Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


A Coruña, 20 de xuño de 2007

María do Carme López Santamariña, nova secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais da CIG:
“É necesario que o nivel de afiliación feminina se reflicta na representatividade das mulleres nos órganos da CIG”

 

Antón Álvarez Sanz (CIG)-

antonalvarez@galizacig.net


  María do Carme López Santamariña, clic para aumentar
M.C. López Santamariña: “Nos convenios é frecuente ver a categoría de “limpadora” mais é raro ver a de “limpador” pois, no caso dos homes, adoitan ser considerados “persoal de servizos varios” ou “oficiais de primeira”. Logo atópaste coa realidade e ves que eles tamén limpan, mais teñen un plus por traballaren en altura a limpar cristais. Porén, non reparan en que as mulleres que están no chan teñen os mesmos riscos que os homes, xa que están en contacto cos produtos químicos e teñen que facer movementos repetitivos que, ao longo das súas vidas, poden ocasionar lesións que poucas veces se relacionan co traballo que desempeñaron”. (Foto: ©galizacig.com 19/06/2007).
 
María do Carme López Santamariña asumiu hai días a Secretaría Confederal de Muller e Servizos Sociais logo da reestruturación da Executiva Confederal da CIG, que se produciu trala marcha de Fermín Paz Lamigueiro, substituído á fronte da Secretaría Confederal de Servizos e Afiliación por Elvira Patiño, anterior responsábel de Muller da central.

López Santamariña é funcionaria da Administración autonómica e preside a Xunta Provincial de A Coruña do Persoal Funcionario da Xunta de Galiza. Ocupou diferentes cargos dentro da Federación de Administración Pública da CIG na bisbarra coruñesa, como as secretarías de Organización e a Comarcal. Leva anos vinculada ao sindicalismo nacionalista e traballou no Comité de Saúde Laboral da Delegación da Consellaría de Cultura en A Coruña.


Antón Álvarez:
Como afrontas este novo reto de coordinar a Secretaría Confederal da Muller?

M.C. López Santamariña: Con moitísima ilusión e con grandes ganas de traballar co mesmo ou maior grao de implicación que antes. Afronto esta responsabilidade como un reto persoal, con moitas ganas de facer cousas novas e de levar adiante todos os programas que deixou deseñados a compañeira Elvira Patiño, que estabeleceu un traballo moi definido e que puxo en andamento moitos proxectos. Hai que recoñecer todo o esforzo realizado anteriormente na Secretaría da Muller e, quizais, eu me levarei os loureiros mais hai que ver todo o traballo desenvolvido atrás. Comprométome a seguir as bases sentadas no último Congreso da CIG en materia de Muller. Débome á organización e este é un traballo colectivo e non individual.

Antón Álvarez: Poderías avanzar cales son as liñas de actuación sobre as que funcionará a Secretaría da Muller a partir de agora?

  María do Carme López Santamariña, clic para aumentar
M.C. López Santamariña: “No último Congreso deuse un paso moi importante ao decidir que a área da Muller se constituíse como unha Secretaría Confederal, en lugar dun colectivo illado como era antes. Mais agora temos que seguir avanzando no desenvolvemento das estruturas comarcais da Secretaría da Muller, creando equipos de traballo. Na negociación colectiva hai que mentalizarse e teñen que estar presentes nela os planos de igualdade, a protección en canto á maternidade, a condicións de traballo, etc”. (Foto: ©galizacig.com 19/06/2007).
 
M.C. López Santamariña: Estamos a piques de editar dúas guías, unha delas sobre recursos para as mulleres que son vítimas de violencia de xénero e outra sobre Saúde Laboral en perspectiva de xénero. Tamén temos outros proxectos como avaliar a implantación que ten o Plano de Acción Sindical da CIG entre xéneros, para garantir a non discriminación das mulleres, así como a promoción da igualdade a todos os niveis do sindicato e conseguir que a central se converta nun referente en canto ao principio da transversalidade. Notamos aspectos positivos e vemos que cada vez hai máis mulleres que participan nas candidaturas electorais da CIG. Mais debemos avaliar até que punto a CIG está a cumprir cos obxectivos que se marcou neste plano. É necesario que o nivel de afiliación feminina se reflicta logo na representatividade das mulleres nos diferentes órganos das federacións e do conxunto da central.

Non se trata de estabelecer cotas de mulleres nos órganos da central. Aquí o que conta é o traballo de todos e todas, independentemente do xénero. Por iso, hai que conseguir que as traballadoras se impliquen no traballo do sindicato, que participen da súa vida interna para que, deste xeito, logren estar presentes nos órganos de dirección. Na CIG hai mulleres dabondo con ganas de traballar, con preparación suficiente e cun grande compromiso para traballar pola central e por elas mesmas como mulleres. Hai federacións como Construción ou Metal nas que a presenza das mulleres é moi baixa. Pois é aquí onde hai que darlles cancha, posto que teñen moitísimo mérito e cómpre que se impliquen aínda máis na vida sindical.

Antón Álvarez: Mudaron substancialmente nos últimos anos as políticas de xénero da CIG?

M.C. López Santamariña: No último Congreso deuse un paso moi importante ao decidir que a área da Muller se constituíse como unha Secretaría Confederal, en lugar dun colectivo illado como era antes. Mais agora temos que seguir avanzando no desenvolvemento das estruturas comarcais da Secretaría da Muller, creando equipos de traballo. Na negociación colectiva hai que mentalizarse e teñen que estar presentes nela os planos de igualdade, a protección en canto á maternidade, a condicións de traballo, etc.

Antón Álvarez: Cal é a análise que fas dos principais problemas que afectan á muller no mundo do traballo?

M.C. López Santamariña: Nos sectores máis feminizados é onde máis se acusan as diferenzas salariais e de condicións de traballo entre xéneros. Nos Servizos estamos a facer un estudo detallado sobre as condicións de traballo das mulleres. Aquí e no Téxtil, por exemplo, non se están avaliar as medicións de po no ambiente nos centros de traballo, nin se analizan as substancias químicas dos materiais empregados, non se controlan os tempos de traballo, nin se teñen en conta os movementos repetitivos nas cadeas de produción, que ocasionan posteriormente moitas doenzas. Neste sentido estamos a facer un traballo moi detallado.

Estamos a realizar tamén un estudo comparativo dos salarios en canto ás categorías profesionais, no que pomos de evidencia que a igual traballo non hai o mesmo salario entre homes e mulleres. Isto ocorre principalmente nos Servizos e nas conserveiras.

Por exemplo, nos convenios é frecuente ver a categoría de “limpadora” mais é raro ver a de “limpador” pois, no caso dos homes, adoitan ser considerados “persoal de servizos varios” ou “oficiais de primeira”. Logo atópaste coa realidade e ves que eles tamén limpan, mais teñen un plus por traballaren en altura a limpar cristais. Porén, non reparan en que as mulleres que están no chan teñen os mesmos riscos que os homes, xa que están en contacto cos produtos químicos e teñen que facer movementos repetitivos que, ao longo das súas vidas, poden ocasionar lesións que poucas veces se relacionan co traballo que desempeñaron.

Antón Álvarez: Son realmente positivas as últimas reformas legais en materia de igualdade ou fican en meras campañas propagandísticas?

M.C. López Santamariña: Son positivas estas medidas e contribúen a crear unha cultura de igualdade. Mais é certo que son, en grande parte, medidas cosméticas que fan os gobernos para quedar ben diante da opinión pública. Mais se se fala de conciliación é imprescindíbel que estas leis leven parellas partidas económicas en políticas sociais, en creación de garderías, por exemplo. Vanse dando pasos mais moi de vagar.

 
 
  Antón Álvarez Sanz,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)
  Antón Álvarez Sanz
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/06/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta