|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
Xerardo Abraldes: O primeiro ano veu marcado por dúas cousas: unha, a recomposición do que foi a Executiva Comarcal e digamos que isto foi determinante porque houbo un relevo importantísimo na Executiva. Da Executiva anterior quedamos unicamente catro persoas e hai cinco persoas, é dicir, houbo unha renovación de máis do 60% e iso precisou dun tempo. Logo, a outra cuestión foi poñer a andar o Secretariado, que aquí xa funcionaba pero de xeito máis espazado. Aquí este organismo levaba funcionando desde hai tres ou catro anos. Desde o punto de vista organizativo ou interno, isto foi o principal. De traballo sindical o fundamental foi a preparación das eleccións sindicais que se levou a través do propio Secretariado e que para nós aquí é importantísimo ter todo preparado en abril do ano anterior ao período forte, e máxime este ano que veu adiantadísimo. Xa levamos máis de 500 delegados como CIG a día de hoxe na comarca. E todo este proceso de preparación leva tempo porque hai que facer contratacións, mirar que federacións se reforzan, que localidades, e esa é unha das claves para que a nós nos saian ben as eleccións. E despois o tema de apoio aos conflitos que foron saíndo, que houbo uns cantos e como sempre tamén a participación da CIG en todo os movementos sociais que se dan na comarca nos que tamén estamos presentes.
Xerardo Abraldes: Realmente non se mira demasiado cambio en Vigo. Fundamentalmente eu creo que iso responde a que a Consellaría de Traballo é unha consellaría PSOE que está moi mediatizada polos acordos con CCOO e UGT. A nivel de trato ou funcionamento institucional non hai grandes novidades. Tampouco vemos grandes novidades con respecto ao emprego. A comarca de Vigo e en concreto o Concello de Vigo estamos bastante por riba da media de desemprego de Galiza. Vigo en concreto é a cidade con maior taxa de desemprego. Isto continúa a ser así. E despois doutro parámetro do que podemos falar é o tema de contratación con dereitos, fixa, pois malia a que se está a anunciar cada vez máis por parte da Administración e dos outros sindicatos que está a aumentar espectacularmente a contratación fixa, nós non o vemos. Polo tanto, os dous grandes problemas aquí na comarca que eran desemprego e precariedade continúan exactamente igual que até o de agora. As relacións institucionais coa Consellaría de Traballo fundamentalmente tampouco se distinguen porque teñan moita máis fluidez ou porque entre a intervir a Consellaría nos conflitos. Nós a nivel de comarca a outra Consellaría coa que temos algún tipo de relación é Industria, pero xa moitísimo menos. En canto a transparencia hai algo máis pero non temos moita máis relación, algún tema de comercio ou algunha empresa concreta pero moi pouca cousa. Zélia García: Que destacarías da actividade sindical e social deste período? Xerardo Abraldes: De actividade sindical houbo conflitos importantes como todo o tema da negociación do Convenio do Metal, con todo o que conlevou en canto a mobilización, actuación policial e foi o conflito máis importante e o que marcou a pauta. Houbo moita negociación colectiva ademais da do metal, que quizais é menos coñecida pero que tamén foi importante. Nese sentido destacou o comercio, convenios nos que a CIG participou moi activamente, desde peixe fresco até mobles, comercio e alimentación rematouse de dar forma. Tivemos algún conflito longo como o de Rodycut Montenegro, Garevol, que sen ser empresas moi grandes ou moi numeroso a cantidade de traballadores e traballadoras afectadas, pois si que foron conflitos inusuais pola súa dureza ou polas súas características. En canto a temas sociais, está todo o tema que está a acontecer ao redor do Plan Xeral. Nós nun principio nos posicionamos a favor pola importancia económica que entendemos que ten para a cidade. De feito estamos a comprobar xa as súas consecuencias: os compañeiros da construción plantexaban xa o outro día que está a haber xa despedimentos obxectivos ou finalizacións de contrato por falta de traballo no sector. Para unha cidade como Vigo non ter un Plan Xeral moderno é unha ruína, paraliza a economía, temos un montón de empresas pendentes de traslado que non están a investir absolutamente nada nin en maquinaria nin en reparación nin en tecnoloxía; especialmente son conserveiras, e empresas dedicadas ao frío industrial. E este foi un dos nosos eixos de traballo. O outro foi a preocupación polo coidado e o medio ambiente da ría. Nós participamos activamente na Plataforma en Defensa da Ría e fundamentalmente en dúas cuestións: unha, o tema de depuradoras, saneamento; e por outro lado o tema dos recheos, porque entendemos que hai que tentar harmonizar o desenvolvemento do porto e determinadas industrias que medraron ao redor del coa sustentabilidade medioambiental da ría. E iso para nós tamén é moi importante e dedicámoslle tempo e estamos aí pendentes. Outra cuestión é que estamos a asistir nestes últimos meses a unha batalla pre-electoral entre a candidata do PP e o do PSOE, que non paran de sacar proxectos á luz pública pero realidades ningunha, nin por unha parte nin por outra. Normalmente como CIG, de momento estamos a expectativa analizando isto, a dirección comarcal sempre que hai eleccións municipais fai a súa listaxe de prioridades que lle entrega a todas as candidaturas, e despois especialmente a quen obtén a alcaldía. Fixémolo co BNG, co PSOE, co PP, con pouco éxito con calquera dos tres, tamén hai que dicilo. Este ano foi o Ano da Memoria e como CIG participamos moi activamente tanto nos actos organizados por outras asociacións e nomeadamente pola Asociación Viguesa pola Recuperación da Memoria do 36, coa que colaboramos sempre e na que está encadrada cantidade de xente do sindicato, e á que apoiamos tanto economicamente como a nivel de presenza e de medios. Zélia García: E en canto a cuestión da saúde laboral? Como se está a abordar esta problemática desde a comarca neste último ano? Xerardo Abraldes: É un tema que o levan as federacións, desde a comarca unicamente damos cobertura a través de formación e pouco máis. Houbo unha tentativa o pasado ano por parte dos sindicatos de crear unha mesa coa patronal que fracasou inmediatamente porque a idea da patronal era captar fondos para cursiños, exposicións e publicidade e non se decatou de que estabamos noutra clave, que era a de artellar medidas tanto na negociación colectiva como no propio día a día para evitar os sinistros. E non chegou a nada. O que si facemos desde a comarca é animar as federacións, tense feito algunha protesta pola situación de determinados colectivos. Zélia García: Por último, queriamos saber que avaliación se fai desde a Secretaría Comarcal de dous temas fundamentais: a afiliación e as eleccións sindicais. Xerardo Abraldes: En canto a afiliación temos calculado que imos rematar o ano 2006 con como mínimo 1.000 afiliados e afiliadas máis, o cal é un incremento moi substancial, máis dun 8%, o que é para nós moi satisfactorio, porque fomos medrando moito nos últimos anos. Vamos superar xa as 16.000 fichas activas, se non as pasamos xa. O que tamén é importante é que estamos entrando con moita xente nova en moitos sectores novos. Estase a afiliar un montón de xente nova menor de 30 anos e en sectores que até agora non tiñamos gran cousa como telecomunicación, hostalería, telemárketing, e despois fundamentalmente no metal. Metal, construción e servizos son as tres federacións con maior porcentaxe de afiliación e nas que cada vez se está a afiliar xente máis nova. As eleccións sindicais a verdade é que van moi ben. Estamos agora mesmo no 34,8%, puxerámonos como obxectivo rematar o ano 2007 no 35% e penso que no primeiro trimestre do ano que vén vamos poder revisar á alza esta porcentaxe. Igual que na anterior estamos entrando tamén en empresas onde nunca tivemos nada, a conta de persoas honestas que veñen rebotadas e queimadas de Comisións Obreiras, é fundamentalmente a canteira de persoas que temos. Esa xente achégase a nós porque a CIG é un referente na defensa dos traballadores e traballadoras. E logo outras son cantidade de empresas novas que non tiñan representación sindical e esas empresas estanse achegando a nós por dúas vías: unha polo traballo do día a día, reparto de propaganda, reparto de convenios, visitas que fai a xente das federacións a estas empresas dun xeito rutinario, e estanse a animar a presentarse ás eleccións sindicais, e veñen un pouco tamén porque a CIG na comarca de Vigo é tamén un referente, ten xa certo peso que lle da unha inercia importante. Por iso cando a xente se plantexa a necesidade de ter un representante sindical na empresa pois sabe que a CIG funciona ben, que é un sindicato coherente e que defende os seus dereitos e veñen aquí. Eu creo que ese é un tema que está na rúa, que de CCOO e UGT pódese chegar a falar de todo, pois de nós en liñas xerais se fala bastante ben. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/12/2006 |
||||
|