Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 20 de decembro de 2007

Manuel González Moreira, representante da CIG en
Atención Primaria

“Decidimos manter a folga porque temos que falar das condicións de traballo”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Manuel González Moreira; clic para aumentar
Manuel González Moreira: “A unidade sindical sempre é difícil pero é demandada polos traballadores, e desde a CIG se pensou que este era o momento para tentalo e, de feito, convocar esta plataforma unitaria xurdiu da iniciativa da CIG Saúde. Polos traballadores e traballadoras é entendido como algo moi positivo e pode ser moi bo para levar adiante as reivindicacións. Na plataforma están presentes todas as organizacións maioritarias presentes na Mesa sectorial”. (Foto: ©galizacig.com 19/12/2007)).
 
Reproducimos unha entrevista cun dos responsábeis da Atención Primaria da CIG Saúde de Vigo sobre a folga do venres 21 de decembro. A folga afectará a todos os centros de primaria e a todos os traballadores e traballadoras dos centros de primaria, tanto persoal sanitario, como facultativo ou non facultativo, persoal non sanitario, persoal de atención ordinaria, de PAC's, a todos e todas.

Manuel González Moreira traballa no centro de saúde Atención Primaria de Filgueira, da comarca de Vigo, e é representante da CIG en Atención Primaria e portavoz da Agrupación Médica da CIG Saúde. A continuación, explica máis polo miúdo as razóns da folga que terá lugar o venres 21 de decembro, así como a situación do conflito galego na Atención Primaria.


Zélia García: Como xurde este conflito?

Manuel González Moreira: A folga enmárcase nun proceso negociador co Sergas, no que hai asuntos que levan xa un longo percorrido e que se foi demorando a súa negociación, deixando todo para o último trimestre deste ano, e agora ao presentaren unha proposta negociadora desde o Sergas, os traballadores consideraron esta proposta unha provocación e inaceptábel. Ante esa proposta, pedíuselle ao Sergas que fixera unha proposta alternativa e demorou tamén a convocatoria da mesa.

Convocamos mobilizacións, despois se convocou a mesa do día 18, e nesa mesa non fixo ningunha proposta. Estivo demorando o tema para alongar a reunión e dividir á plataforma unitaria, polo que decidimos manter a convocatoria da folga.


  Pola mellora do persoal de Atención Primaria; clic para aumentar
Pola mellora do persoal de Atención Primaria; clic para aumentar
Manuel González Moreira: “Houbo mobilizacións, houbo concentracións, que foron o día 12 de decembro e que se fixeron nos centros e tamén con concentracións diante das Xerencias de Primaria. A repercusión foi desigual. A xente de PAC's está moi mobilizada porque a súa situación é desesperada e así o viven”. (Fotos: ©galizacig.com 12/12/2007).
 
Reivindicacións da folga

Zélia García: Que táboa reivindicativa tedes nesta folga?

Manuel González Moreira: Son temas que algúns deles están comprometidos para falar desde o 2001. Outros temas, como, por exemplo, as condicións de traballo dos PAC's é un acordo que finaliza o 31 de decembro deste ano, e o compromiso do Sergas era negocialo no último trimestre. A estas alturas está sen negociar.

Hai outras cuestións que veñen derivadas do Plan de Mellora, que deixaba abertos á negociacións certos temas que tiñan que negociarse na mesa sectorial obrigatoriamente, e que reclamamos que así sexa.

Estamos a falar de condicións de traballo dos PAC's, xornada de 1.430 horas, complemento de turnicidade, festividade, nocturnidade, e ademais de temas de formación, materiais e outras cousas, pero fundamentalmente eses.

Contra iso o Sergas o que ofrece é incrementarlles a xornada no lugar de rebaixala, e se hai que facer xornada a maiores, que tanto os de PAC como os de atención ordinaria esteamos nas mesmas condicións. Se temos que traballar máis porque non hai médicos, no caso dos médicos, e hai que facer máis xornada pois que se faga de xeito voluntario e que o Sergas o contemple do mesmo xeito para todos. Resulta que para os de ordinaria o Sergas propón incentivar a voluntariedade, e para os do PAC propón a obrigatoriedade a facer máis horas, e é unha inxustiza.

A xente de ordinaria o plan de mellora contempla que hai que adaptar o pago en función das tarxetas sanitarias individuais, e nós pedimos que esa adaptación se faga tendo en conta a carga de traballo que supón cada grupo de idade, xa que non é o mesmo unha persoa de 20 anos que unha de 80, e que esa adaptación se faga tamén para outras categorías profesionais que tiñan que estar a cobrar co mesmo modelo e non están cobrando.

Para o persoal non sanitario, persoal administrativo dos centros, pedimos que (ademais está así comprometido desde o 2001 renegociar o modelo retributivo do persoal de servizos xerais) en función do traballo que teñen que facer que se revise o modelo retributivo.


Anteriores mobilizacións

Zélia García: Esta folga conta con mobilizacións e concentracións anteriores. Que avaliación realizades das mesmas?

Manuel González Moreira: Houbo mobilizacións, houbo concentracións, que foron o día 12 de decembro e que se fixeron nos centros e tamén con concentracións diante das Xerencias de Primaria. A repercusión foi desigual. A xente de PAC's está moi mobilizada porque a súa situación é desesperada e así o viven, mais a xente de atención ordinaria está menos mobilizada, e iso reflectiuse, pero foi unha mobilización bastante boa que serviu para mover un pouco o tema e para que o Sergas vise que a plataforma sindical unitaria que a convocaba tiña a xente detrás.

Zélia García: Por que se realiza esta convocatoria de folga desde unha plataforma sindical unitaria?

Manuel González Moreira: A unidade sindical sempre é difícil pero é demandada polos traballadores, e desde a CIG se pensou que este era o momento para tentalo e, de feito, convocar esta plataforma unitaria xurdiu da iniciativa da CIG Saúde.

Polos traballadores e traballadoras é entendido como algo moi positivo e pode ser moi bo para levar adiante as reivindicacións. Na plataforma están presentes todas as organizacións maioritarias presentes na Mesa sectorial.

Zélia García: Que obxectivos agardades cumprir con esta convocatoria?

Manuel González Moreira: Primeiro, que o Sergas convoque unha nova mesa e que faga unha nova proposta e logo negociar esa proposta. A plataforma non retirou ningún punto da táboa.

O Sergas non quere falar de xornadas, e unha das reivindicacións que non comentei antes é a das 35 horas semanais. O Sergas non quere nin falar destas 35 horas, e quere que retiremos iso da táboa para negociar. Nós dicimos que non, que o Sergas faga unha proposta e con esa proposta negociaremos.

Un dos acordos do Plan de Mellora era que os sábados pola mañá que son atención ordinaria pois deixen de ser atención ordinaria e que se traten doutra maneira. Nós dicimos que os sábados non sexan de atención ordinaria son así as 35 horas semanais, traballando de luns a venres, e o Sergas non quere entrar por aí.

Non retiramos nada da táboa reivindicativa inicial, aínda que entendemos que hai cousas máis urxentes pero mantemos todos os puntos.

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta