Euskal Herria é o terceiro país pola cola de Europa en presión fiscal porque se fixeron políticas dirixidas a beneficiar as rendas de capital. Ese diferencial é de 10 puntos coa media europea, porque con Suecia ou Dinamarca é de 17 ou 19 puntos. É verdade que hai déficit, que ese déficit non ten a súa causa no que eles din, pero tamén é verdade que se pode abordar de dúas maneiras: unha facendo recortes sociais, que é o que están a facer, e outra indo aos ingresos. Esa resistencia irracional da clase política a ir por esa vía dá a entender a privatización da política. Como esta é capaz de renunciar ao seu papel, a ser un mandado e converter a política nunha arte de teatralización. Para evitar chamar as cousas polo seu nome, chámase axuste ao que é recorte, racionalización ao que é máis recorte. É unha perversión da linguaxe.
Fala de organizacións políticas ao servizo do capital. Responde a iso a reforma introducida na Constitución Española para estabelecer un tope de gasto?
É un golpe de estado, porque se di que a prioridade é que cobren os acredores e que todo se supedita a iso. Non hai estado social e de dereito do momento no que o obxectivo prioritario da política é ese. E lévano á Constitución cun procedemento sumario, en plenas vacacións, para que a xente o pense o menos posíbel. Probabelmente esta sexa a reforma máis dura, pero as demais non lle quitan: as dúas reformas laborais, a da negociación colectiva... que nos presenta un tremendo reto ao movemento sindical para adaptarnos a ese terreo de xogo onde vai ser determinante o nivel de sindicación que teñamos en empresas e sectores, porque vai a haber negociación colectiva onde haxa sindicación. A falta de credibilidade que provoca esta acción política, é para estar moi cabreado, moi indignado. Pero hai que pasar da indignación a constituír poder.
ELA presentou a súa propia alternativa, defendendo outro modelo de fiscalidade. En que consiste?
Na nosa proposta de fiscalidade, analizamos imposto por imposto e levamos propostas concretas. O IRPF estaba no 56 para rendas altas, baixárono ao 45 e hai unha marxe para collelo; as rendas de capital no IRPF tributan por debaixo do mínimo das rendas de traballo e propomos que vaian á tarifa progresiva. No que respecta ao imposto de patrimonio consideramos que hai que recollelo enteiro. No de sociedades o tipo real das empresas non chega ao 15% o 67%. No ano 2007 dicían que tiñan ou beneficio cero ou inferior a 6.000 euros. A bolsa de fraude é tremenda: a renda media de traballo dá un ingreso medio de 21.500 euros e a de actividades profesionais ou empresariais da 13.000... iso non o cre ninguén. Tratamos tamén o tema de servizos sociais, elementos de participación, infraestruturas... son propostas a temas distintos. Sobre todo isto somos unha voz no deserto.
Esta proposta foi presentada ás facendas vascas. Cal foi a súa receptividade?
No noso país hai un Órgano de Coordinación Tributaria (OCT), no que teñen participación as tres deputacións e o goberno. É un órgano opaco. Ninguén sabe cando se reúne ou que discute, só que aí é onde se toman as decisións. Nós remitimos un informe ás facendas e ás deputacións: Bizkaia é PNV, Araba é PP e Gipuzkoa é Bildu. Recibiunos o deputado de facenda de Araba, do PP, que era secretario xeral da patronal arabesa. Tiña moita presa e despachounos rapidamente. Só dixo que pensaban atoparse un documento demagóxico e que viron un documento moi razoado, cunha posición de parte lexítima pero que non a comparten. Media hora de reunión. Non nos recibiu o PNV. É unha constante. Sabe o que quere no tema fiscal e une procedemento a contido. Dixeron que ese é un tema que non temos dereito a falar porque non nos presentamos ás eleccións. Bildu, en Gipuzkoa, chamou o pasado luns para fixar unha xuntanza para o 25 de outubro, malia terlles remitido a proposta e unha carta o 8 de setembro. Pero eles xa fixaron a súa posición e fixérona pública antes de que se celebre ningún tipo de contacto. No decálogo que elaborou a maioría sindical, logo da folga de maio de 2009 hai un punto 9 que é “Procedemento de participación social”, que os partidos que están en Bildu dixéronos que aceptaban. Porén, a primeira de cambio vimos dúas cousas tremendamente significativas, que o de Kutxa fixérono sós e que a política fiscal tampouco a participan antes de tomar a decisión. Non nos gustou nada, e pensamos que o texto que fixeron é para acadar o consenso. Desde un punto de vista de esquerdas supón unha renuncia moi importante a elementos centrais. Se es de esquerdas e cres en algo, tes que facer pedagoxía social para explicarlle á xente porque defendes que hai que combater a fraude fiscal. A esquerda renuncia a facer esa pedagoxía nunha conxuntura de hexemonía, de prácticas e de pensamento da dereita, e renunciar a iso desde a política é moi forte porque se ti presentas unha proposta pero queres consenso, o consenso quen o pon é quen mantén unha posición que non quere mover. Necesitamos empalmar coa política e non entendemos a renuncia a elementos tan rápido, porque o que non se fai nos primeiros catro meses non se vai facer. É incríbel e inaceptábel que a clase política renuncie á pedagoxía social.
Tamén cuestionaron os recortes salariais, e os recortes en materia de servizos públicos, servizos sociais, educación, sanidade...
Defendemos unha distribución máis xusta da riqueza. Nos últimos anos no noso país os salarios perderon 7 puntos no reparto da riqueza -para que nos falen de moderación-, como consecuencia de que se incorporou moita xente ao mercado de traballo en condicións moi precarias. Moita xente por debaixo dos 1.100 euros. Por iso dicimos primeiro que defender salarios é xusto, porque ademais hai moita xente que está en moi malas condicións de traballo; segundo, que defender salarios é eficaz para a economía, porque todo diñeiro que se dea a unha persoa que non chega dignamente a fin de mes vai mover a economía real, a produtiva. Pola contra, as políticas dirixidas a depreciar as condicións de traballo -e para iso se fixo a reforma laboral e a da negociación colectiva- socavan máis a economía real e provocan máis desemprego. Toda a suma de políticas económicas que se están aplicando conducen ao colapso, por iso adoito dicir que sabe máis de economía a tendeira de debaixo da miña casa. Se tomamos como exemplo o sector público, se hai conxelación en 2012 -e queren que a haxa- estamos falando dunha redución salarial, cunha perda de poder adquisitivo dun 13% do sector público e de todos os que dependen del. A economía real así non funciona e a alternativa é redistribución de riqueza e é negociación colectiva, que vai ser un conflito e hai que preparar o sindicato para que estea en condicións de poder abordalo.
Respecto de fusión de caixas, desde ELA tamén se cuestionou o resultado.
Propoñíamos que as tres caixas tiñan que ser unha. Pero unha caixa. Non é que non teñamos críticas ao papel que desenvolven, pero o que se discutiu foi facer un banco. A partir de aí hai tres elementos en cuestión: a bancarización, a obra social e o ámbito de representación. Respecto da bancarización, onde se di que se garante que o 100% do banco vai ser público, porque o texto matiza que cando se necesite recorrer á bolsa, ao capital privado, farase. É verdade que o procedemento é máis complexo pero non é imposíbel. Nunha situación na que as leis son tan mutábeis, non hai ningunha garantía de que iso non termine sendo pasto do capital privado e a prezo de saldo. Porque necesidades de capitalización, as entidades financeiras teñen un montón. Na obra social non estaba posto que se destinaba o 30% do beneficio de maneira indefinida. Colócano, pero especificando ‘agás a lei diga o contrario e en función dos niveis de solvencia da entidade’, e non se determina cales son eses niveis de solvencia e hai rateos de solvencia como quere a dirección. Podes pór o que che interese e a partir de aí, unha maneira indirecta de derivar á obra social beneficio é elevar o rateo de solvencia. Logo hai un terceiro elemento sindicalmente moi sinxelo, nós e LAB queríamos que a negociación colectiva se dera coa representación sindical do ámbito vasco, non sumar a representación sindical da ampliación que fixeron as caixas no estado, porque supón que entren outros sindicatos e o marco español é moi barato. Iso sábeno todos os empresarios vascos, e as caixas tamén. Consecuentemente, as caixas foron a iso, e Bildu, no seu acordo, dixo que solventaba o noso problema. Repetiuno, e non é que non sexa verdade que non hai ámbito vasco de negociación, senón que aos dous días de cerrar o acordo en materia laboral, as caixas e CCOO acordan, tendo en conta esa representación, que o marco de negociación colectiva vai ser Estado. Fixérono sen ter ningún contacto con nós, probablemente porque tiñan decidido que o resultado final ía ser ese e, a partir de aí, contigo para que vou falar se me vou ter que comprometer a unha cousa que igual non podo facer.
Que supón a reforma fiscal presentada polo lehendakari?
O lehendakari propón unha reforma moi superficial e harmonizada, e iso é ir ao consenso. O lehendakari colocou en Nafarroa a UPN en goberno de coalición (UPN-PSOE), e o PP está en Araba porque o PSOE quixo. A partir de aí non ten ningunha credibilidade o que diga López, porque concedeu veto a institucións que van dicir que non a calquera modificación seria que se propoña, e tampouco son serias as súas propostas. Eu teño unha proposta, si pero se partes de consenso, e se vai reunir ese órgano (OCT), de aí vai saír a modificación do imposto de patrimonio de Rubalcava que se fixo no estado e algún máis. Isto é o de Lampedusa, modifiquemos algo para que non cambie nada.
O panorama político muda logo das municipais e abre unha vía para a normalización. Como inflúe a acción xudicial, tal e como pasou coa sentenza da Audiencia Nacional respecto do caso Bateragune?
A esquerda abertzale ilegalizada fixo un tránsito en reflexión para pasar dunha estratexia político-militar a unha política. A nosa sensación é que está moi ben e constátase que está a ter efectos. A partir de aí necesítanse elementos de normalización política no país que son a legalización das organizacións ilegalizadas, a participación na política en igualdade de condicións que os demais e abordar o problema dos dereitos dos presos e presas vascas. Algúns son máis difíciles que outros pero iso hai que facelo. Un país tan pequeno como o noso non se pode permitir ter a preto de 1.000 persoas encarceradas e un motón de xente fuxida. Hai que normalizalo e hai que diferenciar o que é a normalización política do que son outras cousas. A partir de aí ábrese o proceso de construción nacional, no que queremos aportar e que o noso non se relativice. Non cremos nun proceso de construción nacional á marxe da clase traballadora ou contra esta. Somos unha organización de clase e abertzale e a partir dese compromiso estamos dispostos a sumar. Alegrámonos de que Bildu concorrera. É un elemento de normalización. Está pendente a legalización de Sortu. No camiño están aparecendo elementos contraditorios, Bateragune e a sentenza da Audiencia Nacional que é o resorte do Estado máis rancio e dereitoso.
Como albiscades o futuro?
Estamos nun momento cunha grande expectación e optimismo e ese optimismo é compartido por nós porque pensamos que as cousas estanse facendo ben e imos estar nun futuro non condicionado por algo que sobraba e estorbaba, que era a acción armada, e nun futuro onde os conflitos políticos se aborden politicamente, onde o que fai o estado o poidamos facer os demais. O reto é sumar. Nós sempre estivemos dispostos a que fora así. Pero sumar non é ponte na procesión. É discutir contigo. É ti que aportas, e non eu teño este deseño e poño unha procesión para que a xente vaia detrás. Iso está por facer. Optimismo de verdade. Hai unha conferencia internacional que estivo liderada polo denominado Grupo Internacional de Contacto, que así se chama, dirixido por Currin, un mediador surafricano. A esa conferencia asiste xente de todo o mundo e a partir de aí pénsase facer un emprazamento a ETA e outro ao estado. Pensamos que esa Conferencia está colocada no que ten que vir, non se esgota en si mesma e seguro que vai vir.