|
Actualidade / Artigo Homenaxe ao himno e conxuntura Manuel Mera-
O himno galego ten letra de Eduardo Pondal (o poema Os Pinos) e música de Pascual Veiga. Foi desde a súa presentación en Cuba o himno dos galeguistas (foran eles nacionalistas, rexionalistas ou agraristas), sería prohibido durante a ditadura de Primo de Rivera, e coa Segunda República adoptado como o himno do país. Hai quen (renegando da patria de orixe) pretende baleiralo de contido suprimindo a última estrofa, que se lles antolla moi nacionalista e mesmo arredista, e que di textualmente: “os tempos son chegados, dos bardos das idades, que as vosas vaguidades, cumprido fin terán; pois, onde quer, xigante a nosa voz pregoa, a redención da boa nación de Breogán”. Que se faga esta homenaxe contrasta (positivamente) coa pouca difusión que se lle deu a nivel institucional ao nacemento fai tamén un século de A Nosa Terra, cuxo primeiro número saíu do prelo o 4 de agosto de 1907, un periódico que marcou durante moito tempo a liña e as arelas do galeguismo; deberase diferenciar entre a empresa editorial actual e a contribución ao proxecto histórico. Lembremos que xurdiu como voceiro de Solidariedad Gallega, unha organización que era unha mestura de movemento organizativo agrarista e Irmandades da Fala (e polo tanto un xermolo do Partido Galeguista), o que daquela deulle un pulo ás inquedanzas nacionalistas. Fundouse por iniciativa de Rodrigo Sanz, Manuel Murguía, Manuel Lugrís Freire e Florencio Vaamonde. Estivo nesta primeira etapa baixo a direción de Uxío Carre Aldao. Esta conmemoración institucional, con viaxe e publicidade segura, débese completar con actos locais e lembranza nos centros de ensino, e sobre todo que sirva pra divulgar outros aspectos da nosa extensa e rica historia, senón, non pasará dun feito illado ou da utilización propagandística partidaria. Agora ben, asemade, indo a Cuba, que é parte esencial do bloque dos países de América Latina rebeldes aos ditados das grandes potencias, non aproveitar o evento pra rectificar erros e dar pasos na construción dunhas relacións duradeiras, ou sexa, baseadas na colaboración tecnolóxica, no intercambio comercial xusto e no respeito mutuo, sería un erro e amosaría que non se está á altura da conxuntura. Símbolos nacionais galegos, como o himno e a bandeira, xurdiron en Cuba, desde alí viñeron os medios pra facer centos de escolas (unhas setecentas) e ideas de transformación e liberdade, porén os emigrantes galegos tamén levaron a aquelas terras coñecementos e construíron. Compre manter eses lazos e intensificalos, pra elo é fundamental respeitar sempre as decisións (a soberanía) sobre o modelo político e económico que cada quen decida. |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/11/2007 |
|||||||
|