|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Certo que o informe do Consello Escolar de Galiza non é realmente novidoso, xa que se limita a sinalar o que non era senón unha ‘verdade a voces’, verdade sobre a que incidindo de xeito reivindicativo os diversos colectivos e asociacións a prol do idioma e verdade que desde a anterior administración do PP se viña obviando, ocultando e mesmo negando. Terá que ser a nova administración, o actual Goberno da Xunta, a que, á luz destes datos -e doutros que son coñecidos hai tempo-, proceda a actuar leal e responsabelmente perante a sociedade galega e desenvolva medidas que garantan a necesaria normalización do galego no ámbito escolar. O anterior inquilino da Xunta, o Partido Popular, nunca demostrou interese ningún polo galego e poucas foron as iniciativas felices que se poden atribuír á antiga Dirección Xeral de Política Lingüística, que no organigrama da anterior administración era dependente da Consellaría de Educación. De feito, un dos poucos desenvolvementos lexislativos en materia normalizadora, un decreto específico para avanzar na galeguización do ensino -do ano 1995-, foi reitaradamente incumprido e a Xunta do PP nunca velou por garantir a súa implementación efectiva. Neste punto non se pode obviar que o propio lastre ideolóxico do PP, como forza españolista e conservadora, dificilmente agoiraba un compromiso real coa lingua propia de Galiza, máis alá de simples declaracións formais. Coa remuda no Goberno da Xunta, o decreto de galeguización do ensino experimentaba importantes modificacións, nunha liña que, aínda que significa avanzos, dificilmente vai poder garantir unhas cotas de galeguización no ensino acordes coas necesidades que se presentan neste ámbito. Máxime cando, hoxe por hoxe, o ensino segue a ser un elemento desgaleguizador en lugar de ser a panca regaleguizadora para os rapaces e rapazas que non posúen a lingua galega como idioma normal do ámbito familiar e que, polo tanto, precisan do ensino como espazo para a adquisión lingüística do galego. Neste sentido, calquera proposta que teña como obxectivo final recuperar ou gañar falantes para a nosa lingua entre a xente máis moza, dentro do ámbito educativo, se non quere frustar tal posibilidade debería ser máis ambiciosa. Tan ambiciosa como para explorar vías non transitadas na experiencia galega como as da chamada inmersión lingüística, isto é, facer do ensino un contorno plenamente galeguizado e galeguizador. Con toda a planificación que se precise, con toda a man esquerda que se queira, pero tendo claro que a inmersión lingüística sería un obxectivo a atinxir nun prazo non longo de tempo e no que involucrar ao conxunto da comunidade educativa. Poida que haxa, ante unha proposta coma esta, resistencias en determinados sectores, sobre todo nos que se nuclean arredor do PP, pero de seguro que non serían máis que as que se veñen producindo ante outras medidas galeguizadoras, por moi tímidas que sexan. No fondo, estamos a falar dunha cuestión que ten a ver coa existencia ou non de vontade política no actual executivo e as forzas políticas que o sustenta, o que en verdade se reduce a saber se, por fin, o PSOE en Galiza ten a maioría de idade política suficiente, ou carece dela, para asumir compromisos firmes en prol da lingua do país, o galego, o trazo se cadra máis poderoso que nos define e singulariza como nación.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2007 |
||||
|