|
Actualidade / Artigo Como fai trinta anos Manuel Mera-
Fagamos memoria sobre algúns dos acontecementos en Ourense daquel intre de inquedanzas apaixoadas. A primeiros de 1977 houbo folgas da construción e do transporte. O día 22 de marzo era desaloxada unha concentración de operarios da construción pola policía na parroquia de Asunción-Tras Hospital; o día 25 dese mes 3.000 traballadores decidían en asembleia aceptar o preacordo e daban por rematado o paro. Ese mesmo día os xornais facían mención a que o Governo civil prohibía un mitin a prol da legalización dos partidos políticos. En maio os meios destacaban os duros enfrontamentos por mor da folga da madeira en Carballeda de Avia; o 29 dese mes remataba o paro, incorporándose os obreiros ao traballo, agás 15 despedidos. Debemos lembrar asemade que houbo tamén folga de seis días na Mina da Penouta e encetaban os problemas na empresa Unión Craditor. En poucas verbas: a clase obreira fervía, mesmo nunha provincia tan pouco industrializada como a de Ourense. Neste ambiente agromaba o novo sindicalismo, que esmagaba rapidamente ao vertical, e os partidos comezaban a asomar a testa, saíndo uns da clandestinidade e outros da mesa camilla. Hoxe algúns, desde a cúspide do poder, reinterpretando a historia, pretenden darlle todo o protagonismo da queda do franquismo á liorta interna, as pelexas de camarilla das distintas fracións da ditadura, afirman que algunhas seica colleran conciencia social e vogaban pola democracia desde facía tempo. Abraiante! Négase deste xeito o papel sobranceiro das loitas sociais, dos partidos liberadores duramente reprimidos, dos centos de obreiros detidos e multados por botarlle coraxe e facer folgas cando estaban penadas, ou dos labregos atrevidos que se opuñan aos encoros que asolagaban vales que foran o seu sustento durante séculos. Miles e miles de persoas, a maioría mozos e mozas, escribiron durante eses anos páxinas cheas de ilusión polo futuro e solidariedade. Esa etapa sementouse con sangue e moita represión e loita. Non foi obra de dous iluminados, e moito menos de golpes de man internos dalgúns dos que tiñan e mantiñan o poder coa forza das armas. As diferenzas no réxime xurdiron cando colleron conciencia de que o barco ía a pique, e que era millor salvar algo antes de que a revolución social se convertera en mudanzas radicais, sen retorno. Pasaron os anos, houbo avanzos e recuares, luscos e fuscos, momentos de ledicia e de amargura, e o novo escenario político, que non cambiou abondo, atopou millor preparados (e máis apoiados) pra facer política e xestionar as institucións ás clases altas e medias en xeral e aos profesionais e funcionarios en particular. Mentres a clase obreira, o campesiñado e a mocidade rebelde, foi de vagar opacada democraticamente; non sendo no intre de exercer o voto ou de pegar o cartaz, e esto último cada vez menos por mor da publicidade mediatica. En fin, que todo mudou e seguirá mudando, dependendo do que fagamos, como, cando, pra que e con que... exactamente como fai trinta anos. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/02/2007 |
||||
|