ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 20 de setembro de 2007

Na manifestación participaron 6.000 persoas da CNA, COAG e CPE, e coincidiu coa celebración do Consello Agrícola da UE
Centos de labregas/os da Galiza desprazáronse a Porto organizados polo SLG para reclamar unha nova PAC

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Por unha PAC para labregos e labregas; clic para aumentar
Por unha PAC para labregos e labregas; clic para aumentar
O Sindicato Labrego Galego, en representación das labregas e dos labregos da Galiza, expresou o seu rexeitamento á reforma da PAC da Comisión Europea, e reclamou, xunto á voz de miles de labregos e labregas de toda Europa que estaban representados en Porto, unha Política Agraria Común que defenda de verdade os intereses do agro, con prezos mínimos que remuneren o traballo agrario e cubran os custes de produción, e cun control da produción baseado nun reparto xusto dos dereitos. (Fotos: ©SLG 17/09/2007).
 
Coincidindo coa reunión do Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da Unión Europea, máis de 6.000 labregos e labregas da Península Ibérica concentráronse o 17 de setembro na cidade de Porto para rexeitar a reforma da Política Agraria Común (PAC) proposta pola Comisión Europea e para reclamar unha nova política agrícola europea que defenda o medio rural e as explotacións labregas.

Galiza estivo representada polas xentes do Sindicato Labrego Galego, organización que fretou varios autobuses e participou na manifestación con dous centos de afiliados e afiliadas xunto a miles de manifestantes da Confederaçao Nacional de Agricultura de Portugal (CNA), a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) e a Coordinadora Labrega Europea (CPE). Ademais, o responsábel de relacións internacionais do SLG e membro da Executiva da CPE, Xosé Ramón Cendán, foi un dos compoñentes da comitiva que se reuniu co ministro de Agricultura portugués e presidente por quenda do Consello Agrícola Europeo, Jaime Silva, para facerlle chegar as propostas do campesiñado.

A participación do Sindicato Labrego Galego explícase porque a reforma da PAC que pretende levar adiante Bruxelas atenta directamente contra os principais sectores produtivos do agro galego.

Así, por exemplo, a comisaria de Agricultura, Marian Fischer Boel, defende a liberalización total do sector leiteiro coa eliminación do control sobre a produción. Isto suporía deixar a produción de leite en mans das grandes transnacionais, que poderían producir e distribuír en grandes cantidades tirando os prezos e arruinando a economía das nosas explotacións.

Outro dos cabalos de batalla da PAC é a reforma da Organización Común de Mercado (OCM) do Viño, que aposta pola uniformización e industrialización deste sector e supón un auténtico torpedo na liña de flotación das nosas denominacións de orixe. De feito, e grazas a candansúa moción presentada polos vocais do Sindicato Labrego Galego, xa se pronunciaron en contra desta reforma da OCM do Viño os consellos reguladores de Rías Baixas e O Ribeiro.

Outro dos piares máis lesivos da reforma que pretende impor a Comisión Europea é o desacoplamento total das axudas. Trátase dunha medida que consiste en desvincular totalmente as subvencións da PAC da produción agraria. Desta maneira, poderanse cobrar as primas sen necesidade de producir, o cal será un acicate para que se abandone o traballo agrario e sigan pechando miles de explotacións de todos os sectores produtivos.

Por estes e outros motivos, o Sindicato Labrego Galego, en representación das labregas e dos labregos da Galiza, expresou o seu rexeitamento á reforma da PAC da Comisión Europea, e reclamou, xunto á voz de miles de labregos e labregas de toda Europa que estaban representados en Porto, unha Política Agraria Común que defenda de verdade os intereses do agro, con prezos mínimos que remuneren o traballo agrario e cubran os custes de produción, e cun control da produción baseado nun reparto xusto dos dereitos.

 
 
Informacións relacionadas
15/09/2007 O acto coincidirá co Consello Agrícola da UE e acudirán labregos/as de todo o continente convocados por CPE, CNA e COAG
O SLG participará na manifestación de Porto do día 17 para reclamar unha nova Política Agraria Común
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta