|
Actualidade / Artigo Protestas en San Caetano Manuel Mera-
Eu son dos que apostou por un Executivo que rematara con 16 anos de políticas de dereita, ou centro dereita como algúns din, de submisión ao Governo central, de apoio a medidas que favoreceron secularmente a estratificación social e a emigración. Penso que no cambio realizado na Xunta de Galiza hai feitos positivos en materia de vivenda, comercio interior, cando se abanea a situación do estaleiro da ex-Astano, na aposta por un banco de terras, intentando endereitar a especulación inmobiliaria, en igualdade de xénero, ou facilitando a utilización de garderías ás familias traballadoras. Porén non vexo a mesma sensibilidade e xeito de proceder cando se trata de cuestións que atinxen as relacións laborais. Neste caso teño a sensación, como unha boa parte da clase obreira, de que ou se mira pra outro lado ou se manteñen as mesmas prácticas anteriores que favorecen a desregulación laboral e incentivan a precariedade e os baixos salarios. En materia laboral só se fala a cotío de crear máis emprego, un tema que sempre vai unido, no marco do neoliberalismo, a máis productividade e maiores gañancias (ou sexa aos intereses da patronal) se non se clarifican as condicións de traballo. Esto merece ademais unha matización, porque unha boa parte dos novos postos son ocupados por inmigrantes, en moitos casos con condicións salariais e de traballo indignas, mentres a taxa de paro e emigración da mocidade galega mantense en máximos. Facendo que un dubide sobre a intencionalidade dos responsábeis do governo neste tema e os verdadeiros obxectivos, pra alén da leria feita en función do contexto. Un exemplo desto é o curso feito en Vigo con 500 universitarios galegos pra falar do emprego en Europa e, entre outras cuestións, ensinarlles como realizar un currículum pra conseguir emprego fora, na emigración, ao que asistiu o conselleiro de Traballo... e despois que se diga que non alentamos a emigración e que se afirme que compre atraguer inmigrantes e retornados porque falta xente de tal ou cal titulación. Semella un dobre discurso, que todas as opcións teñen igual valor. O governo galego actual, pra se diferenciar do anterior, ademais de defender a nosa identidade cultural, lingüística, histórica, nacional, debe xestionar axeitadamente a cuestión pública e garantir a igualdade de trato. Porén tamén, apostar polos servizos e a empresa pública e mellorar as condicións de traballo dos asalariados e asalariadas que son a maioría social, deste xeito evitaríase a emigración e a desfeita demográfica. E esto último é o que sempre diferenciou a esquerda da dereita desde fai un século, xa que é un alicerce básico pra redistribuír a riqueza e construír unha sociedade máis xusta. Dirase que faltan competencias, pode ser nalgún caso, porén moitas veces non se ve vontade política abondo pra pedilas ou premer a quen as ten, máis ala dalgunha nota de prensa e a interpelación parlamentar. Calar estas eivas, algúns din que pra non favorecer a dereita, ademais de dar tranquilidade aos que governan non axuda a rectificar, e sempre remata afortalando a pasividade dos de abaixo e da mocidade, o apoliticismo, o derrotismo, ou a falsa idea de que todos son iguais e dar folgos á violencia... ou o retorno ao pasado. |
|||||||||
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/02/2007 |
|||||||||
|