ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 25 de setembro de 2007

Foron organizadas pola CIG da Comarca de Vigo
Máis de 100 persoas enchen o aforo das Xornadas sobre Conciliación e Igualdade no marco laboral

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Xornadas sobre conciliación e igualdade; clic para aumentar
Debate, alto interese das ponencias e unha moi boa participación foron as notas dominantes neste encontro.
Xornadas sobre conciliación e igualdade; clic para aumentar
Laura Estévez (esquerda), técnica de Igualdade no proxecto Conta con Elas, acompañada da secretaria de Organización da Comarca de Vigo da CIG, Placer Vila.
Xornadas sobre conciliación e igualdade; clic para aumentar
Manuel Zábala, secretario de Negociación Colectiva da CIG de Vigo, e Raquel Pazos, secretaria da Muller na Comarca da CIG de Vigo, recolleron as conclusións deste encontro. ©galizacig.com 21/09/2007).
 
O pasado venres 21 de setembro a sala de conferencias do centro social Caixanova, na rúa Policarpo Sanz, da cidade de Vigo acollía as Xornadas sobre o novo panorama que se abre en cuestión de xénero despois dos cambios nas leis galegas e españolas. Debate, alto interese das ponencias e unha moi boa participación foron as notas dominantes neste encontro.

Desde as nove da mañá comezaron a chegar os e as participantes a estas xornadas de formación, que se alongaría até máis alá das dúas da tarde. Despois da presentación, a cargo do secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, e Ana García, xerente do proxecto Conta con Elas, Luís Burgos, do Gabinete Técnico da CIG, realizou unha presentación e explicación da Lei de Igualdade.


Novos dereitos e negociación colectiva

O seguinte relator foi Xaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade de Vigo que tratou a cuestión dos novos dereitos para a conciliación na lexislación laboral, e como introducir estes conceptos de igualdade e a necesaria conciliación laboral na negociación colectiva e na acción sindical.

Así, Xaime Cabezas falou ás presentes das medidas de acción positiva novas, do permiso de lactancia e garda legal, das medidas de adaptación do tempo do traballo, a regulación das vacacións, as novidades nas excedencias voluntarias por fillas e familiares, as modificacións na suspensión por maternidade, a suspensión por paternidade, as indemnizacións por acollerse a unha xornada reducida polo coidado de fillas e familiares, e o subsidio por risco durante embarazo e lactancia, entre algunhas outras cuestións e entre as que destacou unha reflexión que trouxo a estas xornadas e na que incidiu “na necesidade de tirar de todas estas novidades lexislativas e novos dereitos, pois na negociación colectiva podemos ser quen de obter melloras por riba das fixadas pola lei e debemos estar atentos e atentas a todas estas novas posibilidades que se nos abren nas cuestións de xénero”.


Plans de igualdade de oportunidades

A seguir foi Laura Estévez, técnica de Igualdade de Oportunidades no proxecto Conta con Elas, quen tomou a palabra para falar da súa experiencia no deseño de plans de igualdade de oportunidades en máis de dez empresas da área de Vigo, que é un paso previo para a necesaria implantación dos plans de igualdade nas empresas.

Estévez explicou que “a finalidade dos plans de igualdades é obter unha participación equilibrada de persoal en todas as ocupacións e cargas profesionais, garantindo o acceso e permanencia das mulleres no mercado laboral coas mesmas condicións sociolaborais que os homes”.

Ademais falou de que pasos había que levar adiante para poñer en marcha estes plans, xa que “hai un proceso de negociación coa empresa, hai que elaborar un diagnóstico da situación nesta empresa, e por último ten que haber unha estruturación e posta en marcha das medidas que o diagnóstico aconselle”.

Nese sentido, Estévez falou das complicacións para recompilar os dados necesarios para realizar estes diagnósticos, xa que as propias empresas non teñen estes dados en función de xénero, por exemplo.


Saúde laboral e xénero

Paula González, técnica superior de Riscos Laborais e do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG, incidiu nas diferenzas en materia de Saúde Laboral existentes entre homes e mulleres, que se dan polas diferentes posicións no mercado laboral de traballo, e que conlevan riscos distintos, como o exemplo concreto do risco reprodutivo.

González destacou cuestións fundamentais como o acoso sexual, o mobbing ou acoso moral, e presentou un modelo de avaliación de riscos laborais sensíbel ao xénero, así como propostas para a negociación colectiva.


Conclusións

Para finalizar estas xornadas, Raquel Pazos, secretaria comarcal da Muller da CIG de Vigo, e Manuel Zabala, secretario comarcal de Negociación Colectiva da CIG de Vigo, deron lectura ás conclusións deste encontro, que souberon resumir o contido desta xornada de formación.

A clausura foi realizada por Carme López Santamariña, secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais da CIG.

 
 
Informacións relacionadas
04/09/2007 O 21 de setembro desde as nove da mañá
Xornadas de conciliación e igualdade laboral no marco da Comarca de Vigo
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta