|
Actualidade / Artigo Voto emigrante Manuel Mera-
Pra sermos obxectivos neste tema cumpre aclarar previamente, que todas as nacións que recibiron emigración galega masiva, mesmo as de América Latina, regularon os procesos migratorios, e que pra ter dereito ao voto neses países, mesmo nas eleicións municipais, había que se nacionalizar, pra o que se esixía normalmente uns anos mínimos de residencia. Temos que saber que non hai un único criterio sobre o voto dos emigrantes nas nacións da Unión Europea, por exemplo, nalgúns países elixen un número de deputados determinados como se foran unha circunscrición. Penso que é positivo que os netos teñan dereito á nacionalidade, porén non debía ser plena até que residiran no Estado español, só cando cumpran este requisito terían dereito ao voto así como ao conxunto dos servizos públicos e de proteción (que hoxe ninguén pide que se lle garantan no exterior, verdade). Non é de recibo que un fillo ou neto de emigrantes, home ou muller, decida sobre un governo que non lle afecta, sobre propostas eleitorais das que ten un coñecemento mínimo ou exclusivamente polos meios de información, sen ningún contacto directo coa realidade. Ademais, xa exerce ese dereito no país no que reside e, outro aspecto importante, el ou ela non son emigrantes senón descendentes. Tampouco se entende que un emigrante que leve dez ou vinte anos fora, aínda que nacera en Galiza, teña sempre dereito ao voto. Deberánselle garantir e facilitar outros aspectos, como a relación a todos os niveis coa Terra de orixe, a proteción fronte a calquera discriminación, etc. E cando retorne debe adquirir todos dereitos automaticamente, porén tamén todas as obrigas, porque o primeiro sempre debe ir unido ao segundo. Hoxe son máis os descendentes de emigrantes que as persoas orixinarias as que teñen dereito ao voto en América Latina, e en moitos concellos son decisivos pra conformar un governo. Mentres que a maioría da emigración galega, a que fai menos tempo marchou, e que vive noutras autonomías do Estado, que é ademais a millor informada, non ten dereito ao voto en Galiza. Son situacións que amosan a inconsistencia da norma, que só se pode entender porque obedece a criterios que favorecen a aqueles partidos que, pola súa estructura territorial e poder, controlan os mecanismos que inducen o voto exterior. Os dereitos dos nosos emigrantes, e descendentes, non só se garante co dereito pleno e baixo calquer situación ao voto, senón fundamentalmente por facilitar o seu retorno no primeiro caso e facilitalo cando o desexen no segundo. Pasa por garantir que terán todo o apoio necesario diante de situacións colectivas e individuais difíciles, de que no exterior contaran con todos os meios pra desenvolver a cultura orixinal, así como apoio pra se integrar no país de residencia ou cando retornen, e ter sempre unha información ampla e plural do que acontece en Galiza. E, asemade, asegurar que se contará especialmente con eles pra difundir a nosa identidade, posibilidades e capacidades, e pra que recollan e fomenten alí onde residan todo tipo de intercambios, tanto económicos como culturais. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2007 |
||||
|