Actualidade / CrónicaVolver a Actualidade


A Coruña, 15 de novembro de 2007

Serge Goulart, coordinador nacional de fábricas ocupadas no Brasil
“Os traballadores non precisan dos patróns para dirixir unha empresa”

 

Antón Álvarez Sanz (CIG)-

antonalvarez@galizacig.net


  Serge Goulart en Ferrol; clic para aumentar
Serge Goulart (dereita), acompañado de Xesús Anxo López Pintos, secretario comarcal da CIG-Ferrol.
Serge Goulart en Ferrol; clic para aumentar
Serge Goulart en Ferrol; clic para aumentar
Serge Goulart (no centro da imaxe con cazadora marrón e xerei celeste), acompañado por membros da Dirección comarcal da CIG de Ferrol.
 
Os mil traballadores da fábrica de plásticos Cipla, no Estado brasileiro de Santa Catarina, ocuparon a factoría en 2002 cando a empresa estaba en proceso de quebra. Os operarios xestionárona eles propios e lograron sanear as contas, reducir a xornada laboral de 44 a 30 horas semanais e mesmo facturar dous millóns e medio de dólares ao mes. No entanto, o 31 de maio deste ano Cipla foi tomada pola Polícia Federal por orde expresa do presidente Lula. Nesta data deuse por rematada, pola forza das armas, esta experiencia de autoxestión.

Serge Goulart, traballador de Cipla, membro da Corrente Marxista do PT e coordinador nacional do movemento de fábricas ocupadas do Brasil, foi convidado pola CIG-Ferrol a dar unha charla nos locais do sindicato o 13 de novembro, onde explicou a membros da Dirección comarcal o proceso vivido na súa factoría.

A ocupación de Cipla orixinouse nun contexto político marcado pola folga xeral que precedeu a vitoria de Lula nas eleccións presidenciais de 2002. O anterior xefe de Estado, Fernando Henrique Cardoso, pretendera revogar o Código Trabalhista, norma análoga ao Estatuto dos Traballadores do Estado español, e reducir as vacacións, as licenzas por maternidade; en definitiva, flexibilizar as relacións laborais. Estas pretensións de Cardoso, xunto con outro paquete de medidas privatizadoras que quería emprender, foron contestadas masivamente polo proletariado brasileiro nas rúas e nos centros de traballo.

Os operarios de Cipla non foron alleos á situación de loita obreira que se estaba a vivir na altura por todo o Brasil. Ocuparon a fábrica, expulsaron o patrón e os cargos directivos e comezaron a xestionala, retomando a produción e comercializando os produtos no mercado. Cipla é unha factoría de plásticos e derivados que fabrica tubos, conexións de PVC, obxectos para uso doméstico e compoñentes para vehículos da Ford, da General Motors ou da Mercedes Benz.

Os traballadores constituíron a Asemblea Xeral como máximo órgano de decisión da empresa. O Consello de Fábrica, formado por 20 obreiros, estabelecía todas as cuestións estratéxicas da factoría, mentres que o Comité Administrativo e Financeiro marcaba as decisións de cada unha das áreas, ademais de organizar a produción. Tanto os membros do Consello de Fábrica como os do Comité Administrativo e Financeiro rendían contas perante a Asemblea Xeral. Se os operarios estaban desconformes coa xestión dos compañeiros con cargos directivos, estes podían ser revogados en calquera momento. Ademais, todos os traballadores con cargos de dirección recibían o salario máximo dun operario especializado, ou sexa, dun torneiro, dun mecánico ou dun fresador, “de igual forma que se fixera na Comuna de París”.

“Por tanto, neses anos demostramos que os traballadores non precisan dos patróns para dirixir unha empresa, pois os operarios saben perfectamente como teñen que facer funcionar unha fábrica”, sentenza Goulart. Os feitos danlle a razón. Os empregados sanearon a economía da compañía, reduciron en catorce horas á semana a xornada de traballo, xeraron facturacións millonarias e mesmo contrataron máis persoal.


Exportación do modelo

A ocupación de Cipla non foi un caso único no Brasil, nin no resto de América Latina. Hai experiencias similares na Arxentina onde, por exemplo, os empregados dun hotel de cinco estrelas chegaron a ocupalo. “En Venezuela, o presidente Chávez fixo un chamamento aos obreiros para que ocupen aquelas fábricas que estean en quebra ou saboten a economía do país”, engade Goulart.

O movemento brasileiro de fábricas ocupadas ten un acordo co goberno venezolano para construír neste país catro fábricas de casas de plástico. Os traballadores brasileiros envían man de obra especializada a Venezuela, mentres que o Goberno desta nación lles manda a materia prima necesaria. As casas fabricadas contan con 70 metros cadrados e dispoñen de tres cuartos, cociña, baño e salón. “Son casas moi baratas mais moi seguras, estábeis, térmicas e moi bonitas. Ademais, custan un terzo das convencionais e, en 10 días desde o inicio das obras, xa se pode morar nelas”, explica Goulart. A intención do Goberno bolivariano é fabricar 72.000 casas ao ano, no proxecto de vivenda social máis ambicioso do Planeta, segundo comenta Serge Goulart.


Nova vaga privatizadora

Lula da Silva aliouse en xaneiro deste ano co PP e co PMDB, partidos que gardan relación coa ditadura militar, “que asasinou e encarcerou compañeiros nosos”. Goulart indica que o actual presidente de Brasil privatizou as autoestradas, as poucas liñas ferroviarias que aínda eran públicas e aprobou un plan de explotación “sustentábel” da Selva Amazónica, tal como o definiu a ministra de Medio Ambiente. Mais agora o Goberno brasileiro presentou un proxecto de lei para privatizar a Seguridade Social e para revogar o Código Trabalhista, o mesmo que quixera facer sen éxito o anterior presidente, Fernando Henrique Cardoso. Lula, ademais, foi o primeiro mandatario do Brasil que ordenou a toma pola policía dunha fábrica ocupada desde os tempos da ditadura militar. No que atinxe á política internacional, Goulart denuncia a submisión de Lula fronte aos Estados Unidos: “Lula refírese a George Bush como o `compañeiro´ Bush”.

Porén, Serge Goulart non perde a esperanza e confía en que se reproduzan as loitas obreiras: “Se fomos capaces de levar á presidencia da República a un obreiro metalúrxico, podemos facer calquera cousa. Mais as decisións terán que ser máis colectivas no futuro”.

 
 
  Antón Álvarez Sanz,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)
  Antón Álvarez Sanz
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta