|
Actualidade
Santiago, 23 de febreiro de 2008
Hai meses xa advertiran que, de non ser atendidas
as súas peticións, eles tamén entrarían en campaña
Os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica acampan ante a Xunta en demanda dun cambio de trazado do TAV
| |
 |
| A coincidencia da mobilización co comezo
da campaña electoral non é casual. Desta volta os traballadores non permitirán que o presidente
da Xunta, Emilio Pérez Touriño, argalle pseudo-compromisos para paralizar as súas protestas,
nun novo intento de evitar que Serrabal lle provoque “dor de cabeza” durante os 15 días de campaña. (Fotos:
©galizacig.com 22/02/2008). |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
| |
Tras percorrer as rúas compostelás
en manifestación, os traballadores de Ramsa, empresa concesionaria da explotación da mina de Serrabal,
e dos centros de Ferroatlántica de Cee-Dumbría e Sabón cumpriron o seu compromiso de acampar
diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en demanda do cambio de trazado do Tren de Alta Velocidade
(TAV) ao seu paso pola explotación mineira e en defensa dos postos de traballo.
Salvar Serrabal,
outro trazado xa!
A coincidencia da mobilización co comezo
de campaña electoral non é casual. Hai meses xa advertiran que, de non ser escoitadas as súas
demandas, eles tamén entrarían en campaña e non permitirían que, de novo, o presidente
da Xunta, Emilio Pérez Touriño, argallase pseudo-compromisos para paralizar as súas protestas,
nun novo intento de evitar que Serrabal lle provocase “dor de cabeza” durante os 15 días de campaña.
Os traballadores non están dispostos a
ser enganados como xa ocorreu xusto antes das eleccións municipais. Un mes antes da súa celebración
Touriño accedera a manter unha entrevista con eles na que se comprometeu a buscar unha solución ás
súas demandas en non máis de 20 días. Porén, ao remate da campaña e tras da
celebración das eleccións municipais, nunca máis souberon do presidente.
Por iso, agora pretenden lembrarlle o seu esquecemento
e xa anunciaron que o acompañarán durante a campaña electoral. A súa intención
é permenecer diante das instalacións da Xunta, cando menos, até o día das eleccións.
Para iso teñen organizado tanto quendas de estancia no campamento como un complexo de tendas de campaña,
dúas carpas e unha autocaravana.
Tanto a manifestación como a montaxe da
acampada foi tranquila malia a importante presenza de antidisturbios nos arredores de San Caetano e só houbo
movemento de grilleiras cando unha parte retomou as pancartas e continuou camiño para realizar unha “acción
sorpresa”.
A acción sorpresa: denuncia de
manipulación informativa
en “La Voz de Galicia”
Mentres unha parte dos traballadores ficaron en
San Caetano para gardar o campamento, o resto subiron até as dependencias de “La Voz de Galicia” en Salgueiriños.
A súa intención, unha vez alí, era solicitar unha entrevista co delegado do diario e iso tamén
o conseguiron. Unha representación dos traballadores foi recibida polo responsábel en Compostela
do xornal, a quen lle manifestaron a súa disconformidade coa cobertura informativa que, a respecto de Serrabal,
se viña publicando. Así denunciaron a “manipulación informativa” de La Voz de Galiza por só
informar do que interesaba á Administración e o ADIF, mentres se ocultan, de forma sistemática
outros datos que reforzarían os argumentos dos traballadores e traballadoras.
No decurso da marcha, os traballadores entregaron,
para informar aos veciños e veciñas de Compostela, un comunicado do que está a acontecer realmente
coa mina e das repercusións que terá o trazado actual de manterse.
COMUNICADO
«Os Comités de Empresa de RAMSA (empresa
adxudicataria da explotación mineira de SERRABAL) e os Comités de Empresa de Ferroatlántica
en Sabón e Cee queren amosar a súa desconformidade co trazado do tren de alta velocidade ao seu paso
polos concellos de Vedra e Boqueixón pola afectación que o devandito trazado puidera ter sobre a
Mina de Serrabal, con base nos seguintes motivos.
1º. Que a explotación da que estamos
a falar, a mina de Serrabal, constitúe unha actividade mineira de grande importancia e riqueza para o noso
país, sendo polo tanto circunstancial a empresa que teña nun ou outro momento esta concesión.
Así, desta mina extráese, entre outros minerais, seixo de altísima calidade (silicio solar)
que está a servir para desenvolver proxectos pioneiros de I+D+i. Boa proba disto é que no ano 1999,
cando esta explotación viviu un cambio de concesionaria, os antigos propietarios da explotación,
unha empresa con capital noruegués, condicionaron a contratación de senllas fragatas a IZAR a que
lles fose garantido un mínimo de toneladas/ano deste mineral.
2º. A única opción que contemplamos
é a aprobación dunha variante sobre o actual trazado do TAV ao seu paso polos concellos de Vedra
e Boqueixón que conleve a plena viabilidade da explotación mineira como garantía da totalidade
dos postos de traballo, xa que de nada nos serve, nin aos traballadores/as nin ao noso país, que a indemnización
pola posíbel expropiación de terreos da mina sexa maior ou menor.
3º. Volvemos reiterar a nosa máis
enérxica defensa dos máis de 600 postos de traballo directos actualmente existentes tanto na mina
como nas industrias dela dependentes (Cee e Sabón), e polo tanto a defensa de presente e futuro da total
e plena viabilidade desta explotación mineira, plena viabilidade que a súa vez debe redundar nun
maior desenvolvemento industrial nas zonas afectadas así como a plena recuperación medioambiental
dos terreos ocupados pola explotación mineira.
4º. Que a modificación de trazado
do AVE que estamos a demandar non é, nin moito menos, a única modificación ao devandito trazado,
xa que neste mesmo trazado se acordaron, en datas recentes dúas grandes modificacións (unha o ano
pasado e outra neste mesmo ano). Unha das modificacións é entre os concellos de Lalín e Silleda
(afectando aproximadamente a 2 quilómetros do trazado) e outra nos accesos do AVE a Ourense (afectando a
uns 12 quilómetros). E todo isto a pesar de que as devanditas demandas son moito máis recentes que
a nosa (xa levamos 5 anos) e de que, de todas as modificacións, a única que xa conta con todo tipo
de estudos (e mesmo a primeiros do ano 2003 fose a primeira opción do Ministerio de Fomento) é a
variante que propomos como salvación dos nosos postos de traballo (que afecta, dito sexa de paso, a só
5,5 quilómetros). É polo tanto difícil de entender cales son as motivacións ocultas
que se están a barallar neste absoluto despropósito, xa que: É só a variante que salvaría
os nosos máis de 600 postos de traballo a que provoca atraso? E non lle importa ás administracións
autonómica e a central a riqueza do noso país?
5º. No tempo que levamos demando unha solución
á nosa problemática laboral non foron poucos os datos e argumentos empregados polo ADIF para xustificar
os seus posicionamentos, datos que en todo momento foron rebatidos con argumentos por parte nosa. Mais, de medio
ano para aquí, estamos a asistir a unha serie de feitos que, entendemos, deberían pór en cuestión
o quefacer do ADIF:
• Existen documentados bibliograficamente até 4 estudos do ADIF (todos eles por certo do mesmo autor) sobre
as consecuencias que tería manter o trazado actual, mais e a pesar de demandalos en diferentes ocasións
aínda non nos foi entregado ningún deles, pero o que entendemos como máis grave é a
constancia (mesmo acreditado por medio de diferentes preguntas no Parlamento galego) que temos de que nin a Xunta
de Galiza, nin o propio Parlamento galego, contan cos devanditos estudos.
• Hai aproximadamente 3 meses o propio ADIF recoñecía que pretendía expropiar 40.000 metros
cadrados nos terreos da mina de Serrabal por “erro”, mais en ningún momento aclararon o devandito erro,
a pesar de que esta expropiación nunca se fixera pública no BOE.
• Hai escasas datas a este cúmulo de despropósitos engade outro novo “erro” consistente en que, despois
de estar mesmo publicado no BOE, anúlase a expropiación de 250.000 m2 que afectaría a 2 minas
no Concello de Silleda, sendo a única xustificación que dá o ADIF, novamente, a existencia
dun erro e a afección aos postos de traballo. Cabe, polo tanto, preguntarnos por que a pervivencia dos nosos
postos de traballo ten un tratamento distinto.
Para nós queda claro, pois, que o cúmulo
de despropósitos do ADIF o invalida para facer calquera valoración que sexa seria e críbel,
mais ben indícanos o contrario: Cal vai ser o próximo “erro”?
6º. Máis que nunca, demandamos o estrito
cumprimento da Resolución unánime, do 27/06/07, do Parlamento galego, que nestes momentos se está
a incumprir, e na que entre outras cuestións se demandaba unha clarificación dos efectos cara ao
emprego que tería manter o trazado actual.
En definitiva, dende ambos os Comités de
Empresa queremos demandar das tres partes en litixio (Administración do Estado, Administración autonómica
e empresa) que, por riba doutras cuestións, prime a defensa destes postos de traballo, así como demandamos
de todas as partes que poñan todos os medios posíbeis, para tal e como antes diciamos, se leve a
cabo unha alternativa, que entendemos posíbel, e que supoña, á vez que o mantemento dos postos
de traballo, o desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias».
|