|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Certamente, baixo o eufemismo ‘conciliación lingüística’ os promotores do devandito colectivo non teñen outra pretensión que manter a imposición lingüística do español, imposibitando que os galegofalantes poidamos exercer os nosos dereitos lingüísticos, dereitos que a ordenación xurídica existente (emanada da Constitución española de 1978) xa socava de seu. De feito, se o motivo real que movese ao colectivo “Por la conciliación lingüística” fose propiamente a igualdade entre linguas, as súas actuacións terían que se orientar en exclusividade a promover os usos sociais do galego e mesmo a reclamar a inmersión lingüística en galego no ámbito do ensino. A teimuda realidade neste eido é a que é: os nenos e nenas que teñen como lingua habitual o galego entran na roda do sistema educativo e acaban saíndo dela ou perfectamente ‘bilingüizados’ ou totalmente castelanizados; pola contra, os que teñen como lingua habitual o español saen case como entraron, isto é, tendo como lingua habitual de uso case en exclusividade o castelán e coas destrezas lingüísticas en galego pouco desenvolvidas. Mesmo, en ocasións, incapaces de manteren unha conversa, mesmo curta, no idioma propio de Galiza. Mais o nesgo ideolóxico dos promotores do colectivo “Por la conciliación lingüística” non fai posíbel que, aínda coñecendo esta realidade, a asuman. De feito, os nomes que se coñecen publicamente como promotores do devandito colectivo están asociados ás organizacións de carácter máis conservador e dereitista do ensino, ligadas á Concapa (asociación católica de pais e nais de carácter estatal, que promove o fundamentalismo relixioso nas escolas) e aos sectores máis reaccionarios do Partido Popular). Deliberadamente esquecen, por exemplo, que as medidas galeguizadoras do ensino que parece que se queren aplicar por parte da Xunta parten do recollido no Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade na Cámara galega cando aínda o PP era o partido maioritario en Galiza. É coñecido tamén que existe no seo da sociedade galega unha actitude moi favorábel á promoción de usos e dignificación da nosa lingua, tal como se reflicte nos diferentes estudos e inquéritos realizados sobre esta cuestión. E iso, malia o hándicap de que sobre o galego aínda pesan prexuízos históricos ben difíciles de desterrar, máxime cando a lingua de instalación do poder é o castelán. Como ben o definiu o filólogo Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor da Universidade da Coruña, a historia do galego contempla 700 anos de normalidade e 500 de anormalidade -conflito-, as últimas cinco centurias. Só nostálxicos do réxime franquista, en toda a súa perversidade, poden afirmar hoxe que no noso país se dá unha imposición lingüística do galego, como fan os do colectivo “Por la conciliación lingüística”. Certo é que representan unha minoría, aínda que unha minoría que se ve avalada polo peso histórico da asimilación castelanista e resgardada pola rampante ideoloxía españolista, que ‘transversalmente’ impregna os diferentes resortes do poder en Galiza e no Estado español. En fin, vaia pais e educadores! Imbéciles e escuros parece que nunca faltan.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2007 |
||||
|