Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 9 de novembro de 2007 (Publicado en La Región o 06/11/2007)

Tempos de rebeldía e chumbo
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Traballadores das salitreras de Chile, clic para aumentar
A situación social fíxose explosiva en Iquique coa queda das exportacións de salitre, o que provocou desemprego. (Foto: Traballadores das salitreras).
 
No árido norte de Chile, en Iquique o 21 de decembro de 1907, produciuse por disparos do exército e da mariña a masacre de 2.000 traballadores e os seus familiares (mortos que os militares rebaixan a cento corenta). Pasou un século desde esta traxedia, e todo reflicte que son feitos que fican afastados no tempo e no imaxinario colectivo. Por este motivo compre lembralos pra que non se ignoren os alicerces nos que se basea a ideoloxía da clase obreira, e o que deu pulo aos grandes movementos revolucionarios que abrangueron os primeiros anos do século pasado, e que acadou o seu intre máis álxido na Revolución Rusa, da que se cumpre agora noventa anos.

A situación social fíxose explosiva en Iquique coa queda das exportacións de salitre, o que provocou desemprego. Os mineiros baixaron desde as pampas á cidade, onde se lles uniron os traballadores locais, reuníndose máis de 20.000 persoas nunha escola local. Tomaron nas súas mans o control da cidade. Días despois voltaria o intendente (alcalde) coas forzas militares que causarían a masacre, unha ación represiva alentada pola patronal. Os que non morreron serian deportados de novo ás pampas salitreras, outros ao resto do país, mesmo algúns foron fusilados posteriormente.

Hai quen pensará que estes son feitos comprensíbeis na América Latina, sempre tendemos ver aos demais nos estremos, porén neste mesmo período tamén Galiza fervía en protestas e motíns, con situacións de represión moi duras, practicadas con total impunidade en moitos casos, atinxindo de cheo tanto á clase traballadora como á enorme masa campesiña. Recordemos a folga de maio de 1901 na Coruña en consumos, que se salda cun morto e 11 feridos, cando a policía dispara sobre os folguistas acompañados polas súas mulleres e fillos, pra esmagar así a mobilización contra a chegada de esquirois andaluces.

Porén, será no rural galego, onde a inxustiza abafa a cotío ao labrego, que emigra ou se rebela, onde este tempo histórico está ateigado de motíns violentos. Moi grave é o de abril de 1909 en Oseira que deixa 9 mortos e 27 feridos nas xentes do lugar por disparos da Garda Civil, que fora requirida polo bispo de Ourense. O 7 de maio o pazo episcopal, o círculo obreiro católico e a residencia dos maristas, en Ourense, eran albo das pedras que lles guindaban os manifestantes. Outro feito que non se pode esquecer é do de Nebra en 1916 (Porto do Son). Neste caso a protesta é contra un imposto especial, e a represión deixaría cinco mortos e corenta feridos. Foron feitos que relatou o galeguista, veciño do lugar e emigrante no Uruguai, Xerardo Díaz Fernández nun libro titulado “Nebra, a historia dunha infamia”.

En decembro de 1907 con seguridade habería en Iquique entre os mortos, feridos e folguistas, máis dun galego, se temos en conta a masiva que era daquela a emigración á América Latina, a importancia económica do salitre, así como a participación de paisanos na direción da comuna de Puerto Natales en 1919 (no sul de Chile), do que temos constancia. Porén, aínda que non fora deste xeito, trátase de acontecementos dignos de coñecer e non esquecer porque reflicte nidiamente tanto a violencia e a avaricia das persoas como, fundamentalmente, a enteireza e solidariedade sempre presente nos povos acompañando o ideario de xustiza.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta