ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 27 de xullo de 2007

Sancionan a 7 traballadoras/es por negarse a cumprir uns servizos mínimos abusivos
Masivo seguimento da folga indefinida de CESPA en Vigo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Cespa-xardíns en folga por un Convenio xusto; clic para aumentar
A convocatoria de folga indefinida en CESPA producíase tras da ruptura das negociacións do convenio colectivo. (Fotos: ©galizacig.com 25/05/2007).
Cespa-xardíns en folga por un Convenio xusto; clic para aumentar
Cespa-xardíns en folga por un Convenio xusto; clic para aumentar
 
O pasado luns 23 de xullo comezaba en Vigo a folga indefinida dos traballadores e traballadoras de CESPA, empresa concesionaria do servizo de limpeza e mantemento dos parques e xardíns, tras da ruptura de negociacións do convenio colectivo. A participación é masiva e o cadro de persoal acordou non cumprir cos abusivos servizos mínimos impostos e presentar un recurso. CIG e traballadores demandan a mediación do Concello, pero o PSOE elude toda responsabilidade.

A convocatoria de folga indefinida en CESPA producíase tras da ruptura das negociacións do convenio colectivo. As traballadoras e traballadores, apoiados pola CIG, demandan uns incrementos económicos que se traducen nunha suba salarial mensual de 60 euros o primeiro ano, 70 euros o segundo e 80 o terceiro, nun convenio por tres anos; que se recoñezan as baixas ao 100% e desde o primeiro día; unha cuarta paga ademais de libranzas, licenzas e outras melloras sociais.

A secretaria comarcal da Federación de Servizos da CIG de Vigo, Transi Fernández, explica que a patronal non está disposta a aceptar estas demandas e o único que está disposta a ofrecer é un incremento do IPC real máis o 0,25 cada ano, nun convenio por catro anos.

Tras da ruptura das negociacións e da convocatoria de folga, os traballadores solicitaron do Concello a súa mediación para facilitar que se acheguen posicións e se posibilite a sinatura do convenio. Porén, desde o PSOE eluden calquera responsabilidade e derivan todo o conflito a un problema entre a empresa e o cadro de persoal, malia ser CESPA unha concesionaria que desenvolve a súa actividade directamente para o Concello ao igual que os traballadores. CESPA ten unha concesión por 16 anos e aínda lle restan 6.

O máis grave, segundo a secretaria comarcal da Federación de Servizos é que, ademais de negarse a mediar, desde a Concellaría socialista contratáronse os servizos dunha Empresa de Traballo Temporal para suplir o traballo dos folguistas, conculcando así este dereito fundamental.

Transi Fernández lembra que até o de agora isto nunca acontecera, xa que en anteriores procesos de negociación desde o Concello nunca se negara a posibilidade de mediación entre as partes.


Servizos mínimos abusivos

Ademais, logo de que se decretaran uns servizos mínimos abusivos, os traballadores acordaron non cumprilos á espera de que se resolva o recurso presentado en contra. Transi Rodríguez explica que, en concreto, o que se pretendía era que, dun cadro de persoal de 109 traballadores/as, 32 seguiran cubrindo os labores de limpeza e mantemento dos xardíns, o que “minimizaría o impacto da folga e polo tanto a capacidade de presión das/os traballadoras/es”, explica a representante da CIG.

A CIG considera que se non se quitan as sancións non se pode iniciar novamente a negociación.


A empresa segue sen negociar

Na mañá do xoves 26 de xullo o comité de folga participou nunha xuntanza cos tres grupos municipais de Vigo para demandar novamente a mediación do Concello no conflito e que este presione á empresa para retomar as negociacións. Demanda que non se materializou cos mesmos argumentos das xornadas anteriores.

En todo caso e tras desta xuntanza, a propia empresa convocou aos representantes dos traballadores/as a unha reunión ás 14:00 horas, da que non se obtivo ningún resultado.

A secretaria comarcal da Federación de Servizos explica que os representantes da empresa, ademais de non estar capacitados para chegar a acordos, chegaron 25 minutos tarde. “Fixeron unha reflexión sobre a importancia de que cumpriramos os sevizos mínimos e nós explicamos que mentres non se retiraran as sancións dos 7 compañeiros por negarse a cumprilos non sentariamos a negociar. Contestaron que era imposíbel e demos por rematada a reunión”.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta