Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 31 de maio de 2007

Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración
Acordo entre o DRIL e o Moviment D’Alliberament Nacional de Catalunya en Caracas
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Anagrama DRIL, clic para aumentar
Anagrama do DRIL. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
O primeiro de febreiro de 1960 ainaron en Caracas este acordo o DRIL e o Moviment D’Alliberament Nacional de Catalunya. As nacións sen Estado da Peninsula Ibérica no exilio latinoamericano tentaron integrase en varios ocasións principalmente na Arxentina e México. Este documento, así como as xuntanzas que na década dos sesenta mantiveron vascos, cataláns e galegos en Caracas para formar Galeuzca en Venezuela, son boa proba dese interese e ese recoñecemento. Este documento inédito é unha achega á nosa historia máis recente.


  Xosé Velo Mosquera, clic para aumentar
Xosé Velo exiliado no Brasil.
 
Reunidos, os señores, profesor Xosé Velo Mosquera e comandante Antonio Padilla Castillo, altos dirixentes e representantes autorizados da organización clandestina titulada “DIRECTORIO REVOLUCIONARIO IBÉRICO DE LIBERACIÓN –DRIL-”, dunha parte; e da outra, os señores, doutor Joaquín Juanola Massó e Amadeo Oller Navarro, tamén altos dirixentes e representantes autorizados do “Moviment D’Alliberament Nacional de Catalunya”, conveñen en subscribir as declaracións de principio e os acordos seguintes:

PRIMEIRO.- Recoñecen que a Península Ibérica está constituída polas seguintes Nacións, CATALUÑA, GALICIA, CASTILLA, EUZKADI E PORTUGAL.

SEGUNDO.- Recoñecen que as referidas Nacións, CATALUÑA, GALICIA e EUZKADI, a partir do tempo dos funestos reis consortes Isabel I de Castela e Fernando I de Cataluña-Aragón, comezaron a ver socavada a súa independencia por unha política de hexemonía e de absorción de Castilla, que foi intensificándose coas monarquías castelás estranxeiras dos Austria e os Borbón, até a súa culminación coa perda total das súas liberdades baixo un réxime de ocupación militar e de centralización política, administrativa e económica.

TERCEIRO.- Recoñecen que nos actuais momentos as masas nacionais activas das referidas Nacións loitan polo derrocamento dos réximes ditatoriais imperantes na Península Ibérica, para volver a converterse en Estados Independentes, integrándose ao concerto dos Estados libres do Mundo.

Consecuencia do recoñecemento dos anteriores principios, compromete e obriga,

A) A respectar o réxime de Independencia Nacional que se implante en Cataluña no momento da caída da ditadura franco-falanxista.

B) O “MOVIMENT D’ALLIBERAMENT NACIONAL DE CATALUNYA” intégrase plenamente nas actividades que para a loita contra as ditaduras imperantes na Península Ibérica comezou o “DIRECTORIO REVOLUCIONARIO IBÉRICO DE LIBERACIÓN –DRIL-” co obxecto de reimplantar nela a liberdade e a xustiza; achegando toda a forza da súa organización e todos os medios dos que dispón.

C) Co obxecto de coordinar estreitamente as actividades das dúas organizacións que subscriben este documento, convense que os dous representantes do “MOVIMENT D’ALLIBERAMENT NACIONAL DE CATALUNYA” que o representan entren a formar parte do Directorio do “DIRECTORIO REVOLUCIONARIO IBÉRICO DE LIBERACIÓN -DRIL-”.

Deste documento subscríbense dous exemplares, un redactado en idioma catalán, e o outro en idioma castelán, na cidade de Caracas, capital da República de Venezuela, a primeiro de febreiro de mil novecentos sesenta.

Polo “DIRECTORIO IBÉRICO DE LIBERACIÓN –DRIL-”, profesor Xosé Velo Mosquera e comandante Antonio Padilla C.

Polo “MOVIMENT D’ALLIBERAMENT NACIONAL DE CATALUNYA”, doutor Joaquín Juanola Massó e Amadeo Oller Navarro.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta