|
Actualidade CIG-Comunicación-
Por terceira semana consecutiva as traballadoras de limpeza hospitalaria do CHOU volvían mobilizarse, xa que continúan sen ter novidades por parte das empresas que teñen a concesión dos seus servizos (que é unha unión temporal de empresas -UTE- de Ferpesa e Extraco), que se negan a incrementar o seu salario, baseándose en “perdas e absentismo”, e polo tanto a negociar nin melloras salariais nin laborais para este colectivo.
As traballadoras este martes 26 de xuño volvían encontrarse desde as dez da mañá e até as once no exterior da Residencia, desde onde partían en manifestación polo Complexo Hospitalario de Ourense, realizando paradas diante da Xerencia do CHOU e ás portas doutro dos centros de traballo deste colectivo como o Hospital Santa María Nai. Berros contras as empresas concesionarias, e chamando á negociación, sonoros chifres e palmas contra o inmobilismo de Ferpesa e Extraco foron constantes nesta hora de ruído polo CHOU, que se podería resumir nun só das súas consignas: “só reclamamos o que é noso”.
Ese mesmo martes as traballadoras estaban convocadas a unha asemblea na que se clarificaron dúbidas que xurdiran neste proceso de mobilizacións e na que se ratificou a decisión de convocar folga indefinida a partir do 1 de outubro na limpeza hospitalaria, de non haber mudanza na actual situación. Nesta asemblea tamén decidiron convocar para o día seguinte, este xoves 27 de xuño, ás seis da tarde unha concentración diante das oficinas de Ferpesa, no centro de Ourense, para denunciar ante a cidadanía a actitude desta empresa na negociación deste convenio.
E así este mércores ás seis da tarde, na avenida da Habana 57, preto de cen traballadoras do servizo de limpezas hospitalarias volvíanse facer escoitar, desta volta diante das oficinas desta empresa de limpeza Ferpesa durante máis dunha hora. As integrantes do Comité de Empresa recibiron ao longo da mañá deste mércores chamadas por parte de responsábeis de Ferpesa para informarlles de que se continuaban coa idea de concentrarse diante da sede da súa empresa o próximo mes terían complicado recibir a nómina de xullo. As traballadoras fixeron fronte a estas ameazas, e de feito pensaran en suspender as mobilizacións durante os meses de xullo e agosto polo período vacacional, pero polo impacto e seguimento desta concentración valoran a posibilidade de continuar con estas concentracións. Durante esta nova mobilización as concentradas, que repartiron panfletos para informar á xente que pasaba por este espazo público, sinalaron a culpabilidade desta empresa no proceso de negociación -“Aqui están os que teñen que negociar”- e volveron visibilizar o positivo destas mobilizacións, coas que pensan continuar até ter unha solución ao seu conflito -“Limpeza unida xamais será vencida”-.
«Á cidadanía de Ourense. A limpeza de hospitais en loita As traballadoras e traballadores da limpeza de institucións hospitalarias do Sergas estamos en loita polo noso convenio colectivo, xa que as empresas que forman parte da mesa de negociación, Ferpesa, Extraco e Eurolimp, propoñen un incremento cero e néganse a negociar o resto das melloras sociais que reclamamos. En conxunto somos 170 traballadoras/es afectadas/os e o único sector da provincia de Ourense que a estas alturas non dispoñemos de Convenio Colectivo a pesar da importantísima labor que realizamos diariamente a favor da atención sanitaria á poboación. Queremos que toda a cidadanía de Ourense saiba que é a primeira vez en trinta anos de vida do noso Convenio que nos atopamos nesta situación, situación da que culpabilizamos a estas empresas que o único que lles preocupa é obter, de forma fácil e a nosa costa, importantes beneficios económicos». |
||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/06/2007 |
||||||||||||||||||
|