|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Máis alá das formas en que se deu a protesta, e sobre a que corren distintas versións segundo quen fala do asunto, o que debe de estar fóra de discusión é que se trataba dunha protesta lexítima, porque se lexítimo é darlle cancha na Universidade a unha dirixente política que representa valores da dereita máis extrema, tamén será lexítimo poñer de manifesta publicamente o repudio dunha parte da sociedade galega a eses valores, que en si mesmos son unha volta á etapa predemocrática. Como interpretar, senón, os furibundos ataques da dereita española e españolista ás medidas de impulso e promoción das linguas galega, vasca e catalá? Como entender as proclamas nacional-catolicistas desa mesma dereita, Conferencia Episcopal mediante, que atenta de raíz á laicidade do Estado? Como se manter imperturbábel perante a ofensiva da dereita fronte ao actual autogoberno en Galiza, Euscadi ou Catalunya? Como aturar as propostas xenófobas que fai a dereita a respecto da cuestión da inmigración do Estado español? Ou que dicir da descarada manipulación de organizacións como a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) para axitar os baixos instintos dos sectores máis reaccionarios da sociedade española?
Dese Partido Popular María San Gil é dirixente destacada, e persoa posuidora dun discurso profundamente reaccionario, non só en materia social, e negador da actual diversidade nacional, cultural e lingüística do Estado español. A súa posición política, furibundamente contraria ao proceso negociador aberto no seu momento entre o Goberno español e a esquerda abertzale, contribuíu á desestabilización que o PP alentou en todo o momento do devandito proceso, preparando o terreo para a exclusión política e institucional a todos os niveis da esquerda abertzale, a cal parecía determinada a percorrer, como camiño sen volta, o da súa aposta exclusiva pola vía política para a defensa do seu lexítimo ideario independentista. O incidente habido con esta líder política do PP en Euscadi -que se sobredimensionou perversamente- estalle a servir á dereita, sobre todo desde os seus outeiros mediáticos, para reintroducir no debate político-electoral un inexplicábel vitimismo, o que lle dá certos réditos en sectores determinados da sociedade do Estado español. Mesmo en Galiza a dirección do PP quixo aproveitar a ocasión para levar o tema ao Parlamento e impulsar unha declaración conxunta coas outras dúas forzas presentes na Cámara, BNG e PSOE, na que ademais se condenase non só este feito, senón a contramanifestación promovida na Coruña por colectivos en prol do galego fronte a unha concentración dunha organización dereitista contraria á normalización da nosa lingua. En todo isto, o que xa non parece de recibo é a resposta que se está a dar desde algúns estamentos galegos a este feito, e nomeadamente desde o decanato da facultade de Económicas da USC, instando a unha ‘caza de bruxas’, realmente inxustificábel, contra os estudantes que participaron da protesta. E mentres desde os medios de comunicación, tanto propios como alleos, se segue estes días a magnificar este incidente que tivo como protagonista a María San Gil, a dereita que representa o PP segue desenvolvendo a súa particular campaña electoral, baseada no medo e trufada de propostas reaccionarias e mesmo anti-democráticas, agora ademais facendo do vitimismo unha baza máis para esta súa campaña.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/02/2008 |
||||
|