|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
As informacións que veñen chegando dos EEUU, tras a confusión inicial reinante, están a se centrar invariabelmente na conflitiva personalidade do mozo que orixinou o masacre. Algo que desde logo está fóra de toda dúbida e non debe deixar de ser tratado, mesmo desde a perspectiva de indagar porque ao final foi tan imprevisíbel un comportamento dunha persoa que debía ser tratada conveniente das súas doenzas mentais e non o foi. Así e todo, o que resulta abraiante é a incapacidade dos ‘mass media’ estadounidenses, e da propia sociedade en xeral, de abrir un debate a fondo sobre o uso das armas nos EEUU. Debate este que inevitabelmente aboca a un debate sobre o modelo social (de seguridade, institucional, etc) sobre o que asenta hoxe o actual imperio norteamericano. Un auténtico xigante como potencia mundial (‘manu militari’) con pés de arxila (unha democracia de baixísima intensidade). Ademais, o debate sobre o uso, enfermizo e indiscriminado, de armas nos EEUU non hai moitos anos que o reabrira o cineasta Michael Moore, co oscarizado documental “Bowling for Columbine”, onde se facía unha crítica feroz e despiedada á circulación sen control de armas nos EEUU, partindo dos tráxicos sucesos acontecidos nunha escola de Columbine, no estado de Colorado. Dous mozos case adolescentes dispararon contra os seus compañeiros, matando a máis dunha ducia e ferindo a uns cantos máis, antes de suicidárense. Acontecemento que provocara unha auténtica conmoción social no país, ao igual que a película documental de Moore, pero do que non se pareceron extraer leccións de futuro. Para entender isto, e a falta de capacidade de reacción dos poderes públicos norteamericanos ante sucesos así, hai que pensar no peso que posúen na sociedade dos EEUU ‘lobbies’ como a Asociación Nacional do Rifle e outras entidades similares, que teñen perfecto amparo e acomodo nos ideais do poder, e concretamente no propio Partido Republicano do actual presidente ianqui George W. Bush. É dicir, todo o chamado pensamento ‘neo-con’ que hoxe dirixe os destinos da nación que goberna o mundo pero que é incapaz de se gobernar a si mesma. Non semella probábel que as mortes na Universidade de Virxina vaian servir para a necesaria reflexión da sociedade norteamericana acerca de si mesma e acerca do seu papel a escala planetaria. Se cadra o resumo máis atinado disto haberá que o ver nas palabras do dono da armaría onde o rapaz artífice do masacre seica mercou as armas. Palabras estúpidas e cegas coas que o armeiro pretendía explicar o acontecido aludindo a que se todos os estudantes estivesen armados no Virginia Tech non se chegaría aos extremos que se chegou. Desde estoutra beira do atlántico só nos queda a perplexidade, e agardar que as forzas sociais e políticas de carácter progresista e transformador poidan axitar consciencias e ir varrendo o pouso reaccionario dos actuais dirixentes políticos, que impregna boa parte da súa propia sociedade. Doado non vai ser mais os vieiros actuais só conducen á barbarie, e iso é o que non pode valer.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/04/2007 |
||||
|