|
Actualidade / Artigo Fame Juan Torres López e Alberto Garzón Espiñenta Son as clases sociais máis desfavorecidas as que sofren as peores consecuencias destas subas de prezos, pois mentres que nos países ricos as familias destinan aproximadamente un 10% dos ingresos ao consumo de alimentos, nalgúns países subdesenvolvidos esta proporción pode chegar a alcanzar o 80%
A impresionante suba dos prezos dos alimentos está a producir un gravísimo desastre no mundo enteiro. Estamos ante un momento de urxencia mundial que, en palabras do presidente do Banco Mundial, Robert Zoellick, pode provocar a morte de "millóns de persoas en breve". A fame esténdese velozmente polos países pobres provocando importantes revoltas populares de protesta, que xa produciron mortos en Haití e a intervención do exército en Paquistán. Ademais, a situación de pobreza estase agravando seriamente e, segundo a ONU, máis de 100 millóns de persoas van sufrir especialmente esta crise alimentaria. Malia a magnitude deste problema, os políticos e economistas occidentais mantéñense impasíbeis. De feito, sabíase que esta crise ía ter lugar e non se actuou en ningún momento para evitala. É máis, en realidade os grandes culpábeis e responsábeis da actual situación son as entidades e organismos supranacionais que agora se amosan tan decasougados pola dimensión da crise alimentaria. Responsábeis e cómplices porque eles deseñaron, fomentado e fortalecido a estratexia das multinacionais destinada a substituír a agricultura tradicionalmente orientada á alimentación pola produción de biocombustibles coa escusa de dispor de fontes de enerxía máis sostibles medioambientalmente nos países ricos. Así, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) advertiu que as reservas mundiais de cereais caerán ao seu nivel máis baixo en 25 anos. Dese xeito abriuse un nicho de mercado moi rendible, grazas á alta demanda que xeran os países ricos, pero á conta de producir fame en multitude de países. Ou, dito dun xeito máis claro, como fai Jean Ziegler, portavoz especial das Nacións Unidas para o Dereito á Alimentación, cometendo un auténtico "crime contra a humanidade". Aínda por riba, esta crise alimenticia de proporcións xigantescas vese agudizada profundamente pola crise financeira que comezou o verán pasado e que encareceu os créditos e aumentado os custos financeiros. Como resposta á incerteza imperante con respecto ás entidades crediticias, e grazas ás continuas inxeccións de liquidez dos bancos centrais (que en lugar de solucionar o problema financeiro o que fan é prestar máis recursos aos grandes financeiros para que sigan levando a cabo as súas actividades especulativas), os investidores están dirixindo actualmente as súas operacións cara ao mercado de futuros para as materias primas. Estes investimentos puramente especulativos no mercado de futuros están producindo alzas impresionantes nos prezos básicos, e están agravando con iso aínda máis os problemas aos que se enfrontan millóns de persoas á hora para comer. Así, o Banco Mundial estima que os prezos dos alimentos subiron un 83% de media nos últimos tres anos, e que no caso do trigo o incremento foi dun 120% con respecto ao ano anterior. Subas que se prevé que se sigan producindo se non se corta de raíz a deriva especulativa dos mercados. Como é lóxico, son as clases sociais máis desfavorecidas as que sofren as peores consecuencias destas subas de prezos, pois mentres que nos países ricos as familias destinan aproximadamente un 10% dos ingresos ao consumo de alimentos, nalgúns países subdesenvolvidos esta proporción pode chegar a alcanzar o 80%. Neste contexto, os grandes organismos internacionais mostran unha vez a súa radical inoperancia. Non só contribuíron a crear as condicións que provocaron o desastre senón que foron incapaces de prever o que ía ocorrer e, agora, limítanse a facer propostas evasivas ou claramente insuficientes. O Fondo Monetario Internacional (FMI) só se amosa preocupado polas cuestións financeiras e o Banco Mundial (BM) advertiu do perigo de disturbios que poderían pór en perigo a estabilidade dos distintos países pero sen se deter a estudar a causa última destes, limitándose a solicitar aos países ricos que realicen doazóns monetarias para paliar a crise que serán insuficientes e que non solucionarán os problemas estruturais das economías destinatarias. A FAO, pola súa banda, destinará 17 millóns de dólares para ampliar o seu sistema de información sobre o mercado de produtos alimentarios. Unha cifra ridícula en comparanza coas millonarias sumas de diñeiro que os Bancos Centrais dos países ricos inxectaron nos sistemas financeiros para salvar os extraordinarios beneficios bancarios e que pon ben claramente de relevo que as prioridades dos poderosos son outras: preocúpanlles os quebrantos financeiros dos ricos pero non a fame de millóns de empobrecidos. Que ninguén se estrañe, entón, se os miserábeis deciden, algún día, arrebatarlles como sexa os seus inmorais privilexios. [Artigo tirado do sitio web ‘Altereconomia’ (www.altereconomia.org/web/index.php?option=com_content&task=view&id=279), abril de 2008]
|
||||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros medios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008 |
||||||
|