|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
Xan Cons: A carreira profesional é un tema novo que se mete no sistema sanitario para avaliar o traballo das persoas e por outro lado incentivar ou recoñecer ese traballo. Consiste no acceso dentro da mesma categoría a catro graos dentro de cada categoría, e cada un deses graos leva asociado entre outras cousas un complemento retributivo determinado. A partir da reforma legal que permitiu isto que foi no ano 2003, iniciouse en todo o sistema de saúde e nas distintas comunidades autónomas un proceso de negociación. Aquí en Galiza pecharamos un acordo para facultativos no 2005, no 2006 para enfermería e agora a negociación da carreira é para o resto das categorías, técnicos superiores sanitarios, auxiliares de enfermería e todo o persoal non sanitario (celadores, administrativos, pinches...). Zélia García: Cando comezou a negociación coa Administración? Xan Cons: É unha negociación que comezou no mes de novembro e durante eses primeiros meses a Administración foi dilatando este proceso. A primeira negociación que presentou na mesa foi o 13 de xaneiro e foi tan descaradamente provocadora que xerou a situación contraria, que a xente o recibira como unha afrenta ou insulto e estimulou de feito a mobilización e a unidade sindical. Esa proposta é recibida desa maneira porque basicamente se estiveramos a falar de salario normal sería o mesmo, pero na carreira profesional que se trata de avaliar as distintas categorías o que se trata é de que o aceso á carreira profesional sexa en termos similares ou comparábeis en todos os casos. Se o percorrido profesional dun médico para ser considerado moi bo médico en anos e experiencia debe ser similar ao dun celador para ser considerado un moi bo celador. Non entendemos que un médico poda ser considerado moi bo médico en vinte anos e un celador tiña que demostralo en vinte anos. A proposta do Sergas neste sentido esixe para estas categorías moitísimos máis anos de percorrido profesional que a que esixe para médicos ou enfermeiras, e iso foi recibido como unha discriminación intolerábel. Logo nas cuantías económicas tamén se criou outra fronte de conflito porque o plantexamento que a CIG iniciou nestas negociacións igual que nas anteriores é un plantexamento de proporcionalidade, é dicir, que aínda que non pedimos que a valoración profesional dun médico sexa a mesma que a dun celador, pero si que sexa proporcional no salario de cada quen no seu nivel. A estrutura salarial no Sergas é de tres a un (tres médico, un e pico celador) iso significaría que para entendernos que se para facultativos temos pactado 3.000 euros anuais, significaría que para un grupo menor teriamos que estar por riba dos 1.000. A primeira proposta do Sergas de xaneiro ofrece tan só 400. Por unha parte, a xente recibe esta proposta como unha limosna, e por outra parte, o noso argumento é que a carreira profesional non pode servir para aumentar a brecha salarial entre os que máis e os que menos cobran do sistema, e que mentres iso sexa así a CIG non vai aceitar ningunha proposta de acordo que provoque abrir máis a brecha salarial entre uns e outros, xa que por moito que a carreira profesional sexa unha valoración como hai un complemento retributivo e polo tanto cartos pois admitiría esa comparación.
Xan Cons: Desde ese momento o problema foi a maior, desde a CIG entendemos que o sector se tiña que mobilizar se quería outra cousa porque tamén é verdade que sabemos que noutras comunidades autónomas a negociación foi como foi aquí: médicos e enfermería tiñan unha carreira profesional razoabelmente boa, sempre discutíbel, e as outras categorías tiñan carreiras profesionais moi baixas. E nesas outras comunidades autónomas máis ou menos todos os sindicatos asinaron ese tipo de acordos. Nós sabiamos que aquí quen tiña que dar a batalla para acabar con esa brecha salarial éramos nós, e entón no mes de febreiro iniciamos xa unha serie de mobilizacións exclusivamente como CIG, e esas mobilizacións permitiron poñer o problema enriba da mesa, que ningún sindicato aceitara esta proposta, e levou a que as asembleas entenderan o plantexamento da CIG e que forzaron a mover ficha a outros sindicatos, e moveron á unidade sindical e á plataforma única. Derivou no mes de abril na creación dunha plataforma sindical única, con reclamacións moi similares ás que nós viñamos defendendo, e fixouse un calendario de mobilizacións conxunta no mes de marzo que coincidiu en varios días de convocatoria de folga parcial e na convocatoria de folga xeral do 29 de marzo, que foi un rotundo éxito de mobilización. Temos presentado o seguinte calendario de mobilizacións para o mes de abril, que consiste en peches de 24 horas nos centros sanitarios o 3 de abril, e unha nova convocatoria de folga para os días 12 e 13 (folgas de seis horas, tres horas na quenda de mañá e tres na da tarde), o día 20 folga de seis horas (outra vez de 12 da mañá a 18 da tarde) e o día 26 folga xeral de 24 horas. Zélia García: E ademais desta plataforma única, hai algunha outra cuestión que desde a CIG Saúde se queira salientar? Xan Cons: Dentro da carreira profesional temos dous temas de negociación que queremos tratar: un deles é a promoción interna, porque entendemos que poden entrar en contradición (a carreira profesional recoñécese en cada categoría de xeito independente, se unha persoa fai promoción interna, se un celador estuda enfermería e logo quere cambiar a súa situación de celador, pois empezaría de cero na carreira profesional) e queremos evitar que ás persoas que aceden á promoción interna sufran prexuízo nas súas carreiras, xa que se supón que a promoción interna é algo desexábel en todo traballo, e sobre todo a nivel de recursos humanos do Sergas debería ser algo a incentivar. Non queremos que se pelexen promoción interna e carreira profesional, polo que se deberá resolver este aspecto. E outra das cuestións que queremos abordar é que ningún colectivo dos que traballan no Sergas quede discriminado na carreira profesional porque o Sergas quere excluír ao persoal funcionario e ao persoal laboral que está a traballar nos centros sanitarios, e desde a CIG non vemos xustificado que en función do tipo de contrato que teñas o teu traballo é ou non é valorado. Queremos tamén, polo tanto, que este problema se resolva. Zélia García: Respecto ao tema das fundacións cal é o posicionamento actual da CIG Saúde e que movementos está a haber nesta cuestión por parte da Administración e sindicatos? Xan Cons: A CIG mantivo e continúa a manter unha posición contraria ás fundacións e desde o principio dos tempos que comezaron a funcionar marcámonos como un dos obxectivos sindicais a conseguir aí era a disolución das fundacións e a integración no Sergas de todo isto. No ano 2004 conseguiramos un acordo coa Administración anterior para iniciar algo que se chama estaturización, que é un proceso no que sen disolver as fundacións a xente que traballa nestas fundacións pase a ser persoal do Sergas. Este proceso tiña que estar rematado no 2007. Con esta nova Administración chegárase a un acordo a principios do ano pasado de que ese proceso de integración de persoal do Sergas se ía adiantar e que se ía facer a finais do 2006. O problema é que pasaron os tempos e iso está sen facer, perdido no mundo da burocracia o decreto que se precisa para rematar ese tema. Desde principios de ano a CIG comezou unha campaña de recollida de sinaturas, de concentracións, de envíos masivos de faxes, escritos, facendo un pouco de ruído nese sentido para denunciar este tema e para esixir algo que nós entendemos que tamén é un compromiso desta Administración que é non só integrar ao persoal senón disolver ás fundacións. Lembrabámoslles á Administración que o proceso de integración ía con retraso pero que ademais o compromiso de disolver as fundacións, que tamén asumiran para este 2007, non sabiamos onde estaba. Non sei se porque é ano electoral, pero de repente lles entrou a loucura e agora UGT a través dos delegados que ten decidiu convocar unha folga. Nós dixemos que non apoiabamos a folga nestes momentos porque a folga que eles plantexan é só para apurar prazos de integración de persoal e a CIG defende que se faga xa esta integración pero nos resulta desproporcionada unha folga para que se adiante un mes un prazo en concreto, e nós fariamos folga se eles estiveran dispostos a pedir a disolución inmediata das fundacións, pero niso non están de acordo. Nótase que é unha folga de nerviosismo por temas electorais. Nós estamos a facer nestes días asembleas nos centros para explicar a posición da CIG, os prazos administrativos para que todo isto saia adiante, que rematan a mediados de abril, e as mobilizacións en termos de folga só se deberían facer despois desta data e propuñamos iniciar estas mobilizacións na semana do 23 de abril, e sempre e cando a eses plantexamentos se unira a cuestión da disolución das fundacións. Zélia García: Que demandas realiza a CIG Saúde no tema das fundacións na actualidade? Xan Cons: Queremos que o persoal pase ao Sergas pero queremos sobre todo que as fundacións se disolvan, porque nós sempre manifestamos que esta integración tiña que ser unha ferramenta e un paso previo para a disolución porque se iso non fose así non estaríamos a apoiar a integración do persoal. As fundacións no seu día foron utilizadas polo PP como un elemento clientelar, e agora santificar e legalizar esa situación é un problema que xera contradicións; para nós todo isto só ten sentido se conseguimos o obxectivo político de disolver as fundacións, que está por riba do problema formal, da competencia para un traslado entre as dúas persoas, por dicilo así. Zélia García: Como xurde a folga de médicos convocada por Omega e por que a CIG non apoia esta convocatoria? Xan Cons: Estamos radicalmente en contra desa folga. Nós non entendemos unha folga para anular unha oposición, que agora mesmo está convocada para facultativos de hospitais. Levamos quince anos pelexando coa Administración para que se convoquen oposicións para os médicos do Hospital, igual que se convocan para o resto, para estabilizar emprego, para que a xente teña unha seguridade no traballo, para que a Administración non xogue coas flexibilidades da xente, e durante quince anos non se conseguiu que houbera oposicións e en concreto para médicos de hospitais porque non gustaban, non gustaba o baremo, non gustaba o número de prazas, os xefes de servizo respectivos non querían prescindir do interino ou do contratado que tiñan alí porque o sistema de contratación ai é a dedo, contratan a quen queren (para formar a un especialista o que se fai é un contrato de residencia; a xente acaba a licenciatura, preséntanse a un exame que se chama exame MIR, que é a nivel de estado, e gaña unha praza de formación como especialista, que é o que se chaman residentes. Cada especialidade ten 3, 4 ou 5 anos de traballo nun hospital ou nun centro de primaria para conseguir esa especialidade. Nos hospitais, nas especialidades hospitalarias a contratación temporal de interinos segundo van acabando os residentes, os xefes de servizo queda con algún deles. Cando ese contrato se quere converter en fixo nunha oposición entón comezan os problemas porque nin o xefe de servizo quere prescindir desa persoa que contratou nin en moitos casos a persoa quere que a movan, quere estabilizarse pero no mesmo posto no que está. Isto explica porque desde hai moitos anos non se conseguiu unha convocatoria de oposicións para esta xente). Se non hai oposicións cada ano que pasa tes máis anos de interinidade enriba e iso o que provoca é que ao cabo dos anos a bolsa de interinidade e precariedade vai aumentando. No ano 2002 convocouse para resolver esa falta de convocatoria durante tantísimos anos un proceso de consolidación de emprego, unha oposición extraordinaria, con regras extraordinarias, que o que trataba era de dar a posibilidade de toda esa xente que estaba aí en precario durante tantos anos consolidara emprego fixo. Como todo sistema extraordinario non pode ser o xeito habitual de funcionar, e polo tanto suponse que hai que convocar de xeito ordinario procesos de oposición para estabilizar á xente e crear emprego fixo. E esta convocatoria de oposicións pretendía ser isto, para logo convocar cada dous anos como di a lei, pero xurde esta folga para evitar que se faga, o que é unha contradición brutal. Os que din que non hai que facela son os que están nesta situación na que non queren que saia a súa praza ou o seu xefe de servizo tampouco quere que saia esta praza. Entendemos que desde o punto de vista persoal e humano é moi lexítima a posición que defende esta xente e a aspiración que ten, pero vulnera todos os criterios de legalidade e entendemos que a única forma de acabar coas bolsas de precariedade é facendo convocatorias periódicas de oposicións. Defendemos a convocatoria deste ano así como temos acordada co Sergas unha nova convocatoria no ano 2008 e outra dous anos despois. Zélia García: Avanzouse algo máis nestas negociacións para loitar contra as bolsas de precariedade no Sergas? Xan Cons: Temos asinado co Sergas un acordo por primeira vez na historia que permite legalizar ou normalizar toda unha bolsa de subemprego que había nos hospitais con médicos especialistas que estaban contratados por días, só para facer gardas, con renovacións mes a mes, e que ao mellor levaban tres ou catro anos en postos que é necesario manter pero con este tipo de contratos precarios. Temos por primeira vez un acordo para legalizar esta situación e que sexan contratos interinos e que entrarían tamén na oposición do ano que vén para crear emprego fixo e estábel no Sergas. Zélia García: Pódesnos explicar en que consiste o Plan de Mellora de Atención á Primaria e como se conseguiu? Xan Cons: É unha cuestión que se comezou a negociar en novembro do ano pasado, e provén dunha vella loita sindical e profesional que se viña mantendo desde hai xa bastantes anos baixo o slogan de “10 minutos por consulta”. Quería explicitar que facían falta máis recursos que permitiran que a atención medica e de enfermería en Primaria dispuxera de máis recursos para poder atender á xente con máis rigor, en vez de estar a recibir á xente sen parar, facendo receitas e mandándoos para casa, pois dispoñer de tempo e poder facer un seguimento das patoloxías das persoas; sobre todo na actualidade con unha poboación máis envellecida na que precisas coñecer máis de preto aos pacientes porque se dan procesos reiterativos na historia médica das persoas; e deste xeito gañar tempo para atención domiciliaria, para os controis de saúde, de hipertensión, obesidade, cancros que se podan controlar en Primaria, de programas de Sintrón, posibilitando así que un maior número de persoas non tiveran así depender sempre do Hospital. Iso era o que se pretendía, e o que implica é meter moitos máis médicos, máis enfermería, organizar as áreas administrativas e de citas doutra maneira. O 10 de novembro do ano pasado fíxose unha xornada de loita con este tema, e a partir de aí abríronse unhas mesas de negociacións coa Consellaría sobre este tema, e despois deses meses está a dar o froito de que se meteran varias das cousas claves que a CIG quería introducir aí e vai permitir que finalmente podamos apoiar ese Plan de mellora da Atención Primaria. Vai consistir en crear nos próximos anos moitísimas prazas, de médicos, enfermería, pediatría nos centros e en incorporar a primaria un montón de técnicas novas e probas que até o de agora se facían nos hospitais e que se irán incorporando a Primaria de forma progresiva, e ten un mandato para que en mesa sectorial abordemos cuestións estritamente de tipo laborais que teñen que ver coa substitución do persoal, coa xornada do sábado e co sistema retributivo, que pode dar lugar ou non a conflitividade nese aspecto concreto. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/04/2007 |
||||
|