Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 17 de xaneiro de 2007 (Publicado en La Región o 16/01/2007)

Consecuencias da rebeldía
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Tráfico nunha rúa da Habana, clic para aumentar
Foto da Habana, na que se reflicte o dinamismo actual da cidade, despois de superar o período especial por mor da queda da Unión Soviética e as democracias populares do leste de Europa. (©galizacig.com).
 
Cos últimos dados do “Balance Preliminar da Economía na América Latina e o Caribe 2006” elaborado pola CEPAL, un organismo dependente da ONU, podemos ver como evoluiu a renda por persoa na derradeira década nesta rexión do mundo, e daquela como lle foi a cada nación. Nomeadamente chama a atención o crecemento en catro países: Arxentina, Venezuela, Cuba e Uruguai. No último como consecuencia, sen lugar a dúbidas, do crecemento na Arxentina, do que ten unha grande dependencia económica. Vexamos as cifras. No período 2003 a 2006 o medre do PIB per persoa foi na Arxentina do 7,8%, 8%, 8,1% e 7,4%; en Cuba de 2004 a 2006 do 5,1%, 11,6%, 12,5%; e en Venezuela nos mesmos anos do 15,8%, 7,5% e 8,2% respectivamente. Moi por riba da media da área que foi do 0,5% no 2003 e 4,4%, 3% e 3,8% nos anos seguintes.

Estes resultados positivos, despois dos graves problemas sociais ou económicos polos que pasaron estas nacións, e que aínda pasan algunha delas, como o noxento e aldraxante bloqueio que soporta Cuba, reflicte que se diga o que se diga van polo bo camiño, xa que se trata de resultados moi superiores aos que conseguen outros países que a cotío se poñen como exemplo a seguir. Entre eses exemplos están Brasil e México, as dúas maiores nacións de América Latina, á primeira gabáselle polas súas políticas sociais a respeito das situacións de pobreza máis estremas sen rachar coas regras da globalización neoliberal, e da segunda destácanse os resultados da integración na economía dos Estados Unidos que seica aportan beneficios aos cidadáns. Pois ben tanto Brasil como México teñen uns avanzos cativos. Concretamente pra o período 2004 a 2006 o PIB por persoa medrou en Brasil o 3,4%, 0,9%, e 1,4%; e en México o 2,7%, 1,6% e 3,4%. Dá que pensar.

Hai quen dirá que estes bos resultados nos países máis “rebeldes” son consecuencia do maior prezo do cru, e teñen razón en parte, aínda que Arxentina e Cuba son productores menores e non exportan, e no pelotón máis submiso tanto México como Brasil teñen unha importante produción e o primeiro exporta, polo que non é un elemento diferenciador. Ademais, non se pode esquecer que se o petróleo e o gas teñen un prezo máis razoábel no mercado internacional débese en boa medida á actitude reivindicativa do governo de Chaves e á chamada Revolución Bolivariana. En poucas verbas: a vontade política mudou a realidade económica, favorecendo non só aos países que manteñen posturas máis soberanistas senón tamén (por extensión) a todos aqueles que son exportadores de productos enerxéticos.

O avanzo económico en Arxentina, Cuba e Venezuela garante un maior nivel de vida da povoación, aínda que con diferencias entre cada un destes estados no referente a redistribución dos bens producidos entre as clases sociais. Deste xeito afortálase o eixo antiimperialista na rexión e cóutanse algúns dos efectos máis perversos da globalización. Ao anterior temos que engadir asemade, que tamén ten efectos positivos no centro do sistema a medio prazo, ou sexa: nos Estados Unidos, Unión Europea e Xapón. Entón, por qué non se alentan? Coido que por medo ás consecuencias sociais e políticas do exemplo no interior dos estados máis poderosos, onde a centralización e concentración da riqueza son bendicidas como os alicerces pra manter o emprego (mediante grandes custes sociais e retrocesos nas condicións de traballo) xusto todo o contrario do que neste intre acontece na outra beira do Atlántico. A avaricia non ten cancelas.

 
 

Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG.

  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta