|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
Luís Fernández Axeitos: Se ben desde o punto de vista económico hai unha certa reactivación por riba do que foi a crise do 2002 (calquera comparación de crise que se faga respecto a eses anos sempre vai dar positiva, porque a Arxentina tocou fondo) e iso crea unha aparencia de maior actividade económica, pero hai moita carestía da vida. Creceu o emprego, pero non o digno, senón o emprego de baixo salario, sen xubilación, sen servizo médico, o que chamamos “emprego en negro”. Desde o punto de vista económico e estrutural non hai ningunha medida de fondo que ataque as liñas principais do neoliberalismo aplicado nos anos 90 sobre todo polo goberno de Carlos Menem, onde houbo unha desnacionalización completa dos recursos dos arxentinos, a destrución do aparato produtivo, destruíronse as posibilidades dun desenvolvemento produtivo nacional e iso xerou unha desocupación como xamais se viu na Arxentina; nun pais moi rico que produce 300 millóns de toneladas de alimentos por año, en condicións de alimentar dez veces á poboación de Arxentina, o que indica que aquí se ten planificado a desigualdade. Zélia García: E en canto á situación e o ambiente social no país? Luís Fernández Axeitos: Hai unha situación de mobilización social polo tema dos dereitos humanos, e contra a impunidade, e neso temos que recoñecer que o goberno de Kirchner tivo unha apertura, produto da loita das organizacións de dereitos humanos, sociais e políticas para revisar o pasado e non quedarnos na impunidade, pero hai un compañeiro que é Jorge Julio López que foi testemuña na causa contra o represor Camps e o 18 de xaneiro xa se cumpriron tres meses da desaparición desta testemuña, que foi secuestrado na ditadura, que estivo nun campo de concentración torturado, foi unha das testemuñas principais para levar a xuízo e condenar a Camps, que foi o segundo xefe da Policía da provincia de Bos Aires, e está secuestrado sen que se teña ningún rastro del. Isto demostra que aínda na Arxentina a día de hoxe hai sectores do aparato represivo que están intactos. Esiximos ao Goberno actual que utilice todo o poder do Estado para garantir a liberdade das persoas, e máis dos loitadores populares, que garanta a integridade física de todas as testemuñas que aínda faltan.
Luís Fernández Axeitos: Nós agora, dentro da CTA, estamos nunha forte campaña pola redistribución da riqueza, que os recursos na Arxentina se redistribúan doutra maneira. Estamos nunha campaña moi forte pola recuperación dos combustibles enerxéticos, e a única forma que cremos posíbel é a renacionalización dos recursos enerxéticos. Estamos en desacordo coa política económica porque non hai ningunha cuestión de fondo que mude a liña principal distributiva de desigualdade. Tamén temos unha campaña polo recoñecemento como central sindical ante o goberno da Arxentina que continúa a utilizar un sistema corporativista da década dos 50 e non recoñece a nosa central sindical, reclamamos liberdade sindical. Estamos convencidos de que esa liberdade sindical imos conquistala pola loita dos propios traballadores, non polos favores de ningún goberno de turno. Dentro da nosa central sindical, nós formamos parte dunha corrente clasista e de esquerdas ampla, que se ten pronunciado por non adscribir a ningunha central sindical internacional, cremos que debemos ter unha política independente con respecto a un aliñamento internacional e que nos permita traballar con todos os sectores positivos, máis comprometidos co movemento obreiro.
Zélia García: Como secretario xeral da Asociación Taxistas de Bos Aires, que nos pode contar desta institución? Luís Fernández Axeitos: Naceu hai quince anos, produto dunha loita que tivemos contra a corrupción do Goberno de entón, que vendía licencias de taxi de forma ilegal. É unha asociación que nace pola base porque os demais sindicatos que existían até ese momento eran colaboracionistas, cómplices do Goberno na época de Menem, na cidade de Bos Aires. Constituímonos como sindicato e posteriormente pasamos a formar parte da Central de Trabajadores Argentinos (CTA), xa que nós non íamos participar da CGT (agrupamento histórico do movemento obreiro na Arxentina mais con unha condución burocrática de corte empresarial e colaboracionista) porque nós practicamos un sindicalismo de clase e de liberación. Por iso, construímos esta nova ferramenta sindical, integrámonos como traballadores autónomos que somos na CTA. O gremio de taxistas en Bos Aires son 38.700 taxis, dos que o sector máis grande é o sector dos autónomos que chegan aos 15.000. A nosa organización ten 3.600 afiliados e hai que remarcar que a afiliación é libre e voluntaria, e temos moitísimos delegados de parada que pertencen ao noso sindicato. É un sindicato con características especiais: hai moitos emigrantes galegos, historicamente foi sempre un gremio con presenza de emigrantes galegos e hoxe, sobre todo, moitos fillos de galegos.
Luís Fernández Axeitos: Como traballadores ante a crise de Arxentina houbo sectores que ante a quebra das empresas por mala administración dos patróns se puxeron a recuperar estas empresas. No noso caso, xeramos un movemento cooperativo para crear un Radio Taxi que nos puidera conter, dar maior traballo, crear un sistema de solidariedade e creamos a través da Asociación Taxistas de Capital o “Radio Taxi Tango”. Porque na Arxentina todas as empresas Radio Taxi son privadas, son negocios de dous ou tres socios capitalistas. A nosa é unha empresa que partía de cero, con un aporte económico de cada integrante, cada compañeiro ten un voto; a estratexia comercial e a toma de decisións é colectiva. Cando acontece a crise tan pronunciada na Arxentina había moi pouco traballo e decidimos crear esta especial Radio Taxi. Nós somos unha organización con 3.500 afiliados e os propios compañeiros viñeron a plantexarnos que crearamos esta empresa de servizos, porque ese tipo de compañeiros con militancia sindical non querían depender dunha empresa privada para poder traballar mellor, e motivounos para crear esta empresa cooperativa, Radio Taxi Tango, xestionada polos propios traballadores. Cremos que é un exemplo que pon de manifesto que desde os traballadores se pode xestionar unha empresa social de novo tipo e crear traballo.
Zélia García: Cal é o papel que xoga á Federación de Sociedades Galegas dentro do día a día na Arxentina? Luís Fernández Axeitos: A Federación de Sociedades Galegas, da cal son secretario tivo unha particularidade moi importante, e que foi unha dobre militancia: un compromiso moi grande coa comunidade galega, o traballo cara Galiza, e a súa vez un compromiso moi forte na participación no movemento popular arxentino que é a nosa sociedade de acollida. E nesa dobre función a Federación de Sociedades Galegas como entidade democrática, republicana, é unha institución aberta ao conxunto das organizacións culturais, sociais e sindicais da Arxentina. Prestamos os locais, salóns, e moitas das reunións dos dereitos humanos teñen lugar na nosa institución; prestamos todo o que faga falta e poñémonos ao servizo das actividades culturais, políticas con respecto ao movemento popular na Arxentina. Zélia García: Que actividade ten desenvolvido e desenvolve na actualidade esta organización? Luís Fernández Axeitos: Os compañeiros da Federación fomos os que encabezamos todo o movemento para que se recoñecera aos emigrantes galegos as pensións non contributivas en condicións de igualdade coa xente maior no Estado español. Esa concepción de loita reivindicativa mantémola, e estamos en permanente reclamo ante todos os órganos de goberno da Xunta de Galiza, do Estado español. Temos un centro de atención, de guía e axuda aos emigrantes na nosa institución. Levamos unha actividade cultural, social e política moi importante na nosa colectividade, tentamos impulsar, por exemplo, todo o que é o debate sobre o estatuto de Galiza, e somos a única forza que ten esta intencionalidade; é moi difícil que outros sectores traten este tema. Regularizamos a saída do vello xornal mensual “Galicia”, que agora vai ser bimestral, un xornal con moita traxectoria polos directores que tivo como Blanco Amor ou Arturo Cuadrado. E por suposto continuamos a dar clases de galego, de gaita, de baile, todo o que ten a ver con non perder e desenvolver a nosa cultura propia. Zélia García: E en canto á cuestión dos dereitos humanos? Luís Fernández Axeitos: Temos dado moita difusión á detención de Rodolfo Almirón, que era un dos membros principais da Tripla A (Alianza Anticomunista Arxentina), un grupo paramilitar que deu o puntapé inicial para que comezara a represión xa antes do Golpe de Estado. Por iso nós dicimos que o Golpe de Estado non comeza o 24 de marzo senón que comeza antes, despois da morte do xeneral Perón, cando Isabel Perón asume a presidencia da nación. Dicimos que non pode ser que Isabel Perón ignorara o que facía o seu ministro, e ademais os atentados eran públicos e hai unha listaxe inmensa de asasinados na rúa, bombas e a tiros sempre de militantes populares. A Federación de Sociedades Galegas xunto a asociacións de dereitos humanos, partidos de esquerda, presentouse ante o xuíz Oyarbide para reclamar a detención de Almirón e a súa captura internacional, a partir da denuncia que fixeron os compañeiros da CIG. Zélia García: Como se afronta a cuestión do retorno para os e as descendentes de galegos/as? Luís Fernández Axeitos: O retorno é moi difícil porque non hai unha política dirixida ao retorno dos fillos de galegos, porque o retorno dos galegos orixinarios xa estariamos a falar de xente maior, pero falamos de fillos de galegos como mozos en plena idade produtiva. Non hai políticas concretas que impulsen o retorno dos fillos de galegos a Galiza, hai algunhas medidas xerais pero pouco máis. Hai políticas que deben pronunciarse nese sentido, tanto do Goberno español como do Goberno galego porque estou a observar que ultimamente hai tamén unha cantidade de fillos de galegos que retornan, e non retornan a Galiza. Isto ten que ver coa oferta concreta de traballo, co custe da vivenda, o tema das comunicacións, e nós temos toda unha intencionalidade por lóxica que axude ao retornado. Manifestamos que ten que haber unha política seria de axuda ao retorno, pero cos convenios que estamos a asinar coa CIG queremos deixar claro tamén que ten que haber unha política dirixida a iso e unha previa formación, de axudar de acordo coas necesidades do mercado laboral en Galiza, axudar á formación dos mozos e mozas, porque dese sector vai saír o futuro retornado. Hai que facer un traballo masivo para que se poda facilitar que a xente poida regresar a Galiza nas mellores condicións. Iremos elaborando unha cantidade de demandas que ten a ver co primeiro ou segundo ano dos retornados en Galiza porque sempre son os tempos máis difíciles. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/02/2007 |
||||
|