Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 5 de xaneiro de 2007

Sinistralidade laboral e emigración, outros dos problemas comarcais
Etelvino Blanco: “Os niveis de contratación temporal continúan a ser altísimos e afectan sobre todo á mocidade”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Etelvino Blanco, clic para aumentar
Etelvino Blanco: “Tanto en campaña electoral como posteriormente, falouse de que o novo Goberno galego ía aplicar na provincia de Ourense medidas políticas que dalgunha forma equilibraran a Galiza interior e a Galiza costeira, e que Ourense ía ser unha desas zonas onde ían poñer en marcha eses procesos. Aparte de que se intente reactivar con esas medidas que se están a poñer en marcha no sector agrario, que ten unha importancia grande na provincia e que nós apoiamos, o que está claro é que a nivel industrial e de creación de emprego directo esta provincia continúa sen ter ese Plan propio da Xunta que sinale cal son as medidas concretas que se van aplicar no futuro para proceder a esa discriminación positiva”.
 
O sábado 17 de novembro de 2005 foi reelixido secretario comarcal da CIG de Ourense Etelvino Blanco. Máis dun ano despois achegámonos a esta comarca para avaliar o traballo feito durante este ano e coñecer novos e preocupantes dados sobre esta comarca en materia de precariedade, sinistralidade laboral, emigración e a falta de industrialización da provincia de Ourense.


Zélia García:
A emigración é un dos principais problemas que atravesa e define á comarca de Ourense. Houbo algún tipo de cambio sobre a dinámica migratoria nos últimos tempos?

Etelvino Blanco: En realidade aquí non hai cambio na situación laboral de Ourense. De feito, pódese afirmar claramente que o cambio de goberno non se nota en materia laboral nin en materia de industrialización da provincia, e polo tanto a vía de escapa que sempre tivo esta provincia, de por si emigrante, pois continúa a ser a da emigración. Nestes momentos continúa a emigrar sobre todo a xente moza. Esa emigración con diferenza a épocas pasadas é que estamos a falar de emigración dunha xente cualificada na maioría dos casos con cualificación universitaria e que non atopan aquí ningún tipo de posibilidade de encontrar traballo de acordo coa súa titulación. En xeral non existe unha situación nin actualmente nin prevista de industrialización masiva da provincia. Nós reclamabamos unha discriminación positiva para esta zona que ten a menor industrialización de todo o país, e estes cambios non se ven. Así que para estes mozos e mozas ou permanecen estancados no desemprego ou teñen que optar por esta saída. Ademais temos o problema da precariedade que tamén, como noutras partes, é un tema moi grave. A emigración, polo tanto, continúa a ser a vía que se está a utilizar continuamente.

Zélia García: Os dous últimos anos esta comarca viviu un proceso forte de deslocalización e peche de empresas importantes, temos aínda consecuencias disto?

Etelvino Blanco: Nestes momentos o feito de que pechara as súas portas unha das empresas máis importantes para a economía ourensá como era a multinacional Valeo por esa deslocalización da súa produción, unése tamén á preocupante situación que hai no sector da industria téxtil, que é un sector dentro do que é a industria dos importantes na provincia. E aínda que non afecta de momento áo cadro das empregadas das empresas que fan a venda directa, é dicir, empresas como Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou algunha outra, o que si está claro é que hai unha eliminación masiva de emprego co peche moi importante de talleres que viñan traballando para estas empresas. Está a afectar en moito ao sector feminino esta deslocalización, porque está composto maioritariamente por mulleres, unha porcentaxe altísima e o que se ve é que non queda aí a cousa senón que todo fai prever que estas empresas van continuar a enviar a produción para outros países, fundamentalmente para China.

A esa situación preocupante de peche de pequenos talleres, que foron moitos durante o ano 2006 (nós denunciamos o caso de varios deles, incluso talleres que se aproveitaron de subvencións no seu momento para crear emprego e despois pecharon e agora ten que ser o fondo de garantías salariais quen faga fronte a eses custes dos despedimentos), tamén nos preocupa moito saber se se vai manter a estabilidade nas grandes empresas como, por exemplo, Adolfo Domínguez, que mantén o maior número de traballadoras que neste momento hai no sector téxtil.

Zélia García: Nesta situación de emigración como sinalabas inflúen cuestións como a precariedade, que afecta máis á mocidade e en concreto ás mulleres. Hai cambios visíbeis nesta materia?

  Etelvino Blanco, clic para aumentar
Etelvino Blanco: “Aquí continúa a haber un alto índice de sinistralidade que afecta tamén a aqueles traballadores e traballadoras que se ven máis afectados/as pola precariedade. En concreto, o 41% dos accidentes graves que se producen en Ourense sufrírono traballadores e traballadoras que tiñan menos dun ano de antigüidade no posto de traballo, e no caso dos accidentes mortais o 57% dos traballadores e traballadoras que os sufriron levan menos de 6 meses no posto de traballo. Vese claramente esta relación de precariedade e sinistralidade”. (Fotos: ©galizacig.com 27/12/2006).
 
Etelvino Blanco: Ao marxe de que houbera un aproveitamento dos empresarios, que si o houbo, desas subvencións que se marcaron na reforma laboral, o que está claro é que continúa a haber unha alta precariedade na provincia. Os niveis de contratación temporal continúan a ser altísimos e afectan aos mozos e mozas. Isto ten unha repercusión clara no factor da emigración que falaba antes como no propio factor non só económico e social da provincia senón tamén no aspecto sindical. Isto conleva que se retraia a organización deses mozos e mozas porque ao non teren esa estabilidade no emprego, pois isto se converte nun factor fundamental para non comprometerse sindicalmente nin organizarse nesta nin en calquera outra organización.

Zélia García: No tema da sinistralidade laboral a situación mellorou ou que é o que din as cifras?

Etelvino Blanco: Nós temos neste momento os dados actualizados que hai de xaneiro a novembro de 2006 e estamos a falar de 144 accidentes máis que no ano anterior. Estase a falar de dous accidentes mortais máis que no 2005. As cifras xa case que falan por si soas. Aquí continúa a haber un alto índice de sinistralidade que afecta tamén a aqueles traballadores e traballadoras que se ven máis afectados/as pola precariedade. En concreto, o 41% dos accidentes graves que se producen en Ourense sufrírono traballadores e traballadoras que tiñan menos dun ano de antigüidade no posto de traballo, e no caso dos accidentes mortais o 57% dos traballadores e traballadoras que os sufriron levan menos de 6 meses no posto de traballo. Vese claramente esta relación de precariedade e sinistralidade.

Polo tanto, continúa a ser un factor preocupante dentro da provincia de Ourense e, sobre todo, é desalentador ver como a pesar da existencia da lei continúa sen aplicarse.

Zélia García: Un dos obxectivos que se marcaba a comarca de Ourense no proceso comarcal era reforzar a organización, como está axudar o proceso de eleccións sindicais para acadar este obxectivo?

Etelvino Blanco: Pretendemos que o proceso de eleccións sindicais sirva para aumentar a representatividade e ao mesmo tempo aumentar a afiliación á central sindical. Cremos que aínda que estamos a iniciar o mesmo, porque o proceso forte vai ser no 2007, que vai haber un bo resultado. Aínda que nos dados electorais posibelmente non vaian reflexar a implantación real que ten a central sindical nesta provincia en canto a organización que está en todos os procesos de negociación colectiva e en todos os conflitos e loitas polo emprego que hai pois que non se vexa esa relación directa despois en resultados electorais. Hai un factor fundamental que antes xa mencionaba que é que Ourense continúa a ser unha provincia na que para moitos empresarios non dan asumido que a nosa organización sindical medre desde o punto de vista electoral e de implantación, e moitos deles utilizan outras alternativas sindicais para fomentar o sindicalismo amarelo nas súas empresas e impedir a entrada da nosa organización, chegando mesmo aos casos máis drásticos que son estes que despois das ameazas pasan xa ao propio despedimento dos traballadores e traballadoras. Este vai ser un handicap que imos ter durante todo o proceso electoral, que se ten repetido xa noutros procesos, pero que en todo caso trataremos de combater poñendo máis medios e máis esforzos por parte de todos e todas.

Zélia García: Como avaliades desde a vosa actuación comarcal o cambio do Goberno galego? Tivo consecuencias para esta comarca? Hai abertos novos camiños de diálogo?

Etelvino Blanco: Durante todo o ano 2006 tivemos dentro das nosas prioridades da nosa acción sindical que era a de conseguir a recolocación dos traballadores de Valeo; traballadores que foron despedidos polo anterior Goberno da Xunta a través do expediente colectivo coa colaboración de UGT e que agora se desligaron dese compromiso e agora somos aqueles que nos opuxemos a pechar á empresa os que por encima estamos a tratar de buscar unha solución para a recolocación. Vemos que hai desde o primeiro momento moitas dificultades na relación co Goberno galego para facerlle asumir que esta é unha tarefa que deixou o anterior goberno sen cumprir e que eles deben cumprir porque é un compromiso institucional.

De feito, nestes momentos, cando xa van facer dous anos que pechou a empresa aínda permanece un alto número de traballadores sen colocar, e a pesar de que agora se di por parte da Xunta que asumen ese compromiso, as medidas non están a ser moi efectivas polo momento.

Con isto quero dicir que se ve que hai aberta unha vía de diálogo, que existe unha vía que antes se nos pechaba ás organizacións sindicais pero que require un esforzo superior desde o punto de vista político, de asumir que esta é unha provincia que ten que ter un trato favorábel que non tivo antes por parte das anteriores administracións do PP.

Tanto en campaña electoral como posteriormente, falouse de que o novo Goberno galego ía aplicar na provincia de Ourense medidas políticas que dalgunha forma equilibraran a Galiza interior e a Galiza costeira, e que Ourense ía ser unha desas zonas onde ían poñer en marcha eses procesos. Aparte de que se intente reactivar con esas medidas que se están a poñer en marcha no sector agrario, que ten unha importancia grande na provincia e que nós apoiamos, o que está claro é que a nivel industrial e de creación de emprego directo esta provincia continúa sen ter ese Plan propio da Xunta que sinale cal son as medidas concretas que se van aplicar no futuro para proceder a esa discriminación positiva. Coa anterior Administración houbo a elaboración dun Plan Estratéxico que quedou esquecido por parte do PP, que se utilizou só para tema electoral, que non se aplicou e que neste momento continúa esquecido. Nós dicimos iso non é o ideal nestes momentos para a provincia de Ourense, pero o que ten que facer a nova Administración é dicirnos cal é o plan que teñen de inmediato para sacar á provincia dese pozo de subdesenvolvemento no que se encontra.

Zélia García: Houbo procesos importantes na comarca nos que tivera unha especial importancia a negociación colectiva?

Etelvino Blanco: Ademais da negociación dos convenios, contou coa problemática dos convenios do sector da Construción asinados en Madrid, que están polo tanto alonxados das mesas de negociación da provincia (todo o que é o sector de construción, aserradeiros); o que houbo foi a negociación do convenio da lousa, que supuxo un paso atrás para os traballadores da lousa asinado por UGT e suprimíndolle algún dos seus dereitos, e que foi contrarrestado e rexeitado pola nosa central sindical pero que ao final se está a aplicar.

Destacan dentro das negociacións, o convenio acadado en siderometalúrxica, un dos sectores máis importantes da provincia, e a aparición de novos convenios de sectores que non tiñan como pode ser en concreto o da sanidade privada.

Hai unha serie de sectores pequenos onde a capacidade reivindicativa é menor e polo tanto os resultados non son todo o desexábeis para os traballadores/as.

Zélia García: Que aspectos salientarías da actividade sindical e social neste último ano?

Etelvino Blanco: Desde a CIG en Ourense ademais de prestar especial importancia ao que é o tema laboral tanto de negociación colectiva como á atención directa da reivindicación dos traballadores e traballadoras, sempre tivemos unha preocupación especial polo tema social en canto que somos conscientes de que a problemática dos traballadores e traballadoras en Ourense non pasa só por mellorar as condicións de vida no propio centro de traballo senón por mellorar as condicións sociais nas que está sumida esta provincia, polo que nos implicamos continuamente en temas como de mellora da universidade ou neste último ano a tarefa á que se lle dedicou máis importancia foi a presenza na Plataforma da Sanidade Pública, que continúa a ser unha preocupación constante pola situación deficitaria que padece a Sanidade pública nesta provincia en canto a asistencia. Tamén participamos nalgúns actos de apoio ao recoñecemento da memoria histórica e a recuperar a memoria de todo o que sucedeu neste país, ou actos de loita polo cambio do nome das rúas ou retirada da simboloxía fascista.

E despois no tema sindical a loita polo emprego foi unha loita constante. Tivemos conflitos por despidos de traballadores como puideron ser no Centro de Atención de Chamadas ou en Sodesho, onde a nosa central sindical deu a cara en defensa dos traballadores e traballadoras por considerar que eran despidos totalmente inxustificados. Participamos con unha actividade importante na recolocación dos traballadores de Valeo, como un dos aspectos prioritarios de emprego; e despois nalgunhas empresas en concreto nas que existían problemas de posíbeis expedientes de regulación que se conseguiron ir solucionando con medidas dialogadas e negociadas coas empresas.

Zélia García: Para finalizar, poderías facer unha pequena valoración sobre o que foron estes doce meses de traballo sindical desde que fuches reelixido secretario comarcal?

Etelvino Blanco: Desde o punto de vista da organización considero que nestes momentos a comarca pasa por unha situación de tranquilidade interna, cousa que creo que é importante seguir mantendo. Está pendente aínda toda a parte do proceso de eleccións internas despois da celebración da asemblea nalgunhas federacións, e o que pretendo que o mesmo que a asemblea interna foi de consenso e foi de unidade, continúe este proceso tamén nas federacións manténdose lonxe dos enfrontamentos que houbera en épocas pasadas.

Desde o punto de vista obreiro, en canto a organización creo que continuamos asentándonos e estabilizándonos, implantándonos e medrando, e nese sentido é positivo, pero en canto o punto de vista das condicións de vida da clase traballadora volveu ser un ano máis perdido. Foi este un ano no que malia aos enormes beneficios que continúan a obter as empresas neste momento e de ser unha situación de bonanza económica grande para o capital e os empresarios, isto non reverte nos traballadores e traballadoras nin na creación de emprego nin tampouco nas melloras das condicións de traballo, nin en cuestións como pode ser o tema da precariedade.

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta