ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 5 de outubro de 2007

Delegados e delegadas da CIG contestaron á proposta para abrir as oficinas todos os días polo serán
Manifestación en Ourense contra a desregulación horaria nas Caixas de Aforros
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Traballar polas tardes? Nin os xoves!! Por un convenio digno; clic para aumentar
A manifestación, na que participaron máis de cen representantes do persoal, transcorreu polo centro de Ourense.
Traballar polas tardes? Nin os xoves!! Por un convenio digno; clic para aumentar
Traballar polas tardes? Nin os xoves!! Por un convenio digno; clic para aumentar
Traballar polas tardes? Nin os xoves!! Por un convenio digno; clic para aumentar
Este acto de protesta está enmarcado na situación do Convenio Colectivo, xa que na última reunión coñeceuse que CCOO, UGT e CSICA fixeran unha proposta por fóra da Mesa Negociadora para abrir oficinas todos os días da semana polas tardes. (Fotos: ©galizacig.com 04/10/2007).
 
O día 4 de outubro, o primeiro xoves que se traballa polo serán nas Caixas de Aforros, a CIG convocou unha mobilización nacional do sector de Aforro baixo o lema “Traballar polas tardes?? Nin os xoves!! Por un Convenio digno”. Deste xeito o sindicato quere deixar clara a súa oposición á apertura de oficinas polo serán, ao tempo que non renuncia á libranza do serán dos xoves.

Este acto de protesta está enmarcado na situación do Convenio Colectivo, xa que na última reunión coñeceuse que CCOO, UGT e CSICA fixeran unha proposta por fóra da Mesa Negociadora para abrir oficinas todos os días da semana polas tardes. Esta proposta foi rexeitada finalmente pola Patronal ACARL ante a incerteza no sector financeiro, por ser unha medida cun alto custe e de dubidosa rendibilidade.

A manifestación, na que participaron máis de cen representantes do persoal, transcorreu polo centro de Ourense. Tal e como estaba previsto iniciouse cunha concentración ante a Oficina Principal de Caixanova na rúa do Paseo para, posteriormente, percorrer as rúas principais da cidade e rematar cunha concentración e unha asemblea informativa na Oficina Principal de Caixa Galicia.

Nesta Asemblea destacouse que a CIG se oporá con todas as súas forzas a calquera iniciativa que teña como fin desregular a xornada laboral nas Caixas de Aforros e polo tanto no sector financeiro. Así mesmo, lanzáronse duras críticas contra os sindicatos que estaban dispostos a negociar cun tempo libre que é propiedade dos traballadores e traballadoras.


Comunicado aos traballadores/as e á cidadanía

Durante a mobilización repartiuse un comunicado sobre esta problemática, tanto aos traballadores e traballadoras das entidades financeiras como á cidadanía que transitaba polas rúas, que reproducimos a continuación.


«
Abertos ata o mencer?

Xa coñeciamos a intención por parte das Caixas de abrir oficinas polo serán ata entrada a noite, pero non foi ata a semana pasada cando coñecemos que algúns sindicatos estaban envoltos nunha negociación na que, aceptando esta premisa, xa estaban falando das condicións das aperturas.

Malia que agora as Caixas de Aforros teñan abandonado esta idea a nivel de sector, tanto pola situación de incerteza que vive o sector financeiro, como pola oposición das pequenas Caixas xa que esta medida favorecería ás máis grandes, o risco continúa.

Cabe lembrar que esa proposta nace do capricho dalgún director xeral, o de Caixa Galicia, polo que non é de desbotar que ante a falta de acordo en Madrid, algunhas Caixas traten de negociar a nivel de empresa esta apertura. E hoxe sabemos que as Caixas poden contar con algúns interlocutores da parte social para negociala.

Tampouco podemos esquecer o triste papel de Caixanova, a representante da Federación Galega de Caixas na patronal estatal, dobregada ás pretensións da Dirección de Caixa Galicia e ausente dun xeito vergoñoso durante a maior parte da negociación.

Pero a negociación do Convenio continúa e os traballadores e traballadoras non renunciamos a falar de xornada:

• Porque queremos que se establezan controis no Convenio que posibiliten cumprir a xornada laboral, para atallar o actual fraude nas horas extras. As empresas obrigan ao persoal, nomeadamente ao máis novo, a realizar horas extras de balde defraudando á Seguridade Social e á Facenda Pública.

• E porque seguimos defendendo a implantación da xornada de 35 horas coa libranza dos xoves polo serán. Os escandalosos beneficios das Caixas deben contribuír á creación de emprego e a diminuír as colas, o primeiro motivo de queixa da clientela.

Por todo isto retomamos hoxe, o primeiro día que traballamos polo serán, o proceso de mobilizacións que iniciamos no seu día en Compostela. Concentrándonos nas Caixas de Aforros en Ourense baixo o lema:

Traballar polas tardes?? Nin os xoves!!
Por un Convenio digno.
»

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta