Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 15 de novembro de 2007 (Publicado en La Región o 14/11/2007)

Releitura polo Governo Zapatero da traxedia do Prestige
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Manifestación de Nunca Máis en Compostela o 01/12/2002; clic para aumentar
As imaxes da irregular pelexa das persoas contra os elementos sensibilizaron máis que ningunha outra declaración a toda a nación, que saíu en masa á rúa a protestar o dia 1 de decembro de 2002 en Compostela, e posteriormente en todas e cada unha das cidades e moitas vilas de Galiza, mesmo ás máis afastadas da costa. (Foto: ©Fernando Pol).
 
Despois do último Consello de Ministros a vicepresidenta do Governo español, Fernández de la Vega, adicoulle un tempo importante a comentar o quinto aniversario do afundimento do Prestige, un desastre no que o governo presidido por Aznar amosou incapacidade, prepotencia e unha actitude desconsiderada co povo galego. Na súa comparecencia a vicepresidenta puxo o acento no papel dos voluntarios “vidos de todos os recunchos do Estado español” e nas medidas “efectivas” que desde aquela tomou o Governo central pra evitar situacións semellantes e, como un engadido máis, tamén felicitou aos mariñeiros e habitantes do lugar; non fixo unha soa consideración encol de “Nunca Máis”. Ou sexa: destacou todo o que lle debemos os galegos e galegas a España, ás súas xentes e aos seus governos... Imposibel un maior aproveitamento partidista, político e ideolóxico dunha data de tanta significación pra Galiza, aínda que os feitos e realidades do acontecido non sexan exactamente como ela (o Governo de Zapatero) os pintan agora, desde a lonxania do tempo e a abafante hexemonía comunicacional de Madrid.

A loita contra a maré negra tivo como principais e primeiros protagonistas aos mariñeiros e mariscadoras, e outras persoas solidarias das zonas atinxidas pola desfeita, nunha loita dramática, sen os medios necesarios e cun valor a toda proba. Non había botas, nen cestas, e houbo que mercalos nas tendas, e serían os concellos e organizacións como a CIG as primeiras en fornecer eses medios (desde as súas posibilidades). As imaxes da irregular pelexa das persoas contra os elementos sensibilizaron máis que ningunha outra declaración a toda a nación, que saíu en masa á rúa a protestar o dia 1 de decembro de 2002 en Compostela, e posteriormente en todas e cada unha das cidades e moitas vilas de Galiza, mesmo ás máis afastadas da costa. Calquera que participara destas mobilizacións sabe que non acudiron todos os sectores sociais por igual, que estiveron sobre todo aqueles que teñen unha maior sensibilidade de país, ecolóxica ou solidaria. Mesmo houbo quen pretendeu restar importancia ao desastre, e acusou ao nacionalismo de alarmismo.

  Cadea humana en A Coruña o 22/01/2003; clic para aumentar
A loita contra a maré negra tivo como primeiros protagonistas aos habitantes dos lugares afectados e a rápida e sobranceira mobilización da sociedade galega, destacando tanto polas masivas manifestacións como no número de voluntarios.
 
Tivo que pasar todo isto, facerse manifestacións de emigrantes en lugares tan lonxanos como Londres ou Bruxelas, comezar a organizar as equipas de voluntarios no país, desde algúns concellos, pra que se iniciara a riada de voluntarios desde todos os recunchos do Estado, mais tamén doutros países do mundo, encetando por Portugal, e o Governo central dera algúns medios. Lembremos asemade que foron máis de cen mil galegos e galegas a Madrid (23 de febreiro de 2003), nunha manifestación á que acudiron emigrantes galegos de todo o Estado, sumando máis de duascentas cincoenta mil persoas en total, nunha mobilización sen parangón na que se integraron solidariamente moitos residentes da capital do Estado. O proceso foi deste xeito e non ao revés. Viñeron moitos voluntarios de fóra, nunha actitude solidaria que agradecemos e non esqueceremos, porén a loita contra a maré negra tivo como primeiros protagonistas aos habitantes dos lugares afectados e a rápida e sobranceira mobilización da sociedade galega, destacando tanto polas masivas manifestacións como no número de voluntarios. Non podemos admitir que máis unha vez se fagan leituras interesadas, que centran os méritos nos de fóra (por máis grande que sexa a súa solidariedade) e non nos principais protagonistas, afondando deste xeito no “san benito” de que os galegos non valemos pra camiñar sos, que necesitamos do paternalismo e da protección do resto do Estado. Abonda de manipulación e esquecemento histórico.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta