Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 21 de outubro de 2006

Entrevista a Enrique González Figueroa, instructor de mergullo profesional
A necesaria visibilización do conflito dos mergulladores

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Enrique González Figueroa, clic para aumentar
Enrique González Figueroa: “Os mergulladores preguntámonos para que serven as normas de seguridade se ninguén vixía o seu cumprimento. Esas normas de seguridade había que levalas tamén a un cadro específico de postos de traballo onde se lle asignen os riscos e as enfermidades que conlevan estes riscos ou posíbeis accidentes. E tamén se tería que concretar nun convenio específico de traballo onde se recollan todos eses riscos porque ata que non sexamos importantes para nós mesmos continuaremos nesta situación de invisibilidade e alta siniestralidade non detectada”. (Fotos: ©galizacig.com 05/10/2006).
Mergullo, clic para aumentar
 
Entrevista mantida nun encontro con mergulladores e técnicos en saúde laboral sobre a problemática dos mergulladores no noso país. O do mergullo é un sector moi amplo que vai desde a recolección até a construción ou o metal, con moitas trabas para o acceso ao posto de traballo pero pouca protección por parte da Administración.

Na local sindical da CIG en Vigo tivo lugar unha xuntanza da Asociación Galega de Recolectores Submariños, representantes sindicais da CIG e Enrique González Figueroa, instructor de mergullo profesional, que respondeu as nosas preguntas sobre a situación do sector dos mergulladores.


Zélia García: Desde a túa perspectiva, cal é o principal problema a afrontar no sector do mergullo?

Enrique González Figueroa: Eu creo que o punto máis necesario é a regulación profesional, que se regule dunha vez por todas e sobre todo o que ten que ver coa seguridade social, desde o punto de vista de cobertura médica e laboral, e tamén que se recoñezan dentro de cada unha das ramas do mergullo as súas enfermidades específicas como enfermidades profesionais.

O que se pide é que se faga unha clasificación onde se recollan de xeito acaído cada unha das actividades profesionais que existen no mergullo e a cada actividade profesional lle sexan recoñecidos os seus riscos profesionais e os coeficientes reductores específicos.

Danse casos paradóxicos como chegar a un medico con unha otitis e que a solución sexa que che den unhas gotas e che manden traballar cuns tapóns, ou que un mergullador chegue a traballar a unha empresa e o convenio que se che aplique sexa o da construción. Agora mesmo calquera empresa de mergullo profesional só pode estar no convenio da construción ou do metal, que depende un pouco da empresa na que se traballe. Se está a traballar en barcos, en estaleiros, refrotamentos, reparacións a frote, inspeccións de cascos ou clasificacións de buques, normalmente esas empresas están dadas de alta todas dentro do sector do metal. Se estás a traballar en construción de portos, dragados, obra civil, esas empresas adoitan estar dentro do sector da construción.

Reclamamos que se recollan dunha vez por todas, nun convenio específico para o mergullo, as categorías profesionais que existen no mergullo, e que a estas categorías profesionais se lle asignen uns dereitos e uns deberes, tal e como ocorre con outras actividades profesionais.

Zélia García: Ante que situación se encontran os mergulladores na cuestión da atención sanitaria? Inflúe que non exista unha regulamentación sobre o sector?

  Enrique González Figueroa, clic para aumentar
Enrique González Figueroa: “O que se esixe tamén desde o colectivo de mergulladores é que se nos considere como unha profesión de alto risco que é a que temos. De feito, a nivel estatal na normativa do Ministerio de Fomento esta recoñecida como tal. Ao recoñecer esta profesión como de alto risco nos teñen que recoñecer uns coeficientes reductores altos como teñen salvamento, bombeiros e moitos outros corpos”. (Fotos: ©galizacig.com 05/10/2006).
Mergullo, clic para aumentar
Mergullo, clic para aumentar
 
Enrique González Figueroa: Hoxe teño un barotrauma que non me permite mergullar de por vida e a min agora non me dan ningun tipo de incapacidade parcial. Terei que demostrar, ir a médicos privados, pagar por informes para que despois na Seguridade Social o inspector correspondente recoñeza esa enfermidade como enfermidade profesional. Igual que se teño unha otitis e non podo bucear, ou se rompo un brazo, un traballador doutro tipo en dous meses podería volver ao seu posto de traballo, eu como mergullador non podo volver facer inmersión durante seis meses porque non o podo volver a someter a presión tan rápido que pode volver fisurar, pero iso non está recoñecido.

A saúde laboral dos traballadores non depende da Seguridade Social senón que depende dos Servizos de Vixiancia da Saúde que teñen que ter contratados as empresas, xa sexa coa súa Mutua Laboral ou con unha empresa específica que ofreza este servicio as empresas. É obriga das empresas velar pola saúde dos seus traballadores, e isto inclúe os recoñecementos médicos anuais, o tratamento de enfermidades profesionais ou accidentes laborais, o pago de incapacidades parciais ou totais ou o falecemento do traballador. Son polo tanto estes servizos de saúde que contrata a empresa os que teñen que facerse cargo da saúde do mergullador e senón dispoñen de especialistas axeitados deben contratalos ou pagar o servizo dos mesmos cando un mergullador dunha empresa os precise. Cando un mergullador ou calquera traballador ten un accidente ou enfermidade profesional e a súa Mutua Laboral non llo quere recoñecer como tal, ten que acudir a Inspección de Traballo para que lle sexa recoñecido como tal e non como enfermidade común a hora de coller unha baixa. Neste senso estaríamos igual que o resto de traballadores.

Zélia García: Cantos traballadores no mergullo profesional hai?

Enrique González Figueroa: Recolectores deben ser 460 totais a nivel galego, e nas outras ramas do mergullo é moi difícil de precisar, tendo en conta que falamos dun sector que ten moita mobilidade. Na provincia de Pontevedra pola cantidade de recursos e polos plans específicos é posíbel que sexa onde haxa maior número de traballadores, e moi parello estaría a provincia de A Coruña. Pero o mergullador ten moita mobilidade e traballa en todo o país. Como sector, non somos un sector moi importante a nivel nacional, pero hoxe en día se pararan os mergulladores pararíase moita da obra portuaria e moita obra civil. Non somos moitos pero si moi importantes, e estamos no sector da construción, no metal e tamén no da recolección de recursos mariños.

O que se esixe tamén desde o colectivo de mergulladores é que se nos considere como unha profesión de alto risco que é a que temos. De feito, a nivel estatal na normativa do Ministerio de Fomento esta recoñecida como tal. Ao recoñecer esta profesión como de alto risco nos teñen que recoñecer uns coeficientes reductores altos como teñen salvamento, bombeiros e moitos outros corpos.

Zélia García: De quen depende a vosa seguridade laboral?

Enrique González Figueroa: Antes o mergullo estaba en máns do Ministerio de Agricultura e Pesca, na actualidade desde o punto de vista legal o mergullo depende das Comunidades Autonómas, agás na cuestión da seguridade marítima que está en mans da Dirección Xeral da Mariña Mercante e das Capitanías Marítimas. Todo o que ten que ver co mergullo regúlase a través das comunidades autónomas (formación, certificacións profesionais de traballo, regulación de actividade nas augas territoriais) agás as normas de seguridade que pertencen ao Ministerio de Fomento. É un pequeno erro porque os mergulladores non só traballamos en augas marítimas, porque tamén traballamos no interior, nos encoros, en redes de alcantarillado das cidades facendo mantemento e limpeza, en calquera sitio no que non se poida entrar respirando o gas ambiente, ou que haxa unha variación de presión, enténdese que ten que haber unha intervención hiperbárica, que é aquela na que hai un aumento da presión ambiente; pode ser polo tanto nun depósito de auga doce, de aceite, central nuclear, ou alcantarillado con gases tóxicos, etc. O mergullador non só mergulla no mar, e a seguridade queda un pouco descuberta porque se ti vas a un porto de mar facer un traballo podes acudir á capitanía marítima de zona, pero se por exemplo ti vas a Compostela non hai capitanía marítima. A lexislación o que di é que tes que pedir eses permisos á Dirección Xeral da Mariña Mercante, polo que se cría certo vacío legal. Na actualidade case ninguén pide permiso.

A maioría dos mergulladores son autónomos, no caso dos recolectores, e nos outros casos, na súa maioría, son contratados polas empresas. Hai unhas normas de seguridade moi estrictas que son moi difíciles de cumprir e non se están a poñer os medios necesarios por parte da Administración para que se cumpran, non se fan inspeccións nas obras, non se utilizan os equipos necesarios. Non se fan inspeccións até que non morre alguén. O problema tamén parte da competencia desleal que hai dentro do propio sector. Como non hai nin un acordo mínimo entre as empresas para establecer uns prezos, criouse un “mercado libre” que ten como consecuencia que se oferta ao mellor postor. Como a ninguén o obrigan a cumprir as normas de seguridade, o que está acarreando é que para poder baixar os prezos hai que adaptarse ao sistema existente precarizado e con fallos evidentes en medidas de seguridade.

