Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 29 de febreiro de 2008

DESDE O VENTRE DA BALEA
Eleccións a Cortes Xerais: 1+1=3

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Unha democracia entendida como un ‘duopolio’ político, no que ademais a distancia entrambos os opoñentes é tan cativa, resulta ser unha fraude que cómpre rexeitar e denunciar, sempre e en todo momento. De cara aos comicios ás Cortes Xerais españolas, do vindeiro 9 de marzo, é conveniente facelo.



  Bandeira galega; clic para aumentar
Despois do día 9, non vai existir un Parlamento a dous. Haberá que ver, xa que logo, que alianzas –puntuais ou de longo percorrido- se van tecer, e dentro delas cal será o papel que a representación do nacionalismo galego poida ter nese contexto. Fronte ao feroz bipartidismo, a súa será unha voz necesaria, máxime cando son moitas as materias pendentes que Galiza ten, tanto a respecto do actual Estado español como a respecto de si mesma e dun horizonte de soberanía ao que non podemos nin debemos renunciar.
 
Aos poucos, tras unha extensísima precampaña, avanza a campaña electoral para as eleccións ás Cortes Xerais españolas, e todo semella responder a un guión estabelecido no que apenas hai lugar para a improvisación. A maquinaria dos grandes partidos estatais, PSOE e PP, traballa incansabelmente para un debuxo electoral que se quere en clave bipartidista, algo que para os cidadáns –e electores- das nacións históricas do Estado español non é máis que un engano.

Acaso é posíbel entender a lóxica política e institucional das nacións do Estado sen atender (negándoas ou excluíndoas) ás forzas políticas que se definen como nacionalistas? Cabe a lóxica bipartidista en Galiza, Euscadi ou Catalunya? E aínda que coubese, sería lexítimo nunha democracia que se di pluripartidista reducir o escenario electoral a só dous únicos contendentes? Onde fica aí o pluralismo ao que uns e outros adoitan apelar?

O pasado luns 25 de febreiro deuse un feito, o do debate en televisión, dos candidatos de PSOE e PP á presidencia do Goberno español sobre o que correron ríos de tinta e de saliva. Mais entre tanto rebumbio poucas foron as voces que puideron denunciar a terxiversación que constituía para este proceso electoral a realización dun debate tan excluínte, no que as diferentes opcións políticas fóra das dúas citadas ficaban á marxe, negándolles a posibilidade de expor as súas formulacións e os seus programas electorais.

E sendo así, non se explica moi ben que, a diferenza das súas homólogas catalá e vasca, a RTVG optase por emitir o debate, tanto na radio como na televisión, para todos os fogares galegos, abenzoando unha práctica nociva para a democracia e que desde logo non contribúe a que a sociedade galega, que é plural, forme cun mínimo de garantías o seu criterio para un evento como a destas eleccións xerais. E de nada serve, que tres días despois programase un novo debate, xa en clave galega, cos dirixentes máximos de BNG, PSOE e PP.

Por se isto fose pouco, tanto o formato do devandito debate televisivo como a propia campaña electoral, manteñen un nesgo presidencialista que non se corresponde coas fórmulas do sistema electoral vixente. O que se van elixir o vindeiro 9 de marzo son representantes ás Cortes Xerais españolas, isto é, deputados/as e senadores/as que compoñan as cámaras alta e baixa das que está dotado o ordenamento xurídico do Estado español. O presidente do Goberno escólleno, polo tanto, os representantes xa electos, e non os electores en votación directa.

É de supor que o modelo “ianqui”, que si contempla –ao igual que outros moitos no mundo- unha elección de tipo presidencial está a ser o modelo a imitar, máxime cando a política, cada vez máis, semella querer escudarse en fórmulas de mercadotecnia e propaganda. Cadra, ademais, neste caso que nos Estados Unidos se está a desenvolver o longuísimo proceso de escolla de candidato/a nos partidos Republicano e Demócrata, coa conseguinte repercusión mediática que está a ter o devandito proceso. Aquí si, a súa escuálida democracia apenas se reduce a dúas opcións, que, dito sexa de paso, nas cuestións importantes tampouco difiren moito entre si.

Unha democracia entendida como un ‘duopolio’ político, no que ademais a distancia entrambos os opoñentes é tan cativa, resulta ser unha fraude que cómpre rexeitar e denunciar, sempre e en todo momento. De cara aos comicios ás Cortes Xerais españolas, do vindeiro 9 de marzo, é conveniente facelo. É máis, e diso son coñecedores tanto o PSOE como o PP, o mapa electoral que presumibelmente debuxen as urnas non vai contemplar a maioría absoluta para ningún destes partidos, polo que, en boa lóxica, se volve determinante o peso das chamadas ‘minorías’.

Despois do día 9, non vai existir un Parlamento a dous. Haberá que ver, xa que logo, que alianzas –puntuais ou de longo percorrido- se van tecer, e dentro delas cal será o papel que a representación do nacionalismo galego poida ter nese contexto. Fronte ao feroz bipartidismo, a súa será unha voz necesaria, máxime cando son moitas as materias pendentes que Galiza ten, tanto a respecto do actual Estado español como a respecto de si mesma e dun horizonte de soberanía ao que non podemos nin debemos renunciar.


Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2008.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta