|
Actualidade
A Coruña, 29 de xaneiro de 2007
Lignitos de Meirama segue negándose
a incorporar estes operarios ante o peche da mina de Cerceda o 31 de decembro de 2007
A CIG urxe á Comisión do Plano Miner II e a Limeisa unha solución global aos traballadores
das auxiliares do carbón
| |
 |
| Máis de 500 persoas esixiran o 30 de
setembro de 2006 en Ordes solucións e os mesmos dereitos para os traballadores/as das auxiliares que os
que teñen os das empresas principais das minas do carbón. (Foto: ©galizacig.com). |
| |
A CIG urxe a Lignitos de Meirama S.A. (FENOSA)
a que asine o acordo atinxido en outubro de 2006 na Mesa das Industrias Auxiliares do Carbón da Consellaría
de Industria. Neste acordo prevese a incorporación ás empresas principais dos traballadores das compañías
auxiliares. Ao mesmo tempo, a central nacionalista insta á Comisión de Seguimento do Plano Miner
II a que recoñeza dunha vez os dereitos dos traballadores galegos das minas de carbón.
O pasado 19 de xaneiro, celebrouse unha Asemblea
dos traballadores das Empresas Auxiliares da Mina de Lignitos de Meirama (Cerceda). Nesta asemblea, a CIG informou
da situación actual das negociacións sobre as recolocacións e prexubilacións dos traballadores
das empresas auxiliares diante do peche da mina de Meirama previsto para o 31 de decembro de 2007.
Deuse conta, tamén, do bloqueo existente
na Comisión de Seguimento do Plano Miner II, da postura intransixente de Limeisa, que segue negándose
a asinar o Acordo ao que se chegou o pasado mes de outubro na Mesa da Industria Auxiliar do Carbón da Consellería
de Industria. Ademais, tamén se informou de que en As Pontes, das 80 incorporacións de traballadores
das auxiliares previstas para setembro de 2006, a día de hoxe non foi incorporado nin un só traballador.
Por último, desde a CIG lembrouse unha
vez máis a discriminación e marxinación das minas galegas do lignito pardo dentro do Plano
Miner II (asinado o mes de marzo de 2006 polo Ministerio de Industria, CARBUNIÓN, CCOO e UGT). Grazas ás
mobilizacións dos traballadores das auxiliares das minas galegas (folgas, manifestación, etc), a
Comisión de Seguimento do Plano Miner II en Madrid ten que redefinir os criterios de aplicación das
medidas que o Plano Miner II estabelece para as incorporacións de traballadores das empresas auxiliares
á empresa principal para a súa prexubilación e recolocacións.
Desde a CIG advertiuse que nesta nova definición
de criterios, que cada día se retrasa máis, “os traballadores galegos non podemos ser outra vez esquecidos
pero, para que non se repita, imos ter que nos mobilizar. As solucións globais que reclamamos, neste momento,
por todo o dito anteriormente, obrígannos á mobilización”.
Na pasada Asemblea acordouse celebrar unha nova
Asemblea de traballadores para inicios do mes de febreiro, “e se non hai novidades significativas, se non está
claro o noso futuro, e se Limeisa continúa negándose a asinar o Acordo da Mesa da Industria Auxiliar,
definirase un calendario de mobilizacións”.
|