|
Actualidade CIG-Comunicación-
A primeira das concentracións programadas polos traballadores realizouse o 22 de outubro diante do IMQ San Rafael de A Coruña. O 25 de outubro, ás 11:00 horas, haberá un acto de protesta no Hospital Santa Teresa de A Coruña e o día 31, á mesma hora, realizarase outro no Hospital Juan Cardona de Ferrol. En novembro haberá concentracións en Santiago; o día 8 no Policlínico A Rosaleda e o 15 diante da Consellaría de Sanidade. As negociacións foron rachadas polos empresarios o 27 de marzo deste ano ao teren abandonado a mesa de negociación negándose a debater calquera outra proposta que non fose a súa. CIG, CCOO e UGT temen que a patronal pretenda reproducir agora a dinámica vivida no convenio de 2004-05, cuxa negociación foi dilatada durante tres anos pola patronal. Do mesmo xeito, os delegados sindicais recordan que o 80% dos centros médicos representados na Mesa de Negociación do Convenio Colectivo da Sanidade Privada da provincia de A Coruña teñen concertos económicos co Sergas. “Temos serias dúbidas de que na meirande parte do sector se estean a cumprir as ratios mínimas de persoal de enfermería por cama. Isto supón, ademais dunha sobrecarga de traballo continua para os empregados e un risco para unha atención óptima aos doentes, un serio compromiso para os concertos que os hospitais privados manteñen co Sergas”, explican nun comunicado as tres centrais. Os representantes sindicais reclaman a implicación da conselleira de Sanidade, María José Rubio, posto que a meirande parte dos doentes atendidos procede do sistema público. Esixen tamén que se cumpra o Real Decreto 598/1985 sobre Incompatibilidades, especialmente entre o persoal médico. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2007 |
||||||
|