|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Certamente, das tres forzas políticas parlamentarias a única que apostou por camiñar cara a un novo marco estatutario foi o BNG, partindo da premisa lóxica de avanzar no autogoberno e, xa que logo, no proceso de construción nacional. A organización nacionalista, primeiramente, artellou o chamado Foro Novo Estatuto, conformado por diversos persoeiros (algúns de escasa vinculación co nacionalismo, dito sexa de paso), que deu á luz unhas Bases para un Novo Estatuto. Foro e Bases coas que pretendía impulsar socialmente o debate arredor da necesidade de modificar o Estatuto de Galiza actualmente en vigor, o proclamado no ano 1981. A seguir, o BNG -xa organicamente- redactou e presentou a súa proposta de texto articulado dun Estatuto de Nación, que en certo xeito tivo a súa réplica nas “Bases para a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia” da Fundación Iniciativas XXI, estreitamente vinculada ao PSdeG-PSOE. Partido este que, con todo, vén amosando unha preguiza notábel no tocante á cuestión da modificación do marco estatutario actual, o que denota as escasas convicións identitarias, no que a Galiza respecta, desta forza política. Malia estes condicionamentos, en xuño de 2006, ambas as organizacións -xa participando no Goberno da Xunta- pactaron un acordo que recollía unha serie de criterios comúns para o futuro texto estatutario. Pola súa parte, o Partido Popular mantívose en todo o momento á marxe deste debate, até que a forza dos feitos (sen dúbida, a perda do poder político no noso país foi fundamental) fixo que cando menos tivese que se poñer a falar dun novo Estatuto de Galiza. O seu desleixo a respecto desta cuestión vén loxicamente derivado da nula vontade desta forza política por afondar na conquista dos dereitos políticos da nación galega. O aliñamento da actual dirección política do PP en Galiza é claro cos posicionamentos da dirección de Madrid, carecendo de discurso propio e con ancoraxes no país. Discurso que, paradoxalmente, si mantiña o seu anterior líder, Fraga Iribarne, o cal máis que nada por razóns de simple poder si era quen erguer posturas propias fronte á dirección do seu partido en Madrid. Deste xeito, de cando en cando, sorprendíanos co seu disfrace autonomista e mesmo nos lindeiros do galeguismo. Así as cousas, parece complicado aventurar un acordo das tres forzas para dotar a Galiza dun novo texto estatutario. Mesmo se empeza a percibir no ambiente os preparativos dalgunha das forzas para escenificar ante a sociedade a imposibilidade do devandito acordo, repartindo reproches por aquí e acolá. Nese sentido, o PP aférrase ao pactado para a reforma estatutaria en Andalucía, como xeito de marcar unha nidia diferenza co acontecido co Estatut catalán, e chama ao PSOE a repetir ese pacto, que obviamente relegaría a Galiza a un segundo plano no seu estatus no actual Estado español. O PP xoga coa vantaxe de saberse o actor político imprescindíbel para que o noso país se dote dun novo Estatuto, xa que o trámite parlamentario da legalidade vixente exixe do seu concurso para o seu posterior traslado ás Cortes Xerais españolas. Hoxe por hoxe, e se non vai adiante un novo Estatuto, é posíbel que quen queda máis tocado inicialmente sexa o BNG, que foi a forza comprometida de veras con esta tarefa. A súa teimosía se cadra tivo un erro de vulto, que o tempo se cadra axudará a poñer no seu lugar: a non activación social da base nacionalista en prol dun novo Estatuto e dos dereitos políticos da nación galega. Quedará ver, entón, as repercusións que, como país, pode ter un proceso como o posto en marcha a respecto dun novo Estatuto de Galiza, proceo que todo indica que está en transo de quedar abortado ou adiado ‘sine die’. E é posíbel que xa non estea nas mans do nacionalismo darlle a volta a esta situación, cando menos nun prazo breve tempo.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/01/2007 |
||||
|