Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 31 de xaneiro de 2007 (Publicado en La Región o 30/01/2007)

Ignorando a desfeita demográfica
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Traballadores da construcion, clic para aumentar
No sector da construción a eventualidade abrangue ao 80% do cadro de persoal.
 
Resulta abraiante que teña que ser a Comisión Europea a que chame a atención sobre o precipicio demográfico no que nos atopamos por mor da baixísima taxa de natalidade. Non hai dúbida de que esto ten que ver coas políticas económicas e sociais desenvolvidas durante décadas polos governos conservadores en Galiza e no Estado, das que por outra banda fixeron continuísmo os socialistas no Governo central cando colleron o mando. Tamén ten a súa responsabilidade a Unión Europea cando nos impuxo limitacións na produción láctea, naval, etc. Agora ben dito esto, despois de ano e medio longo cun governo progresista no noso país todo semella seguir o mesmo camiño, pra alén dalgunhas medidas correctoras que o tempo amosou non teñen posibilidade real de corrixir o rumbo demográfico.

Non hai unha soa causa pra baixa natalidade, aínda que as principais son: vivenda, emigración, condicións laborais, desemprego, desfeita do sector agro-gandeiro e por extensión do mundo rural, e poucas prestacións por ter fillos. ¿Quen vai ter fillos e fillas se non ten un traballo fixo, ingresos asegurados e unha vivenda? Os fillos poden ser unha ledicia, porén tamén un gasto extra, e en moitas oportunidades mesmo restan ingresos xa que hai que coidalos, polo que obrigan a rebaixar a xornada laboral ou mesmo pedir excedencia. Todos os inconvintes van sobre as costas das familias, nembargantes os beneficios son colectivos, porque garanten o futuro do conxunto da sociedade, non só como identidade nacional senón tamén dende o punto de vista da economía.

Fronte aos bos resultados macro económicos dos últimos anos temos unhas cifras arrepiantes en termos sociais, xa que aqueles que están en tempo de ter fillos en boa parte emigran ao exterior (sobre 20.000 mozos e mozas cada ano con cambio de residencia e outros 50.000 temporalmente), fican no desemprego (unha porcentaxe de perto do 12,5%, 160.000 persoas anotadas nas oficinas de colocación; os datos da EPA non son críbeis), e os que teñen traballo fano en condicións de máxima precariedade. Concretamente, nos menores de 30 anos a eventualidade abrangue ao 60%, os salarios son máis baixos que a media e as xornadas máis longas. Non hai nen medios nen tempo pra o lecer, pra casar, nen pra ter fillos. Así de real e duro, aínda que exista unha minoría privilexiada que cada día viva millor, e mesmo conte con axuda inmigrante pra coidar os fillos e o fogar.

Evidentemente son atrancos que leva tempo resolvelos, mesmo hai algúns que non está totalmente nas nosas maus facelo, porén non é de recibo a pasividade coa que se tratan e moito menos que se agochen, ou non se denuncien a cotío politicamente.

A natalidade é un grave problema, que debe ter unha solución colectiva. Fan falla fortes achegas por parte da Xunta de Galiza, pra alén das que poda poñer en práctica o Governo central ou a Unión Europea. Falo da Xunta porque é da que máis espero. Noutros países da Unión danse importantes subvencións, e non só se aumentaron os días de baixa por maternidade, o que permitiu recuperar a natalidade. Despois de todo a eiva principal pra inmensa maioría deriva dos custes económicos.

Sei das medidas da Xunta en materia de vivenda, pra facer máis garderías, pra aumentar o tempo por baixa maternal, mesmo pra mentalizar que o home colabore máis nas tarefas do fogar. Son necesarias e positivas! Mais non chegan. Compren acións radicais no eido laboral, agrario, da vivenda, e sobre todo polo seu efecto inmediato fan falla máis prestacións sociais e económicas por ter fillos, dirixidas a aquelas familias con ingresos máis baixos e situacións de precariedade laboral, que son a maioría. Abondaba con gastar algo semellante ao que hoxe se adica á Cidade da Cultura ou termos a mesma inquedanza que a que hai polo AVE.

 
 

Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG.

  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta