|
Actualidade
A Coruña, 12 de abril de 2007
A CIG esíxelle á Delegación
do Goberno español que interceda ante a Comisión de Seguimento do Plan Miner II
Trescentos mineiros reclaman en A Coruña solucións para o persoal das auxiliares do carbón
| |
 |
 |
| Perto de 300 traballadores das minas de Meirama
e As Pontes participaron na manifestación que convocou a CIG o 11 de abril en A Coruña en demanda
de solucións ao futuro laboral do persoal das auxiliares do carbón. (Fotos: ©galizacig.com 11/04/2007). |
 |
 |
 |
| |
Perto de 300 traballadores das minas de Meirama
e As Pontes participaron na manifestación que convocou a CIG o 11 de abril en A Coruña en demanda
de solucións ao futuro laboral do persoal das auxiliares do carbón. A marcha concluíu diante
da Delegación do Goberno español. Máis unha vez, a actividade destas dúas concas galegas
ficou paralizada na terceira xornada de folga, que foi secundada ao 100%.
A CIG esixiulle en persoa ao delegado do Goberno
español, Manuel Ameijeiras, que interceda ante a Comisión de Seguimento do Plano Miner II para que
non volten ser conculcados os dereitos do persoal das auxiliares do carbón da Galiza. Segundo informan os
traballadores que se entrevistaron co delegado do Goberno, este comprometeuse a informar os operarios das novidades
que se vaian producindo.
Paulo Carril, portavoz da CIG na Mesa da Industria
Auxiliar do Carbón da Consellaría de Industria, instou o Ministerio de Industria a que desbloquee
a Comisión de Seguimento do Plano Miner II e ache solucións ao futuro dos mineiros das auxiliares
de Meirama e As Pontes: “Non permitiremos que na reelaboración dos criterios para definir as recolocacións
e prexubilacións volvan ser discriminados os traballadores galegos”, remarcou.
Carril referiuse a existencia de avances nos últimos
tempos, ao se conseguir que non haxa ningún despedimento e “á importancia que supón o acordo
aprobado no Congreso español a instancias do BNG
que recoñece os dereitos dos operarios galegos das auxiliares a seren recolocados e prexubilados”. Porén,
Carril remarcou que a materialización deste acordo parlamentar conseguirase “por medio da loita e da mobilización
do sector”. Tamén reiterou que o éxito das xornadas de folga “evidencian o fracaso de UGT e CCOO”,
centrais que se negan a secundar os paros acordados polas asembleas de traballadores.
|