ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 3 de abril de 2008

Panamá foi a sede do congreso fundacional
Creada a Confederación Sindical dos Traballadores das Américas – CSA

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
A dirección elixida no congreso fundacional: Víctor Báez (Paraguai), Laertes Teixeira (Brasil), Rafael Freire (Brasil), Amanda Villatoro (Honduras), Linda Chaves (USA), Julio Roberto Gómez (Colombia),
Eduardo García Moure, último Secretario Xeral da CLAT, intervén no congreso de disolución da CLAT – Central Latinoamericana de Traballadores.
 
Arredor de setecentos delegados e delegadas chegados de 26 países do continente americano e do Caribe, en representación de 68 organizacións sindicais que agrupan a 50 millóns de traballadores aprobaron a creación da CSA-Confederación Sindical dos Traballadores das Américas.

A CSA nace da fusión de dúas internacionais previamente existentes no continente americano: a CLAT, rexional latinoamericana da Confederación Mundial do Traballo - CMT e a ORIT, rexional americana da Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres - CIOSL. A este proceso de unidade sumáronse algunhas organizacións sen afiliación internacional previa, caso da CTA da Arxentina ou a CUT de Colombia.

Con este congreso ponse punto final ao proceso de confluencia das estruturas xeográficas da CMT e da CIOSL, que se iniciou no mes de novembro de 2006 en Viena (Austria) coa creación da Confederación Sindical Internacional - CSI e continuou no ano 2007 en marzo (Italia), setembro en Accra (Ghana) e novembro en Bangalore (India) onde se fundaron as rexionais paneuropea, africana e asiática respectivamente. O proceso non está rematado na súa integridade, pois hai estruturas sectoriais que seguen negociando as condicións da unificación.

A nova organización terá como Presidenta á norteamericana Linda Chávez, quen será acompañada na nova dirección elixida no congreso por Julio Roberto Gómez de Colombia como Presidente Adxunto, Víctor Báez Mosqueira de Paraguai como Secretario Xeral, Rafael Freire do Brasil en acción sindical e políticas sustentábeis, Laertes Teixeira tamén do Brasil na área dos dereitos sindicais e a hondureña Armanda Villatoro coa responsabilidade da formación. A sede da CSA estará radicada en Sao Pulo, de aí a presenza de dous brasileiros na dirección.

Ao congreso chegouse cos procedementos, documento e direccións acordados de antemán, polo que non houbo debates nin discusións abertas, como corresponde a un proceso de unificación pactado. Unha grande parte das intervencións fixeron fincapé no rexeite dos Tratados de Libre Comercio que benefician aos empresarios pero empobrecen aos traballadores e fan aos países latinoamericanos máis dependentes do capitalismo imperialista dos Estados Unidos.

O congreso rendeu homenaxe aos sindicalistas asasinados, nun exterminio – coa complicidade de gobernos e patronal- que non cesa e que xa é endémico en Colombia e Guatemala, pero que sacude tamén a case todos os países centroamericanos.

Un grupo de organizacións europeas, entre elas a CIG, recibiron un convite para acompañar coa súa presenza o congreso fundacional, os congresos de disolución previos e diversos encontros sectoriais. Tamén estiveron presentes as máis importantes centrais latinoamericanas que non se integraron neste proceso de unidade: o PIT-CNT do Uruguai – que se mantén internacionalmente independente – e a CGTP do Perú que mantén a afiliación na Federación Sindical Mundial – FSM.

A representación da CIG fixo uso da palabra no congreso de disolución da CLAT, destacando de xeito especial as abundantes coincidencias programáticas e de acción sindical existentes entre as dúas organizacións e agradecendo o permanente apoio e solidariedade da CLAT para coa CIG no escenario sindical internacional.

A intervención da CIG no congreso fundacional da CSA saudou a creación da nova central como un transcendental paso adiante no camiño da necesaria unidade, aínda incompleta, da clase traballadora e desexoulle éxitos na defensa dos explotados e marxinados polo modelo económico e social do neoliberalismo.

Con este novo paso de unidade, o escenario sindical internacional queda moi simplificado en canto ao esquema organizativo, con dúas únicas organizacións actuantes a escala mundial. No plano ideolóxico a realidade é moito máis complexa ao coexistir en cada unha delas, organizacións nacionais de moi diverso pensamento e práctica sindical.


 

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta