|
Actualidade / Opinión Silvia Bermúdez Pérez-
En setembro de 1923, o golpe de estado de Primo de Rivera frea, entre outras cousas, a progresión do fútbol galego. Será no campo do Chamartín, en 1930, onde Galiza volve a disputar un partido contra a selección do Centro, vencendo 4-1. A recadación foi destinada ás familias damnificadas polo naufraxio dun pesqueiro de Bouzas. O derradeiro partido da selección galega dispútase nas Olimpíadas de Barcelona, resposta internacional aos xogos de Berlín, o 12 de xullo de 1936, seis días antes do golpe de estado. Moitos destes xogadores fican en Barcelona e loitan no bando republicano contra o levantamento franquista. A selección galega quedará sumida no máis profundo dos esquecementos, até 1977, ano no que A Nosa Terra abre o debate reivindicativo sobre a mesma. A finais dos anos 90 o movemento bravú recupera a reivindicación da selección galega para o debate impulsado por Siareiros Galegos, movemento que agrupa peñas do Celta, o Deportivo e mais o Compos, na defensa da nosa selección. Michel Salgado, daquela xogador do Celta, Fran do Depor e Nacho do Compos serán os xogadores máis comprometidos neste debate. O 29 de decembro de 2005 a ilusión converteuse en realidade, miles de siareiras e siareiros enchemos até os bordos o campo de San Lázaro para disfrutar, tras sesenta e nove anos de inactividade, do debut da nosa selección. O combinado nacional galego gañou sen dificultades á bicampeona do mundo Uruguai. A afición converteu un brillante partido nunha festa inesquecíbel. Unha afición chegada de campos grandes e campos de terra, composta especialmente por mocidade, que durante tantos anos se mobilizou para facer cumprir o soño. Este feito histórico foi un logro da sociedade civil galega, e dunha Dirección Xeral de Deportes que deu resposta a estas demandas. Un logro, como primeira etapa dun vieiro que, agardemos, nos leve algún día a contemplar os éxitos dos nosos e as nosas deportistas lucindo as nosas cores. Este xoves teremos unha nova festa en Riazor, poderemos, de novo, vibrar coas nosas cores. Unha nación, unha selección!! |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/12/2006 |
||||
|