ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 15 de marzo de 2007

Dende a sinatura do anterior acordo o sector viuse sometido ao peche dun gran número de empresas
Constituída a Mesa Negociadora do IV Convenio Estatal de Telemárketing
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  CIG-Telemárketing, clic para aumentar
Para a CIG a negociación colectiva é un instrumento válido para frear a deslocalización apostando pola profesionalización e a calidade do servizo. (Descarga a foto en tamaño tapiz para o escritorio de Windows 1024x768 ou 1280x960).
 
O pasado día 13 de marzo, con catro meses de retraso, constituíuse a mesa negociadora do sector de Telemárketing, nun momento conflitivo polo posible peche e deslocalización de novas empresas.

A CIG, que estará novamente presente na mesa do convenio, vén de denunciar que dende a sinatura do anterior acordo o sector viuse sometido ao peche dun gran número de empresas, o que se traduciu en milleiros de despedimentos en Galiza e no resto do Estado debido á deslocalización.

Neste senso, para a CIG a negociación colectiva é un instrumento válido para frear a deslocalización apostando pola profesionalización e a calidade do servizo. En ningún caso o sector pode competir en baixos salarios con Perú, Colombia ou Marrocos, países beneficiados polos procesos de deslocalización dos callcenter.

Nesta negociación, a representación da CIG estará composta por traballadoras e traballadores deste sector nas maiores empresas da Galiza.

Reproducimos a continuación o comunidado emitido pola CIG tras esta primeira reunión de constitución da Mesa Negociadora do IV Convenio Estatal de Telemárketing.


Tarde, mal e arrastro

«Dende a sinatura do III Convenio Colectivo Estatal de Telemárketing por parte da patronal, CCOO e UGT, asistimos ao peche e deslocalización dun gran número empresas con milleiros de despedimentos en Galiza e no resto do Estado.

Neste senso, para a CIG a negociación colectiva debe ser un instrumento que contribúa a garantir os nosos postos de traballo. Nunca poderemos competir en baixos salarios con países do terceiro mundo; o sector debe inclinarse pola profesionalidade e calidade do servizo. Isto implica estabilidade no emprego e creación dunha carreira profesional ligada a formación e a antigüidade.

O 13 de marzo, con 4 meses de retraso constituíuse a Mesa Negociadora do IV Convenio Colectivo, na que a CIG está presente por dereito propio.

Mal empezamos cando 45 minutos despois da hora fixada para o comezo da reunión descubrimos porque non chegaran CCOO, UGT nin a patronal. Como era previsible, e como xa fixeran na negociación anterior, tiñan unha reunión paralela a porta pechada, negociando algo do que non deben sentir moito orgullo, xa que nin nos comunicaron que o estaban facendo, nin explicaron os temas dos que falaron.

Unha vez reunida a mesa, infórmase de que os sindicatos ELA e LAB protestan por escrito por non ser citados para esta negociación a pesar de estar lexitimados para elo.

No resto da xuntanza, de xeito sorprendente, os representantes de todas as partes estivemos de acordo en que o prioritario era (hoxe si) constituír a mesa e fixar un calendario de negociación.

Fica pois constituída a mesa negociadora, co compromiso inicial de reunirse as segundas e cuartas semanas de cada mes, sendo a seguinte o martes, 27 marzo pola tarde.

Seguiremos informando…».

 
Descarga, imprime, difunde...
 
pdfIV Convenio Estatal de Telemárketing, primeiro comunicado da CIG

 
 
Informacións relacionadas
02/02/2007 Delegadas e delegados do sector aprobaron a Plataforma Negociadora para o IV Convenio Colectivo Estatal
A CIG aposta pola profesionalización do Telemárketing fronte á deslocalización
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta