|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os traballadores da UTE PLOCOR 2, encargada do mantemento de parte da A-6 e da N-VI desde Lugo até o límite coa provincia de A Coruña, explicaron –en rolda de prensa– que o despedimento fulminante dos dous traballadores produciuse logo de que estes transmitiran á Dirección da empresa a necesidade de renegociar as súas condicións laborais. “Unha actitude claramente antisindical e que vai en detrimento das liberdades en materia laboral dos traballadores, máis propia de organizacións que teñen unha forma de actuar baseada no medo e a presión, que na marcada pola lei” afirman.
Tras producirse os despedimentos os traballadores reuníronse en asemblea urxente na que acordaron, por unanimidade, a convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro día 15 de outubro. Malia todo, na rolda de prensa adiantaron a súa disposición a negociar para evitala, sempre e cando sexan readmitidos nos seus postos os dous traballadores despedidos. Alén diso, lanzaron unha seria advertencia ás diferentes administracións por permitir que empresas que dependen, case en exclusiva, da carga de traballo que lles proporciona a propia Administración incumpran reiteradamente a lexislación laboral. Ao seu entender esta situación denota a falta total de control sobre estas empresas cando deberan ser garantes e dar exemplo de boas prácticas laborais. Os traballadores solicitaron tamén que se lle abra un expediente informativo a Construcciones Cortizo SL para dilucidar se cumpre a lexislación. De comprobarse que non a cumpre, os traballadores exixirán que lle sexan rescindidos os contratos en vigor. Ademais reclaman que dunha vez por todas, a Administración se involucre firmemente na defensa dos dereitos laborais poñendo como condicións que as empresas que fagan obra pública, cumpran escrupulosamente coa lei. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/10/2007 |
||||
|