Un dos grandes problemas neste sentido é a falta de inspectores de traballo coñecedores das normas de seguridade de mergullo, só hai inspección cando un traballador morre. Xa ten pasado que un mergullador ten levado un golpe na auga e dicir que o traballador morreu en superficie, até incluso coller un casco de obra de terra os propios compañeiros por non perder o seu traballo darlle un golpe e rompelo por non cumprir as normas de seguridade baixo a auga.

Outro dos problemas que temos é que non están recoñecidos nin os accidentes porque non hai unha estatística oficial. Só están recoñecidos como tales aqueles nos que o mergullador morre afogado. Ese é o problema de que non exista ningún convenio propio no que se lles recoñezan aos mergulladores os seus dereitos e deberes. Os mergulladores preguntámonos para que serven as normas de seguridade se ninguén vixía o seu cumprimento. Esas normas de seguridade había que levalas tamén a un cadro específico de postos de traballo onde se lle asignen os riscos e as enfermidades que conlevan estes riscos ou posíbeis accidentes. E tamén se tería que concretar nun convenio específico de traballo onde se recollan todos eses riscos porque ata que non sexamos importantes para nós mesmos continuaremos nesta situación de invisibilidade e alta siniestralidade non detectada.

Zélia García: Como cres que tería que afrontar a Administración a saída ao voso conflicto? Que pasos se teñen que dar?

Enrique González Figueroa: O primeiro que tería que afrontar a Administración sería a saúde laboral dos mergulladores, regular as categorías que hai dentro do mergullo e basándose nesas categorías profesionais facer unha avaliación de riscos e enfermidades profesionais. Eso sería o primeiro. O segundo é que se hoxe por hoxe a seguridade depende do Ministerio de Fomento, que dunha vez por todas a Inspección de Traballo cualifique a inspectores para realizar unha inspección efectiva das obras. As medidas de seguridade non serven de nada se non hai ferramentas para vixiar o seu cumprimento. Hai unha normativa de seguridade moi estricta que non vale para nada. Estamos recoñecidos de forma patente como unha actividade de alto risco pero despois non temos coeficientes reductores.

Outra cuestión a nivel estatal é que non hai un criterio único de titulacións, de calidade da formación, que é o máis grave. A escola de Galiza estaba considerada a nivel europeo como un bo centro de formación pero agora tamén pasa un mal momento porque pon en mans dunha empresa privada, a través dun contrato de asistencia técnica, a formación dos futuros mergulladores, cando ten despedido os instructores de mergullo que tiña contratados dende fai máis de 6 anos polo mesmo sistema de contratación. Por parte do novo goberno púxose en marcha o Consello Galego do Mergullo, que é un organo consultivo da Administración que ten a súa próxima reunión o 24 ou 25 de outubro. Esperamos que a través deste órgano podamos presionar á Administración para que se trate de resolver todos estes temas pendentes. A situación actual de visibilización das nosas demandas ven dada porque moitos de nós estamos chegando xa a unha certa idade, 45 ou 50 anos, está habendo unha certa ansiedade para que se retomen estas demandas e ademais agora que a prevención e a saúde laboral cobra tanta importancia non podemos quedar fóra.

Zélia García: Outra das inquedanzas médicas destes traballadores é a cuestión de que non haxa un centro hiperbárico de referencia en Galiza. Pódesnos comentar máis polo miúdo esta cuestión?

Enrique González Figueroa: A única cámara oficial que hai é a do Hospital Naval de Ferrol, que está nunha situación moi precaria, sen servicio permanente as 24 horas e fins de semana. O problema é que cando acontece un accidente de descomprensión hai que facer un tratamento antes das dúas horas seguintes porque senón pode acarrear consecuencias. Ademais cando pase ao Sergas non vai cumprir coas normas de seguridade que esixe a lexislación. Hai outra cámara hiperbárica en Compostela, en Lavacolla, que non cumpre coas normas de seguridade porque non se podería trasladar ata ela a un accidentado, por terra mar ou aire, sen superar unha presión inferior a equivalente aos 300 metros de altitude tal e como establece o punto 4 do artigo 20 das devanditas normas.

Estamos loitando para que teñamos dous centros de referencia hiperbárica: en Ferrol que se poña esa cámara en condicións operativas e que haxa outro na zona sul, e en vistas de que se vai abrir un novo hospital en Vigo, pois que se prevea xa esta necesidade.

 
 

Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/10/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta